Homepage
O Índice
As novas
Lista de Correio
Procuras
A Tenda
Os xogos
Publicidade
Contactar

Entorno ReservadoFran Morell
por Fran Morell


[8-feb-2006] Co novo ano, dámos-lle un bó lavado de face ao noso sítio web. Mudamos a fasquía da portada, arranxamos o funcionamento de todas as páxinas (vale, agora os que teñan un monitor antigo de 640x480 xa non van mirar ben, pero que lle imos facer), para que funcionen igual en calquera resolución (agás as superxigantes de 2048 en adiante) e tamén fixemos unhas cantas reformas internas en todas e cada unha das páxinas do sítio, para que sexa ben doado ler-nos e moito máis atraínte achegar-se a NOVA FANTASIA.

Coa adverténcia prévia de que os cámbios non son definitivos, e de que se cadra podería haber máis no futuro (haberá-os, por suposto!), coma sempre nestes casos, animamos a todos e todas para que vos poñades en contacto connosco, decindo o que vos pareceron os cámbios e se mália todos eles, ainda podedes ler-nos no voso sistema, xa sexa un PC, un Mac, esteades funcionando baixo Windows, Linux, ou Internet Explorer ou Firefox. Eu coido que todo debería estar resolto, pero nunca se sabe. Grazas polo voso tempo léndo-nos e grazas polas vosas críticas e suxestións, asegúro-vos que tomámo-las moi en sério!

 


 

[02/11/2005] Hoxe rematou a Primeira Ibercón, o proxecto que tentou axuntar nun só espazo as dúas convencións de fantasía e ciéncia-ficción máis importantes dos dous Estados da penínsua Ibérica. O seu resultado dista moito, moito de ter sido positivo. No millor dos casos, podemos chamar-lle normaliña sen máis.

Por moito que mirei e remirei, non atopei nestes días na prensa de Vigo referéncia algunha a este acto. Tan só na edición local de "La Voz de Galicia" (véxa-se este enlace) dignáron-se a publicar algo, e para iso non se privaron de chamar "frikis" aos participantes. Unha convención de pallasos tería obtido máis releváncia.

O que é o que se puido facer pero non se fixo? Por exemplo, contar dende un primeiro intre con todas as asociacións do fantástico de Portugal e non cunha única. Este fallo gravísimo custou á Ibercón o boicot de moitas asociacións lusas, e cando NOVA FANTASIA falou deste incidente, foi censurada pola organización da Ibercón. Unha mágoa, tendo en conta que nós fomos os únicos que lle démos algo de púlo nos seus primeiros intres.

Tampouco houbo ningunha imaxinación. Estes días está por Vigo o veleiro de Disney, o "Black Pearl", que vai participar na Volta ao Mundo de Vela, a Volvo Ocean Race. E ainda que esta nova tan salientábel foi destacada por médios de comunicación de prestíxio mundial, como o sítio web do Sci Fi Channel, aos organizadores nin se lles ocorreu poñer-se en contacto coa Disney para preparar unha visita ao barco ou que, ao contrário, os membros da tripulación participasen na Ibercón. Nin falar xa, por suposto, de que a Disney patrocinase algún acto, cousa que sen dúbida terían feito con moitísimo gusto. Pero claro, para que se lles ocurran estas ideias ao "xénio" que organizou todo, ten que haber un miragre.

O organizador (non podemos falar en plural porque sería unha esaxeración) coidou que enviando e-mails a diversos médios, éstes xa aparecerían por aí sen máis. Craso erro! Seica non había ninguén que soubera algo de relacións públicas para saber contactar coa prensa. E por riba, contar con figuras coma a de Pablos para dar unha conferéncia asegurou o boicot do Faro de Vigo. Rexeitar ao médio de comunicación máis importante da cidade é un erro tan grave que só pode calificar-se como patético.

A auséncia da rádio máis importante de Vigo, Rádio Vigo, é outro deses graves fallos que só se poden cualificar como imperdoábeis. E que non nos saian con que "xa os avisamos por e-mail". Para contactar coa prensa hai que facer algo máis que mandar un e-mail. Hai que chamar por teléfone e pedir que veña alguén. E se se fai ben, veñen. E se non se sabe facer, pois se chama a alguén que saiba. Cando eu presentei Charlie, o meu libro, no Centro Cultural Caixanova, a editorial moveu-se tan ben que apareceron médios escritos, televisións locais, etcétera, etcétera. E a presentación dun só libro é algo que ten moita menos importáncia ca unha convención enteira!

O tema das webs merece capítulo á parte. A web da Ibercón é un desastre total, sen paliativos. Dende o seu logo ("arrincado" do cartaze oficial, deseñado polo irmán do organizador), horroroso e que non hai por onde colle-lo, aos banners que se enviaron a diversos médios, do máis espantoso e mal feito que ún poida imaxinar, en fin, todo moi mal. O deseño web, penoso. A tradución aos tres idiomas oficiais (na práctica só houbo ún, dous ao sumo, e xa podedes imaxinar cal foi o excluído) é un catálogo de fallos e erros sintácticos, ortográficos e gramaticais (a que "cerebro privilexiado" se lle ocorre renomear á Internet como "Interrede"???). A información que se pode atopar nesa web é nula. O programa de actos non aparece por ningures! O único que está moi ben é a publicidade descarada do Hotel Bahía, iso si. Se cadra alguén ten accións nese bódrio de hotel que arruina a imaxe de Vigo, e por iso organizaron a carísima "cea de gala" na súa megacutre marisquería.

E as outras webs dos patrocinadores, o mesmiño. En ningunha delas aparece ningunha mención á Ibercón. A páxina web do Centro Cultural Caixanova non dí ren deste acto, e o seu cartaze oficial, o que se pode mirar sempre en todas as oficinas da entidade, tampouco fai referéncia algunha aos actos da Ibercón. A web da Simetría, suposta coorganizadora xunto coa AEFCFT, é un desastre, desactualizada dende hai anos, e por suposto non se fala para nada da Ibercón nela.

E a todo isto, estou ainda agardando unha resposta á miña oferta, que fixen hai moito, moito tempo, cando lle pedín a Agulló o que é o que tiña que facer para que NOVA FANTASIA fose ún dos patrocinadores. Daquela contestou dicindo que o pensaría. Pois debe estar ainda a pensa-lo, ou é que non quería que a nosa revista (a única do mundo en galego) estivese presente no "seu" acto, ou se cadra é que directamente non lle gostan os meus cartos!

En fin, que isto foi un caos. Non vou entrar en que se eu xa o dixera antes ou non, pero si que vou tirar-me da moto dicindo que a Ibercón perdeu moito, moito, moito por non ter contado con NOVA FANTASIA. Alá eles!


[10:18 28/10/2005] Hoxe, hai máis dun ano que o Colectivo Nemo celebraba unha rolda de prensa para anunciar a súa intención de organizar a Ibercón. A aquela rolda só se presentou un único médio de comunicación de todo o mundo: NOVA FANTASIA. Fomos, daquela, os únicos interesados e os únicos que lle démos púlo á nova. Pasado o tempo, os organizadores déron-nos coa porta no narís porque xa non eramos abondo importantes para eles e porque non calamos as malas novas tal e coma gostarían. Dá moita mágoa comprobar como a falsa fama súbe-se á cabeza dalgunhas persoas.

E é que dende o Colectivo Nemo non souberon (ou non quixeron, o que sería enormemente grave) promocionar-se entre os médios de comunicación. A nova máis salientabel dos últimos anos no eido do fantástico estará en Vigo pero tan só ún único xornal, a Voz na súa edición local, adicou-lle catro liñas de texto. E todo por culpa de que a organización estivo nas mans dunha soa persoa, Ignacio Agulló, unha persoa que non conta con moito tempo libre (só pode facer cousas pola noite, mentres está no traballo) e que é escrava das súas própias manías persecutórias (a isto cháma-se-lle paranóia) contra algúns xornalistas que, coma no caso de NOVA FANTASIA, non son abondo importantes para el.

Falemos de importáncia e de boa organización: até dez días antes do seu comezo, non había programa oficial de actividades publicado, tan só o "adianto" enviado semioficialmente á páxinas web dun "amiguete" que tivo a bondade de publica-lo. Até dez días antes non se coñeceron as actividades que desenvolverá a Ibercón: conferéncias, exposicións, debates, mesas redondas, feiras, mercadiños..., ainda a día de hoxe non figura absolutamente nada disto na súa páxina web, un exemplo de mal deseño e peor maquetación. A versión en galego está pésimamente traducida a partir do español, chea de erros (como chamar "interrede" á Internet!!) e nunca actualizada, e a versión en portugués semella traducida por un inimigo persoal da língua de Pessoa.

Con estes antecedentes arrinca a Ibercón. O certame comeza hoxe ás 16 horas no Centro Cultural Caixanova e se desenvolverá até o día 1. Durante estes días haberá proxeccións audiovisuais, conferéncias, exposicións, xogos e presentacións comerciais de libros unidos pola temática da ciéncia-ficción e o xénero fantástico nas suas múltiples variantes. Ao evento acodirán como convidados os escritores Laura Gallego e João Barreiros. A entrada custa 21 euros pero pode chegar até os 115 dependendo de certos "extras".

No seu nacemento estivo presente este reporteiro de NOVA FANTASIA, pero no seu desenvolvemento, podedes estar seguros ao cento por cento de que non haberá nin ún só reporteiro que fale en galego.


[0:27 05/07/2005] Alguén tiña que dicilo, e se non-o digo eu, rebento. Non quero que ninguén pense que teño ren en contra da organización da IberCon nin nada diso, todo o contrário. Coñezo persoalmente a algún dos integrantes do Colectivo Nemo e sei de boa tinta que son xente boa (a verdade é que o millor de todos era o seu ex-presidente, Rubén Blanco, a quen mando un cordial saúdo). Tampouco quero que isto semelle unha crítica sen máis. Non-o é. É unha crítica desas que chaman construtivas, porque pretende non só incidir aí onde está a ferida, senón aportar solucións. Pretende que nos decatemos de que algo está a acontecer e ainda non sei se é abondo grave ou non, pero algo hai, e iso é indubidábel.

Ben, pois após de todo este limiar autoxustificativo, o que tiña que dicir é que algo cheira a podre no reino da IberCon. E o que peor me sinta non é que algo cheire mal, senón que ninguén semelle facer absolutamente nada. É coma se quixeran pechar os ollos, ou coma se miraran para outro lado e asubiaran compracidos. E para min iso é o pior.

O que é o que cheira a podre? Pois dáde-vos unha volta pola sección das novas e comprenderedes o que digo. Está claro que hai unha crise grave e profunda no seo da IberCon. Orixinalmente non é toda a culpa dos organizadores, pero non imos entrar agora en ver quen son os culpábeis. Iso para máis adiante. Dende Portugal, os nosos irmáns e compañeiros na afección polo xénero fantástico están divididos dende hai tempo. Non vou entrar no "quen é quen" destas rifas, pero a cousa está clara. Como dicía Luis Filipe Silva, "foi uma questão de democrácia (ou falta dela) que motivou esta atitude". Así que o que acontece é que hai unha división no seo da ciéncia-ficción portuguesa, e que esa división está a afectar á IberCon. Os seguidores da asociación Simetria ficaron calados e non deron resposta algunha a unha série de cuestións que se lles fixo dende as outras asociacións do fantástico portuguesas, e esa actitude foi determinante para que a meirande parte dos grupos portugueses decidise non participar na IberCon en protesta.

A división interna que hai en Portugal afectou á IberCon. E vós diredes "e qué culpa pode ter a organización galega?". Directamente, non moita. Sinxelamente foi un globo que lles estoupou na face e lles manchou de tinta negra. Pero é que eles estaban a xogar con ese globo. A Simetria é unha asociación que ao contrário do que acontece en España coa Asociación Española de Fantasía e Ciéncia-Ficción (AEFCFT), non representa nin agrupa a todos os fans, nin tan sequera á maioría, que hai en Portugal. E iso, se o sabían no Colectivo Nemo, non-o quixeron ver. E se o sabían, apoiaron a un grupo deixando á marxe aos outros. E se non-o sabían (grave erro o do estar desinformado cando se acepta organizar un evento coma este), amosaron que se cadra non tiñan toda a "man esquerda" que fai falta para que isto non estoupase, non trataron de chegar a un entendemento entre as partes, e finalmente, de non-o haber, deberían poñer-se do lado das asociacións maioritárias e non da minoritária, ainda que xa estivese impreso o seu nome nos cartaces.

Vale. Eu non estou dentro e non sei se o Colectivo Nemo fixo algo ou non por arranxar todo este tema. As miñas preguntas ao respeito, dirixidas ao presidente do Colectivo e máximo responsábel da organización, Nacho Agulló, foron respondidas de malos modos e con aldraxes inaceptabeis pola súa banda. Se cadra, tentaron resolver o tema pero non queren falar sobre o asunto porque teñen medo. E se cadra, non tiñan nin ideia do que estaba a acontecer. Non-o sei, non mo queren dicir. Pero o que sei é que ainda a día de hoxe seguen sen pronunciaren-se, non hai movemento, non se apreza que estean tentando de chegar a acordos nin de convidar, coma sería o máis lóxico, ás outras asociacións portuguesas a esta IberCon, para que os seus sócios poidan tamén sentiren-se representados na IberCon.

Repito que non sei se están a facer algo ou non. Quixera crér que si, ainda que temo o contrário. As respostas de Agulló, dignas do millor estilo Julián Muñoz ("deixen en paz ás famílias!") son incalificabeis e inaceptabeis, porque só serven para crear máis crispación e dende logo o de perder os nervos non é moi axeitado para quen non debería perdelos nunca. Non digo que o fagan, pero dan toda a impresión de estaren agochando cousas que son gravísimas. Se cadra alguén na organización dixo "é asunto dos portugueses, non noso" e lavou-se as mans. Ou non. Esa é a miña dúbida e coido que é lexítima, por iso o pior que poden facer agora mesmo é tentar agochar a verdade a base de insultos ao único médio de información, NOVA fantasia, que tivo a honradez de destapar este escándalo. Ogallá que alguén teña máis siso do que semella e poida evitar que a I IberCon sexa un monumental desastre, pero matar ao mensaxeiro non semella o camiño máis indicado.


[14:05 17/05/2005] Un día máis é o Día das Letras e un día máis hai que almorzar con xornais enchidos dese hipócrita espírito do 17 de maio que seica arrebata a todos hoxe. Hai que ler todos os titulares en galego, como se nos estiveran a facer un grande favor aos que case de xeonllos pedimos que uns médios subvencionados pola Xunta (e polo tanto polos meus impostos) cumpran só unha mínima parte das condicións desas subvencións. E resulta que algúns deses titulares son verbas de xente que sempre fala en galego e que polo tanto primeiro foron traducidas ao español e logo volveron a ser traducidas ao galego. Hai que ler como o director dese xornal (e non me refiro a ningún en concreto, pero tamén) ten a santa face de dicir que até agora non podían poñen en galego os titulares na Internet "por motivos técnicos" (!!!) Que motivo "técnico" hai para non poder escribir en galego na Rede? Eu só coñezo ún: a iñoráncia. Temos que ver xornais cheos de faltas de ortografía en galego, mal escritos (imaxinades se nun titular a catro columnas un xornal galego publicase "El presidiente del Governo"? Sería un escándalo e a reputación dese xornal caería polo chan. Pois é o que acontece co galego decotío, e aquí non pasa nada. Todo vai ben, Galiza é un lugar perfecto onde seica até os fillos dos fillos dos fillos dos emigrantes van retornar coa nacionalidade do país que abandoaron os seus tatarabós e mais un traballo baixo o brazo, ofrecido polo noso Grande Subvencionador don Manuel I. Iso si, traballo para os galegos de aquí pois non hai abondo, por iso temos que emigrar a Madrid, a Euskadi ou a calquera outro sítio onde xa non poder seguir votando polo de sempre (os que emigran a Madrid perden os dereitos civís, pero se vas ao Uruguai pois non, e os teus netos tampouco).

En fin, é que a min este tema alporíza-me de máis. A nivel persoal, pertenzo a unha asociación de defensa da nosa língua, pero nunca vou ás súas xuntanzas porque pon-me malo ver o que se está a facer contra o galego e o pouco que se fai por el. Por iso NOVA fantasia é unha revista en galego e só en galego. Non haberá nunca un só recuncho destas páxinas para o español. Non porque odiemos á língua do noso país veciño, senón porque xa ten TODOS os demáis recunchos para ela. Alomenos, neste tan pequeno e insignificante non vai entrar. E hoxe, 17 de maio, cando hai 152 anos que Rosalía Castro logrou publicar a súa primeira obra en galego, facendo nacer o que coñecemos coma Rexurdimento, ainda con menos razóns.

Feliz día das Letras para todas e todos!!


[28/03/2005] Hoxe entereime de que finou aos 63 anos o famoso "parapsicólogo" Fernando Jiménez del Oso, director da revista Enigmas e o mais popular dos pseudocientíficos nos meios de comunicación españois. Del Oso nacera en Madrid en 1941, especializou-se en Psiquiatría, e escribiu libros e centos de artigos sobre "mistérios sen revolver" e cousas semellantes, para que vos vou contar.

Non é que queira eu ser agora especialmente malvado, pero non teño máis remédio que me preguntar se este home, que tanto axudou a divulgar patrañas e mentiras como a homeopatía, o curandeirismo e a sanación por imposición de mans, por mencionar só unhas cantas das estafas máis habituais neste xénero, non tivo a oportunidade de ser curado por algún vidente ou por algún fantoche dos que promocionaba. Se cadra, os videntes non lle puideron advertir da enfermidade que tiña porque había unha conspiración governamental contra del. En fin, que non pensedes que non hai xente que certamente vai sair con esta história: abonda con poñer a rádio pola noite para escoitar aos moitos cazapantasmas que nos axexan nas ondas.

E non é, lóxicamente, que dende NOVA fantasia esteamos contra a divulgación destas fantochadas. Acreditamos na liberdade de expresión e ademáis gostamos de fomentar a imaxinación no noso benquerido xénero fantástico. O que acontece é que sempre temos moi clariño o que é verdade e o que non son máis ca fantasías. E os que queren misturar ambas as dúas cousas, pois se queren poden facelo perfectamente, que para iso temos a liberdade de acreditar no que millor nos pareza. O problema é cando nos queren presentar as fantasías e as novelas particulares de cada ún como datos certos, como documentais, como verdade, en suma. Isto último é o que fai que o noso xénero teña tan mala fama entre moita xente: que moitos pensan que os que lemos ciéncia-ficción somos tan "friquis" como a bruxa Lola ou Paco Porras. E non, porque de feito adoita acontecer todo o contrário, que os bós leitores de ciéncia ficción somos máis ben escépticos con respeito a calquera "fenómeno paranormal", porque temos lido moitas novelas e sabemos que o que hai de certo nelas é máis ben pouco, por non dicir nada, por moito que algúns escritores poidan ser considerados "precursores" ou mesmo "videntes" por adiantar-se ao seu tempo.

Jiménez del Oso, por exemplo, debutara na televisión da man do director e guionista Chicho Ibañez Serrador, ao aparecer no capítulo "O regreso" da súa famosa série Histórias para no dormir. En 1976, Televisión Española estreou o programa "Mais Allá" que lle fixo moi popular: a súa imaxe ficou para sempre na retina dunha xerazón de españois, coa sua eterna barba longa e as suas marcadas bolsas nos ollos. Outras das súas séries foron promovidas, en coproducción coa Televisión de Galiza, pola Sociedade Estatal Quinto Centenario. É dicir: que as súas patochadas foron pagadas cos cartos de todos, incluidos os meus, por partida dobre como galego e como cidadán do Estado Español. E volvo dicir que non estou en contra de que a xente acredite nas cousas que máis lles goste (relixión, espíritus, ovnis...) pero non á miña costa. Que cada ún se pague as súas fantasías, porque se eu quero ler ciéncia-ficción non teño axuda do Estado e de feito os libros cada día custan máis. O feito (lamentábel) de que haxa moita xente que acredite nesas estupideces non debería ser unha xustificación para lles pagarmos os seus vícios, senón máis ben de alarma para os lexisladores para que tenten facer chegar unha cousa elemental a todo o mundo: a educación.

Así pois, descanse en paz Jiménez del Oso, e ogallá que as sandeces e parvadas que tiven que che pagar morreran tamén contigo, ainda que moito temo que non terei tanta sorte.


[06/12/2004] Sitges acolle dende onte e durante dous días máis, a "Star Wars Conference", un encontro de tres xornadas para seguidores da mítica saga creada por George Lucas. Entre outras sorpresas, os fans poderán ver ao actor que se agocha após da máscara de Darth Vader ou contemplar en primícia escenas inéditas do Episódio III, A vinganza do Sith, que se estreará o 25 de maio de 2005.

Ben, e cal é o problema? Pois o de sempre. Na recente HispaCon de Cádiz, un acontecemento de carácter sério, ainda que coas súas facetas lúdicas, inaugurado nesta e en pasadas edicións por Secretários de Estado ou polo mesmísimo príncipe Filipe, a presenza da prensa foi case nula. É certo que houbo moitos xornalistas por aí, pero en comparanza cos que houbo na referida xornada de Star Wars en Sitges, case ningún. O que acontece é que en Cádiz a xente non foi disfrazada con orellas puntiagudas nin con máscaras de Darth Vader ou do robot C-3PO, e iso, claro, pois fai que apresentar dita información sexa menos atraínte para os xornalistas (e de paso, para os espectadores do seu informativo).

Así pois, unhas poucas dúcias de fans da Guerra das Galáxias ou de Star Trek concitan moita máis prensa que uns moitos milleiros de fans do xénero fantástico. Se cadra imos ter que ir todos vestidos con traxes de Mister Spock para que nos fagan algún caso, porque a este ritmo estamos a cair perigosamente nos tópicos. Grazas a esas "informacións" tan ben feitas, o 99% da xente que mira o telexornal de turno está convencida de que os fans da ciéncia ficción somos frikis que imos por aí vestidos con traxes galácticos e se saben "de carrerilla" a aliñación da nave Enterprise. Dá igual que os fans que fan iso en Sitges digan mil veces aos xornalistas que só van disfrazados por facer a coña e rirse un día ao ano: o xornalista vaise amañar para que semelle que ese tipo disfrazado é un friki e que ir así vestido é o seu xeito de vida.

Non sei cal é a solución, porque seica meterse coa prensa é o pior que pode facer calquera cidadán. E inda é pior se coma neste caso, o que tenta facer crítica forma parte tamén (ainda que moito máis modestamente, claro está) dos médios de comunicación. Se cadra, algún de vós ten algunha proposta que facer para que isto mude. Eu ríndo-me.


[05/11/2004] Pois si, tiven por fin a oportunidade (xa sabedes, o tempo é ás veces moi determinante para as cousas máis nímias) de ver como se ve o website de NOVA fantasia noutro sistema operativo, concretamente baixo Linux. E como eu temía, seica hai graves erros, motivados pola comodidade que me supón traballar baixo Windows e co navegador Internet Explorer, que inda que é o que usa case todo o mundo, non é do todo compatible cos outros.

Así que tiven que arranxar unhas poucas cousas - máis ca nada, para que se podan ver os gráficos dalgunhas seccións - e logo ir mirar de novo. A páxina principal, por exemplo, debería poder ollar-se agora perfectamente en calquera navegador de Linux, ainda que seica hai algúns problemas para os que usen un Mac.

Como é lóxico nunha empresa das características de NOVAfantasia.com, non dispoñemos de centos de ordenadores para facer este tipo de sinxelas comprobacións, así é que dependemos da boa vontade dos nosos leitores, que sodes vós. Dende aquí vos pedimos unha pequena axudiña, consistente tan só en nos dicir se podedes ver ben ou non o noso website, e logo todos os datos técnicos que se vos ocurran: tipo de ordenador, sistema operativo, navegador, resolución de pantalla... en fin, todas esas cousas que dende aquí por comodidade moitas veces damos por feitas pero que non-o son e non-o serán ainda menos no futuro, dada a tendéncia a utilizar cada vez menos os sistemas operativos "de pago" e a pasar-se aos gratuitos.

 

linha

Copyright © 2005 Dumbría.NET