|
NOVA FANTASIA: Mil e un logos!
por Fran Morell
Vale, se cadra non foron mil e un, pero uns sete ou oito poida que si. Foron os logotipos que encabezaron a nosa revista favorita durante os dez anos que leva existindo, dende o primeiro que houbo mesmo antes de nacer até o que agora mesmo ocupa o posto de priviléxio e que por vez primeira está en todas as páxinas da Web. Imos facer un pequeno repaso do que foi e se cadra puido ser, para así termos máis claro... o que será!
Este logotipo nunca chegou verse na portada de NOVA. Foi o primeiro que se deseñou para a revista pero finalmente non foi o elixido polo Editor. Feito integramente naquel estupendo programa de Windows 3.1 chamado Paint Brush, incorporaba xa ún dos sinais que ao cabo serían ún dos nosos elementos definitórios: unha letra grega alfa no lugar do "A" natural, simbolizando o noso benquerer polo mundo científico e o noso escepticismo, que nos diferenciarían doutras publicacións que coma a nosa tratasen temas fantásticos. Coma podedes ver, a verba "fantasia" non aparece por ningures, porque nun primeiro intre NOVA FANTASIA ía ser simplesmente... NOVA.
O segundo intento foi o bó: creado con outro programa de debuxo, pero tamén fundamentalmente no Paint de Windows, o logotipo que nos acompañaría durante a nosa primeira andaina polo ciberespazo levaba un xogo de caracteres máis céltico (outro dos nosos emblemas, o celtismo) xunto á verba "fantasía" cun tipo de letras ao estilo Enya. Como fondo, uns tenebrosos espíritos que berraban dende unha cunca de augardente. O lema "O fantástico, en galego" con normativa reintegracionista, que ás veces acompañounos na revista e que non utilizamos máis porque non temos abondo coñecemento dela.
Os primeiros anos de NOVA tiveron unha dobre dimensión, coma ben lembraredes os nosos lectores máis veteráns: a primeira no noso espazo Web (daquela albergado en Geocities.com), onde aparecía un logotipo distinto ao que levaba a nosa revista, distribuida en formato de arquivo EXE autoexecutábel e que podía ún baixar-se dende a mesma Web ou agardar a que aparecera na túa BBS favorita; e o segundo, na mesma páxina Web, onde unha pantasma e unhas letras entre célticas e nórdicas acompañaban ao lema. E coma podedes observar, NOVA ía sen o "fantasía".

O número 4 da nosa revista apareceu en marzo de 1998 e con moitas variacións, coma podedes observar. En primeiro lugar, mudaba de novo a tipografía, adaptándose a un xeito moito máis galego. Hai que dicir que estas letras foron deseñadas totalmente "a man", sen usar ningunha fonte de Windows nin nada semellante, o cal dende logo tiña o seu mérito. E o lema pasaba a ser "a revista galega do mundo fantástico", ao decidir na Redacción que o contido da revista debía tamén abarcar ao mundo do paranormal, pleamente encadrábel na fantasía. E para os máis observadores, pois si, continúa sen se engadir o de "fantasía" ao noso nome.
O noso logo máis amarelo incorpora... si: seguro que os admiradores de H.P. Lovecraft xa o recoñeceriades: o maléfico sinal amarelo! Nun novo xiro, e tan só dous números despóis do último cambio, NOVA era de novo NOVA FANTASIA e esta vez cun ambiente máis terrorífico ca nunca. Ai daquel que ousara ler esta revista! Temos que relembrar que os visitantes do sítio Web ficarían "hipnotizados" polo sinal amarelo, que ía mudando de cór dende un amarelo máis leve até outro máis forte case sen que o ollo o albiscase. O problema daqueles primeiros anos da Web é que aquel simple detalle ocupaba demasiado espazo e tardaba moito en cargar! Así que houbo que se desprender del.
E deste xeito xurdiu o logo que nos acompañou durante os seguintes números: a nosa particular homenaxe ao irracional, ao kafkiano, ao pintor Munch. Ese berro de adolescente que acompañaba o noso logotipo no número 7, que se cadra no cómputo de anos dunha revista debe equivaler aos 14 anos, foi o noso sinal identificador máis literário durante un tempo. E para os interesados, debemos relembrar que o noso programa de deseño gráfico seguía a ser o Paint de Windows.

Xa dixemos que unha das nosas constantes ao longo dos anos foi o celtismo (e non confundir coa defensa do equipo da nosa cidade). Pois ben, grazas ao descobremento do Fireworks, versión 1.0, puidemos acceder a un nivel de detalle que até daquela nos estaba vedado. O escudo da letra "O" é case tan vikingo coma celta, pero o conxunto total daba á nosa revista un detalle que por vez primeira pagaba a pena aumentar para ver de preto.
Co número 11 da revista. NOVA FANTASIA chega a un número de lectores que por primeira vez sobrepasa o que nunca teriamos imaxinado. Comezamos a venda de merchandising e mudamos novamente o logo, pero sen eliminar totalmente a tipografía (observade que é case a mesma cá arriba). O que si eliminamos foron as partes máis viquingas e nos decantamos por facer noso un sinal mais claro: o morcego, señor dos ceos da noite e símbolo do terror para os máis supersticiosos, todo elo contra unha lúa chea que dende aquela é o noso emblema máis prezado.

O logo da lúa e mais o morcego foron os nosos emblemas corporativos máis duradeiros. Até hai ben pouco estiveron connosco enchendo a cabeceira da nosa revista, pero coma sempre, hai que mudar de cando en vez. E para iso nada millor que recurrir ao Photoshop, que por vez primeira era empregado para compoñer un dos nosos logos. O que mirades aí estivo pouco máis dun ano, pero por primeira vez axuntaba o .com ao noso nome. Certamente NOVA xa tiña un domínio de seu dende había moito, pero un certo espírito empresarial nunca está de mais cando hai que manexar tantos lectores! E iso do punto com dábanos un toque máis profesional... polo momento. Ainda se pode ver en moitos sítios Web que enlazan connosco un logo moi semellante a este, pero cun fondo "urbano", a base de edifícios que representan a silueta da cidade dende a que facemos esta revista.

Aquí tedes outro dos logos que non chegou coallar e
que non foi empregado en ningunha cabeceira, pero coa mesma tipografía,
unha letra entre Arial e céltica especialmente deseñada para NOVA
por unha equipa de expertos, e engadindo un morcego máis realista. Se
cadra, demasiado valenciano para sermos unha revista galega.

Obviamente non podía faltar á cita o noso logo final. Final polo de agora, por suposto, porque en NOVA FANTASIA estamos sempre dispostos a mudar: a Internet é un médio que esixe ter moito dinamismo, e non estamos dispostos a nos converter en dinosáuros antes de tempo.
O noso logotipo actual completo podédelo ver na nosa portada, inclúe ao terríbel Cthulhu, unha paisaxe desolada pero ocupada pola luz cegadora da fantasia e mais á lúa que é o símbolo da nosa terra, e elimina da súa tipografía (que no esencial segue a ser a mesma de antes) o "punto com", para no seu lugar poñer o noso lema, o que nos acompañou durante todo este tempo, e que vos acompañará, ou iso esperamos, durante alomenos outros dez anos máis!

Copyright © 2007 A MÁMOA DE DUMBRÍA |