Homepage
O Índice
As novas
Lista de Correio
Procuras
A Tenda
Os xogos
Publicidade
Contactar

A afastada Sedna fai medrar as posibilidades de que haxa outro planeta do tamaño da Terra no noso sistema solar

(Artigo extraído de Space.com)

por Robert Roy Britt

O noso recuncho da galáxia fíxose un pouco máis estraño esta fin de semana co descobremento de Sedna, o obxecto máis afastado xamáis visto no sistema solar. Agora os astrónomos pregúntan-se como chegou alí.

A ideia máis intrigante é se podería haber outro mundo tan grande coma a Terra, un xigante gravitacional agocho nalgún recuncho inexplorado do sistema solar.

Velaquí o problema: os científicos non poden saber como Sedna, que é dun tamaño de tres cuartas partes o de Plutón, chegou a ter unha órbita tan extraña ao redor do Sol. O sendeiro de Sedna é altamente elíptico. Vai dende 76 unidades astronómicas (UA) cando está máis preto do Sol até 1.000 UA cando está máis lonxe. Unha UA é a distáncia que hai entre a Terra e o Sol.

"Como diaños puido algo chegar a ter unha órbita coma esa?", pregúnta-se o astrónomo Brian Marsden. Suxire que outra clase de Terra puido ter algo que ver coa actual e extraña órbita de Sedna.

Unha xemelga da Terra?

Michael Brown, o astrónomo do Instituto de Tecnoloxía de Califórnia que levou ao descobremento de Sedna, dixo que o escenário máis posible incluiría ao Sol, nacido nun grupo de estrelas, e várias estrelas que estaban daquela máis preto do sistema solar - pero a uns 10.000 UA de distáncia. Éstas serían as responsables de lanzar obxectos coma Sedna.

Vários astrónomos que non teñen que ver co descobremento apoian a ideia de que Sedna foi lanzada por unha estrela. Pero outros non apoian esa explicación.

"Non creo que fose así", dixo Marsden, director do Minor Planet Center en Cambridge, Massachussetts, onde son catalogados os corpos recén descobertos no sistema solar.

Marsden coida que foi un obxecto máis cercano, un "obxecto planetário", se cadra entre 400 e 1.000 UA.

"Se cadra hai máis dun planeta aí fóra", dixo Marsden. "Quen sabe? Pero supoñamos que é algo da masa da Terra, pode que mesmo da masa dunhas cantas Terras. Un achegamento podería ter lanzado este obxecto [Sedna] dende algo máis circular a algo máis excéntrico".

Marsden di que tal escenário deixa aberta a pregunta de como un planeta tan grande coma a Terra puido formarse tan lonxe do Sol, onde o material para a formación apenas chegou, segundo as teorías actuais. Brown dixo que un planeta do tamaño da Terra é se cadra unha posibilidade. Pero os cálculos da súa equipa sitúano a unhas 70 UA.

"Coidamos que é improbable, porque coidamos que xa o teríamos atopado", dixo Brown.

Alan Boss, un teórico da formación dos planetas no Instituto Carnegie en Washington, D.C., está dacordo en que unha estrela cercana ou unha nube densa de gas é o motivo máis probable das extrañas viaxes de Sedna. Boss dixo que sería "difícil de imaxinar" a formación dun planeta do tamaño da Terra no lugar onde tivo lugar a interacción.

Unha rexión para explorar

Pero Brown dixo que hai inda unha rexión inexplorada do espazo, case un 20 por cento do ceo, onde non se procurou ningún obxecto do tamaño da Terra que orbite a 70 UA e presumiblemente no plano principal do sistema solar. É a rexión cara o centro máis brillante da galáxia, onde é difícil procurar.

Brown dixo que a súa equipa está considerando a ideia de facer esta procura agora.

Se a ideia de Marsden está en marcha, e hai un planeta do tamaño da Terra a moitos centos de UA, podería ter fuxido doadamente da detección polos métodos habituais.

De calquera xeito, isto non implicaría a existéncia dunha Terra normal. Calquera obxecto máis lonxe de Plutón estaría conxelado e non sería candidato a albergar vida.

Nunha liña argumental paralela, os astrónomos teñen distintas opinións respeito a se Sedna debe ser considerado un planeta. Moitos din que Plutón nunca debeu ser chamado planeta, porque é máis coma Sedna e outros obxectos alén de Neptuno: pequeno e con órbitas moi afastadas.

De feito, non embergantes, non hai definición astronómica para o termo "planeta". Pero a Unión Astronómica Internacional deixou claro hai uns anos que Plutón, mália o que din moitos astrónomos, non debe ser despoxado da súa condición de planeta. Non se sabe como chamarían os astrónomos a un obxecto do tamaño da Terra alén de Neptuno nunha órbita circular, pero sería difícil non consideralo un planeta.

Terras inda máis lonxe?

Alan Stern, do Instituto de Investigación do Suroeste engade outro xiro ao crebacabezas. Stern coida que podería haber plenetas do tamaño da Terra na Nube de Oort, a rexión máis afastada do noso sistema solar.

A equipa de Brown dixo que coidaban que Sedna debería ser considerado coma o primeiro obxecto coñecido da até agora teórica nube de Oort. A ideia da existéncia desa afastada reserva de pequenos obxectos xelados baséase nas órbitas dalgúns cometas que aparecen polo interior do sistema solar e logo desaparecen no espazo profundo.

Non embergantes, ninguén sabe o que hai realmente na nube de Oort.

"Diría que é probable", dixo Stern en resposta á pregunta sobre a existéncia dunha posible Terra na nube de Oort. Nos primeiros anos do sistema solar, explicou, pénsase que obxectos tan grandes coma a Terra chocaron contra Urano e Neptuno. As simulacións por ordeador mostran que a meirande parte dos obxectos do tamaño da Terra "serían lanzados dende a rexión dos planetas exteriores, non acumulados en Urano e Neptuno, así que algún día atoparemos estas relíquias xeladas na nube de Oort".

Atopar eses mundos a tan enorme distáncia sería un desafío monumental. Din que a nube de Oort está a case a metade de distáncia coa seguinte estrela coñecida.

0

Copyright © 1997-2006 Dumbría.NET