Sempre
estamos á procura de xente disposta a colaborar con NOVA fantasia,
e como de cando en vez algúns preguntan o que é o que teñen que facer exactamente para colaborar connosco, pois ímo-vo-lo poñer máis doado ca nunca con esta páxina de explicación.
Para escribir un artigo, unha reportaxe ou un conto,
sinxelamente escríbeo, e mándano-lo. Ningún envío será nunca desbotado, ainda que como é lóxico, reservámonos o dereito a escoller de entre os artigos recibidos cal ten calidade abondo como para aparecer nas nosas páxinas!
Se o que queres é converter-te
nun colaborador habitual ou membro da nosa Redacción,
o que tes é que escribir unha série ou unha columna. Para elo, por favor envía-nos alomenos 3 artigos por adiantado, para que poidamos xulgar o teu traballo e así sabermos se paga a pena incorporar-te á nosa plantilla, con todos os benefícios que elo supón.
Ten en conta que NOVA fantasia non é polo de agora unha
revista profesional e polo tanto non pagamos as colaboracións.
Daquela, cal é a recompensa? Unha boa reputación persoal entre
os amigos. :-)
Para os dous casos, hai
uns requisitos mínimos
que esiximos a todos:
Podes escribir
en galego, en portugués, en español ou en inglés,
pero se sabes galego ou portugués, non te curtes, preferímolo sempre na nosa língua e así non teremos que facer traducións.
Preferimos artigos non demasiado longos (o
ideal é que ocupen unhas dúas páxinas de texto impreso), pero os demáis artigos tampouco os rexeitaremos: se tes algo moi longo ou moi curto para enviar, tí consúltanos
de todos os xeitos.
Debes estar disposto a contestar o correio,
tanto o noso, coma as posibles preguntas dos teus admirador@s. É preferible utilizar o e-mail, pero tamén aceptamos un enderezo de correio postal ordinário, sempre que sexa dentro do Estado español.
Queremos que saibades que en concreto, buscamos xente capaz de:
- Escribir comentários sobre libros, cinema, películas que mirárades,
etc.
- Escribir sobre o mundo da música.
- Facer relatos, contos, ou mesmo poesía.
- Atopar novas sobre o mundo do Fantástico.
- Coñecer o Rol, o cómic e outros temas lúdicos.
Mira as nosas seccións na revista e pregúntate se tí poderías escribilas igual ou millor, se poderías axudar nelas, ou se tés algunha outra ideia sobre algunha sección
concreta que quixeses ver e non das atopado. NOVA fantasia é tamén a túa revista. A verdade é que... facémola
para ti!
Normas no tocantes aos artigos a recibir:
- Fíxate ben que todo o que escribes é certo.
- Preferimos que os comentários sexan orixinais. Se non-o son, indícao facendo referéncia
ao lugar de onde os sacaches.
- Tamén nos gusta a xente con sentido do humor.
- Se queres enviar gráficos para ambientar o teu artigo, ten en conta que estamos un pouco limitados en canto ao tamaño.
- Aceptaremos calquera suxestión que queiras facer sobre "como che gustaría" que aparecese o teu artigo, pero ten en conta que o Editor pode non estar de acordo ou pode ficar limitado pola maquetación.
- Envíanos algún comentário verbo de tí mesmo, nun arquivo separado, e/ou unha foto. Deste xeito coñecerémonos millor e non seremos máquinas senón
persoas.
Graciñas pola túa cooperación con estas directrices. É moi doado ser parte da família
de NOVA, e queremos que te sintas orgulloso!
E lembra: se tes algunha
nova que nos contar, se coñeces novidades, concursos, publicacións, xogos, etc. ou se tes algún fanzine ou publicación do que queiras que deamos referéncia, contacta connosco. Estamos desexando saber de ti!