Os cazademos
por
Joseph Remesar
"Even a man who is pure in heart
And says his prayers at night
May become a wolf when the wolf-bane blooms
And the autumn moon is bright."
Kilkenny County, Irlanda A sombra, cuberta cunha carapucha que non permitia ver o seu rosto, camiñou a través da chúvia en dirección á modesta igrexa; esta á penas se albiscaba no meio dunha praderia de incribel verdor xusto diante dunha foresta e ainda que na distáncia as suas pedras e campanário semellaban imaculados, notou a medida que se achegaba, a desolación do lugar.
As árbores, nus no seu inverno, cinguían-se tétricos sobre as suas paredes e o són do vento engadia un oubear que faría que calquera outra persoa dese volta e voltase á aldea; pero a nosa personaxe non se imutou ante o pequeno cemitério, de lápidas rotas e tortas, e cruces celtas de séculos, que circundaba á igrexa e empurrou coas suas duas mans o portón, que cruxiu sobre os seus goznes enferruxados.
Dentro o abandono era mais evidente e polo teito de trabes queimadas entraban as pingas a raudais. Non ficaba nengun banco, nengun vestíxio de que neste sítio se reunisen os fieis, nada. Nen siquieira un Cristo sobre o que unha vez fora o sagrário. Todo estaba en ruínas.
Observou a ténue luz ao fondo, na porta que posíbelmente comunicaba á sancristía, e dirixiu-se sen vacilación cara ela.
Atopou ao home aí, nun simples cuarto á luz das candeas, cun catre, unha mesa e unha cadeira; un ténue calor saía dunha vella estufa de negro ferro coado, onde algo que semellaba un estofado se quentaba.
- Pai O'Falherty? – perguntou a muller.
- Fai moito que deixei de ser sacerdote – dixo o home sen deixar de cociñar.
- Pois vive vosté nunha sancristía.
- Mmm, deixan-me viver aqui por unha caridade, nada mais.
- Pero esta era a sua paróquia non?
O home non dixo ren, só a ollou con desdén e se sentou a comer directamente da cacerola.
- Alomenos era-o antes do... exorcismo – dixo de súpeto a muller descobrindo-se a carapucha e mostrando un fermoso rosto. Pelo negro azabache, ollos rubís.
- Sabe vosté moito para ser unha simples turista americana – dixo o home fitando para ela.
- O meu nome é Diana, represento unha axéncia que, digamos, traballa para outras axéncias, o FBI, a Interpol, Scotland Yard...
- Non me digan que me van deter despois de tanto tiempo...
- O que ocorreu aqui – dixo a muller sinalando o lugar – non foi a sua culpa. Vosté non desatou o incéndio.
- Son tan culpábel como o Diaño mesmo – dixo o pai detendo o culler a metade de camiño da sua boca –
- vosté só fixo o seu traballo... de exorcista – e dicindo isto a muller moveu-se para lle tomar as mans.
Unha visión do acontecido formou-se na mente do home como se acabase de pasar. O rito do exorcismo. Un xove nun recuncho da sancristía, o seu rosto grotescamente maligno. A xente da aldea reunida na igrexa, rezando pola sua alma, polo seu corpo posuído. As palabras en latín saindo novamente da sua boca. O lume acendendo cada anaco de madeira. A xente atrapada entre o fume. O caos.
Crux sancta sit mihi lux / Non draco sit mihi dux
Vade retro satana / Nunquam suade mihi vana
Sunt má quae libas / Ipse venena bibas
O pai respirou profundamente cando a muller o soltou. - Vexo que ainda lembra moi ben eses versos.
- O que me fixo? Quen é vosté realmente? – perguntou o home con voz entrecurtada.
- Xa lle dixen parte – dixo a muller quitando un sobre do seu sobretodo – esta axéncia que represento adica-se a resolver casos pouco ortodoxos. Aquilos que non poden resolver-se con meios tradicionais policíacos. Agora quere contratar os seus servizos.
A muller puxo o sobre enriba da mesa.
- Atopará aqui un billete de avión para Itália, diñeiro e un número de telefone onde chamar-me – dixo e comezou abandonar o lugar.
- Só esperarei 48 horas por vosté, despóis...
- Despois o que?
- Que Deus se apiade da sua alma atormentada, pai.
Monte Oliveto Maggiore, Itália A campesiña seguiu ao can un bo treito até divisar a ovella perdida ao fondo da cuíña, no médio dunha lameira. Ainda non era de noite pero xa unha lúa chea comezaba a se divisar no ceo.
- Vaia, que contrariedade! – se dixo a xove para si – Vou ter que baixar por ela. Ti fica aqui – dixo-lle sériamente ao can – abondo teño con ún metido na lama.
A muller baixou lixeira e comezou a quitar á ovella atrapada na lama. O can comezou a gruñir, primeiro devagar, despois moi nervosamente.
- E a ti que che pasa? – berrou-lle a muller – xa che dixen que fiques aí.
O can comezou a ladrar, e a xove decatou-se entón de que non lle ladraba a ela.
Algo observaba-a ao outro lado da cuíña. Nun princípio pensou que era un lobo, pero este se irgueu como un humano. Non podia vé-lo ben porque estaba agocho entre a foresta; escoitou de súpeto un ouvido desgarrador que lle puxo a pel de galiña e nese momento decidiu deixá-lo todo e aterrorizada, sair correndo.
Foi demasiado tarde. Aquel ser, movendo-se de maneira inhumana, atinxiu-na nun segundo. O último que a xove viu con vida foi ao can sair correndo despavorido.
Roma, Itália – 48 horas despois O pai O'Falherty observou a cúpula de San Pedro desde a cafetería onde estaba sentado, pensando o estraño que era estar aí despois de tantos anos, outra vez vestido de sacerdote católico. Non sabia moi ben porque aceitara vir a esta viaxe, el, que ainda non recuperaba a fe.
Diana chegou uns minutos despois, acompañada dun negro enorme con face de malas pulgas, que non podia ocultar os seus músculos a través da gabardina.
- Vexo que atopou o lugar sen problemas e xa esta vosté instalado, pai.
- Vivin uns anos en Roma, estudando no Vaticano...
- Tamén sei iso – dixo ela sentando-se con elegáncia – esta vez ia vestida á última moda italiana.
- Imaxino que haberá poucas cousas que non saiba de min.
- Moi poucas... por certo, apresentou-lle a Jim. É, digamos, o noso brazo armado. Algunha vez foi mercenário.
O negro só fixo un movemento de cabeza para o saudar.
- Ah, que ben, aqui chegan os demáis – dixo Diana observando unha parella que se achegaba á mesa –
- Bos dias pai O'Falherty – dixo a muller asiática en perfeito inglés de Harvard – O meu nome é So Yee, o do meu parceiro, é Pepe.
- É un pracer – dixo o pai dando-lle a man aos dous –
- Moito gosto -
- Temo que Pepe non fala nada mais que en español – comentou Diana – pero nos entende perfeitamente. É un mestre do inframundo do Internet, noutras palabras un hacker.
Como para confirmar o dito, Pepe quitou o portátil que levaba e puxo-se a teclear coma tolo.
So Yee chamou nese momento ao camareiro e ordenou, en perfeito italiano, capuccinos para todos.
- Xa, non me diga – dixo O’Falherty – ela é a lingüista do grupo.
- Boa, tamén é perita en artes marciais e en outras artes, digamos, mas ocultas.
- Xa mo imaxino.
- Non sei se terá tempo de ler a prensa esta mañá – continuou dicindo Diana – e imediatamente chimpou fronte a el a edición do Corriere della Sera.
- "Sexta vítima atopada descuartizada" – dicia a primeira páxina en grandes letras vermellas.
O pai puxo os lentes para ler o parágrafo.
- Aqui di que o autor dos crimes semella ser algun tipo de animal non identificado -
- Non pensa que é un pouco estraño – nunha época de DNA e bases de dados – que non se saiba que cousa está matando a esta xente?
- Pode haber mil explicacións.
- Non hai tantas cando nos contactaron a nós.
- O que?
- Esta é a razón pola que está vosté aqui con nós. Para atopar á besta que esta facendo isto e... anulala.
- Eu non son nengun cazador, nunca disparei unha arma na miña vida.
- Pai O'Falherty – dixo Diana mirando-lle aos ollos – vosté mellor ca min sabe que para acabar cun demo, precísan-se outras armas.
- Non sei se poderei facer isto. A miña fe non é o que era.
- Será-o pai, será-o.– dixo ela tocando-lle o crucifixo que levaba no seu peito - Benvido á equipa, aos cazademos.
A parella apresentou os seus credenciais ao carabiniere á entrada da morgue e un home, vestido coa clásica bata branca, dirixiu-nos por un longo corredor, iluminado tétricamente con fluorescentes violetas, até o salón que buscaban, e aí deixounos sós. Mália o verán, o sítio estaba terríbelmente frio. - E ben? – preguntou o pai O'Flaherty observando o lugar e as seis mesas, con corpos tapados.
- Estas son as vítimas – dixo Diana, e sen se imutar ergueu a saba da primeira mesa.
O corpo dun home, abraiantemente mutilado xacía coma un espectro sobre o pulcro alumínio. O pai non pudo evitar un aceno de noxo.
- Semella que o trabase unha xauría de animais – comentou.
- Pierre Rabos, 45, vendedor, atoparono asi ás afóras de Notre Dame, en París. Hora aproximada da morte 11 da noite. Ninguén viu nen ouviu nada.
- Todos os casos son coma este – seguiu dicindo Diana sinalando os demáis corpos – diferentes cidades, idades, sexos. O CSI atopa o mesmo DNA en todas as vítimas, pero non poden identificá-lo.
- A que se refire? Non teñen arquivos do posíbel suspeitoso ou que?
- Non é iso, o DNA non é humano, nin tampouco de ningún animal que coñezamos.
O pai semellou reflexionar por un intre as posíbeis implicacións relixiosas.
- Só atopamos unha cousa en común a todos os casos – dixo Diana en suspense – Todos os asasinatos foron cometidos en noites de lúa chea.
- Non me irá dicir que...
- Non suxiro nada – dixo ela achegando-se-lle – só presinto, que moitas veces, cando toda explicación racional falla, só nos fica recorrer á Fe nalgo.
- Está procurando esa Fe no indivíduo enganado.
- Si? – E Diana achegou-se mais a el, até lle tocar a cruz que levaba no peito – Esta cruz é moi antiga, nonsí?
- Foi un regalo dun amigo antropólogo, subpón-se que é unha relíquia bizantina do século V .
- Subpón-se?– interrogou ela acariñando a antigüidade, un crucifixo de verde bronce, gastado e co débil contorno dun Cristo gravado nel. Entón, de súpeto, voltou a lle tocar a man, sen soltar o crucifixo coa outra.
Imaxes de xente no coliseo romano, morrendo a mans de feras. Un lexionario en plena loita contra un bárbaro, o crucifixo no seu peito. O mar e o cheiro da galera. Unha enorme cidade entre dous istmos, meia oriental, meia grega. O crucifixo esta vez no peito dun rico mercader. Despois en mans dunha nena, o seu rosto elevado ollando a luz gótica dunha catedral.
Diana soltou ao pai O'Flaherty nese momento.
- Debe deixar de facer iso – dixo el nun salouco.
- Coido que para un home de pouca fe, leva vosté posta unha verdadeira reliquia.
O'Flaherty non dixo ren.
- Temos que nos reunir co resto – dixo ela dirixindo-se á saída.
Só entón o home decatou-se de que nunha das etiquetas que identificaban aos occisos dicia "Padre Mauro".
- Pai Mauro?– perguntou o sinalando a etiqueta sobre o pé espido.
- Ah, esquecia-se-me dicir-lle – contestou ela xa saindo – a quinta vítima era un sacerdote. Foi o seu antecesor na equipa.
O pai O'Flaherty detivo-se un momento a reflexionar sobre o que estaba a ler. O manuscrito era moi antigo, posíbelmente da Idade Meia, estaba escrito nun latin comun e enchido de ilustracións detalladas dos lobishomes. A mitoloxia e o folklore en si eran abraiantes, alén das lendas urbás modernas, e viña dos gregos, co seu termo lykánthropos asociado á transformazón dun home nalgo semellante a un lobo.
Pechou o libro e observou con curiosidade aos seus parceiros de equipa; estaban a viver temporalmente nun amplo armacén, con grandes fiestras de luz no teito, moi céntrico en Roma. So Yee adicaba-se a facer exercícios acrobáticos de sabía Deus que tipo de arte marcial e Pepe estaba coma sempre absorbido pola pequena pantalla; achegou-se a Jim, que semellaba estar moi ocupado facendo as suas próprias balas.
- Que tipo de perdigóns son eses?– perguntou ao xigante mais por simpatia que outra cousa.
- Son perdigons de prata – dixo o mercenário amosando as pequenas bólas prateadas na palma da man - prefiro-os ás balas normais porque se esparexen nunha ampla área. En distáncias curtas fan moito dano.
- Mmmm... Tómas-te este traballo moi en sério, realmente acreditas nisto.
- Pai – comentou o home mentres baixaba con forza a panca e pechaba outra bala – se vosté vise o que eu vin, acreditaria en moitas cousas.
O pai O'Flaherty lembrou entón que el mesmo vira e sentido cousas inexplicábeis.
Diana entrou nese momento, co seu atuendo de guerreira outra vez posto.
- Debemos estar preparados – dixo sen introdución – Hoxe é lua chea, e sabemos que está en Roma ou nos seus arredores. Podo presentí-lo.
- Non che preocupes – dixo Jim recargando a sua escopeta cunha sóa man – estámo-lo.
O home, vestido de traxe e gravata, conseguiu finalmente estacionar o seu flamante Alfa Romeo nunha das sempre ocupadas ruas laterais, recolleu o seu maletín e mais un pacote coas típicas baguetes de pan, e se dirixiu á sua casa cruzando o pequeno parque que a circundaba. Foi entón cando tivo esa impresión de que algo o vixiaba, e acelerou o paso pensando nun ladrón.
Habia algo agocho na foresta, algo que gruñía coma un animal, pero que era moito mais grande ca un can. Ese algo comezou a perseguí-lo, e entón o home entrou en pánico, tirou o que levaba e correu despavorido pola sua vida.
Conseguiu atinxir o portal do seu edifício e pechar a porta xusto antes que unha pouta enorme se estrelase contra o vidro opaco.
Correu cara o ascensor, un deses vellos de ferro forxado, e apertou o botón con desacougo mentres a cousa ruxia detrás do portón de entrada. Tomou o elevador no momento que escoitou o ruído de cristais e madeira rompendo.
Pepe recebiu a notificación no seu portátil segundos antes que a policia.
- Alguén chamou ao 091 – berrou en español – dicindo que un monstro o perseguia. Aqui está o enderezo, e estou a facer o rastreo do móbil desde onde chamou a persoa.
- É a tres ruas de aqui – dixo So Yee ao ler a nota.
- Poñan-se os auriculares – ordenou Diana – imos para lá – Pepe, atrasa á policia local mentres chegamos e avísa-me tan pronto teñas a localización exacta do móbil.
Os catro baixaron e sairon con rapidez do armacén. Diana ao fronte, O'Flaherty na retagarda.
- Pai – dixo Diana mentres corrian – vosté e Jim vaian pola rúa de atrás – no-los dous tomaremos o frente... Pepe... xa tes o rastreo?
- "Edifício Quo Vadis, nº 7" – contestou el a través dos audífonos – o sinal está estático nestes momentos.
Diana e So Yee quitaron as suas armas, un vistoso revólver e unha ballesta, e entraron ao estragado portal tan pronto chegaron; non se via rena a nível da planta baixa asi que comezaron a subir con moito cuidado polas escadas.
- Diana... - sinalou So Yee – hai alguén no ascensor, pero está atorado entre dous andares.
Observaron entón os ferros retortos e as manchas de sangue. Diana asomou pola apertura e chasqueou a língua con noxo ao ver ao corpo sen cabeza do home.
- Jim? O'Flaherty? – dixo polos audífonos – xa non está aqui, debe estar movendo-se cara vostedes – Óla, Óla, copiádes-me?
Pola outra rua, o pai O'Flaherty correu como puido atrás de Jim, pero evidentemente ficou atrás. Parou-se uns segundos a descansar.
E entón, algo enorme saltou fronte a el.
Ficou paralisado mentres a Besta observaba-o cos seus ollos amarelos, tan perto, que podia cheirar o seu alento nauseabundo. Era como un lobo enorme, mais de dous metros, ergueito nas suas patas traseiras coma un urso; as suas mans coma poutas, os seus cabeiros mármore como os dun grande tigre siberiano, babeando cuspe.
Nunca soubo canto durou aquilo, o último que lembrou foron os berros de Jim berrando-lle que se apartara e o son dun cañón, que todo o envolveu en fume e lume.
A luz intermitente das patrullas de policia foi o primeiro que viu ao acordar. - Pai O'Flaherty, está vosté ben? – escoitou que lle dicia alguén.
Entón viu ao grupo perto del. Diana, So Yee e Jim, este último coa camisa desgarrada.
- Estou perfeitamente – dixo dubidando mentres tocaba-se o corpo.
- O lobishome pasou como unha tromba entre nós – comentou Jim – só lle deu un grande empurrón... en cámbio a min... ainda que lle acertei... - e daquela amosou os sinais das poutas no chaleque anti-balas.
- Non entendo o que pasou – dixo o atordoado pai – só ficou aí, ollando-me fixamente.
- A próxima vez, poña-se o audífono – dixo Diana recollendo-o do andar – a Besta só estaba-o a recoñecer, gravando o seu cheiro. Non lle dará outra oportunidade de o deixar vivo.
- Síntoo... - dixo apesadumado el - e agora o que?
- Non atacará por un tempo, esta ferido. Pero mudará de localización, coma sempre. Temo-me que teremos que esperar outra vítima para saber cal é o seu próximo território de cacería.
Os cinco ollaron a lua chea, que ainda brillaba no seu apoxeo.
New York – tres meses despois O home, elegantemente vestido, deixou o automóbil deportivo en mans do aparcacoches e dirixiu-se á entrada do luxoso condomínio; tiña pouco tempo vivindo aí pero o porteiro coñecia-o ben polas suas espléndidas propinas e abriu-lle a porta dando-lle as boas tardes. Ante el mostrou-se un imenso lobby, con grandes espazos para sillóns de refinado coiro e delicadas mesiñas con amaños florais, onde un variopinto conxunto de persoas parolaban ou simplesmente se relaixaban no agradábel ar acondicionado; os do mostrador tamén o saudaron con cortesía antes de que se dirixise ao conxunto dos ascensores. Usou a sua chave privada e o seu código para subir ao seu apartamento, no penthouse.
O lugar era dun extremado refinamento e só unha cousa desentoaba: un altar cheo de figuras relixiosas e velas acesas. O home quitou a chaqueta e a camisa, amosando un corpo fibroso cunha estraña tatuaxe no lombo, tiña unha ferida vendada no seu ombro ezquerdo, e achegou-se ao altar a acender outra candea. Sobre o altar habia un vello manuscrito cun título en Alemán: "Dás Leben und der Tod von Peter Sumpp" e abriu-no delicadamente observando as impresións medievais que amosaban diferentes e horrorosas escenas, desde canibalismo até a morte dun home torturado terríbelmente e posto a arder nunha fogueira. Abriu entón unha caixa que se atopaba baixo do altar e tomou un curioso obxecto de dentro: un antigo cinto de coiro cunha fíbula repuxada e o rosto dun feroz lobo gravado en ela.
Despois de meditar uns intres, o home puxo o cinto, e dirixiu-se ao enorme ventanal á sua direita, onde a liña de rañaceos brillaba á luz do serán, ao outro lado de Central Park.
Roma, Itália Non pasara ren durante mais de tres meses, e o pai O'Flaherty comezaba a duvidar que algo ocorreria; ainda despois de ter visto á creatura, se perguntaba se non fora victima dunha alucinación e haberia outra posibilidade para explicar aqueles horrendos crimes.
- Teño algo – berrou Pepe ao fondo – e todos achegaron-se cobizosos a ver a pantalla do portátil – informaron dun asasinato que cadra cos nosos patróns.– un momento, vou acceder á base de dados do FBI.
- En New York City?! - exclamou Diana.
- Exactamente en Central Park – seguiu dicindo Pepe en español – pero aqui ven o mais curioso – o informe da autópsia - a vítima, esta vez desmembrada en catro partes, tiña restos de pelos. E miren...
- O análise do DNA cadra cos anteriores – comentou Jim.
- Ainda sen identificar o que é.
- A facer as maletas – ordenou Diana – Ímo-nos á Grande Mazá!
O pequeno jet corporativo cruzaba o atlántico a 30 mil pés con abraiante facilidade; dentro, o pai O'Flaherty observaba aos seus parceiros sen poder durmir. Pepe ao fondo movendo-se inconscientemente ao ritmo do seu iPod, Jim estirado en dous asentos e roncando coma un bebé, So Yee nunha estraña posición de loto. Diana acababa de acordar e achegou-se a el con duas cuncas de café recén feito; mália os anos de celibato O'Flaherty non puido deixar de observar as longas pernas e os turxentes peitos. - Non semella ter durmido moito, pai – comentou ela sentando-se fronte a el.
- Non deixo de pensar que é o que fago aqui – Eu non son un guerreiro coma vostés.
- Se fose coma nós non-o necesitaríamos.
- Pero é que non consigo sentir-me útil – e me sinto xa vello para estas loitas...
- Pai – dixo ela mirándoo aos ollos – non coida vosté que toda apariéncia externa, incluindo a física, ten que ver cun proceso interno, espiritual por asi dici-lo?
- Si, coido firmemente que somos reflexo do noso mundo interior.
- Entón – alén de implicacións xenéticas – como explica a existéncia dun home que se converte noutra cousa, nalgo non humán, de natureza sinistra?
O pai cabeceou sen contestar.
- Direi-lle o que eu presinto – o lobishome é a manifestación dun demo, de algo que se apodera do corpo físico dun humano e é capaz de o transformar. E vosté mirou transformazóns. Pense niso a próxima vez que se pergunte que fai nesta equipa.
E dicindo iso, volveu o seu asento e recostou-se a descansar.
New York City Xa pasara a hora ponta e o metro seguia relativamente cheo da xente de todas as razas e todos os xeitos que povoan Manhattan; secretárias volvendo dos seus labores, homes de negócios, obreiros, algunhas amas de casa cos seus nenos, estudantes. E sempre habia algun ca outro grupo, amoreados todos xuntos amosando a sua chulería, de adolescentes metidos a delincuentes por oportunidade, por ignoráncia ou simplesmente por diversión. Un grupo de cinco languidecían a un lado dunha das entradas, no último vagón, e a bela adolescente á penas fixou-se neles cando subiu. Ía vestida cunha chaqueta vermella e unha minisaia vaqueira, e levaba os seus libros no colo; sentou-se cara o final, distraída mascando o seu chicle.
O rapaz guapo do grupo fixo-lle un aceno aos outros e case decontado se achegou a ela, eslizando-se coma un lagarto ao seu carón.
- Vaia, vaia – dixo ollando-a descaradamente – mira o que temos por aqui. Se semella Carapuchiña Vermella.
A rapaza ollouno un intre e abondou-lle para se mudar de posto; pero a cuadrilla seguiu-na, coma sempre envalentonados en grupo, indiferentes á ollada da xente.
- Pero onde vas tan á presa?– volveu-lle dicir o mesmo rapaz – se non son o Lobo Feroz.
- Pero seguro que quererias comela, ha ha ha, - comentou outro dos bribóns e os seus parceiros riron en coro.
- Anda nena – insistiu o rapaz poñendo-lle a man sobre o xoello – porque non imos ti e mais eu a un sítio, digamos... menos transitado.
- Quítame as mans de encima – dixo a rapaza.
- Ui, ui, non che poñas farruca – riu el.
O grupo comezou a crear unha barreira entre ela e os demáis pasaxeiros dunha maneira mais ca agresiva; ainda que a xente os miraba ninguén semellou interesar-se. A rapaza ergueu-se para se afastar pero o rapaz guapo detivo-a; houbo un lixeiro forcexeo e entón escoitou-se a voz profunda dun home.
- A dama dixo que a deixen en paz.
O grupo volveu-se para ver quen dixera iso; era un home sentado só uns pasos mais alá, de mediana idade, vestido cunha elegante gabardina crema.
- Isto non é asunto teu – dixo de má gana o xove guapo e volveu a toquetear á adolescente.
- Dixen que a deixedes en paz – dixo esta vez o home tocando o seu ombro.
O rapaz guapo xirouse furioso, nen sequera sentira cando o home se movera.
- Seica imos ter aqui un problema – dixo ameazante.
- Si, si, un problema – repetiron os outros.
- Non se os cabaleiros desistides e deixades á dama en paz – dixo o home con tranquilidade ollando á nervosa rapaza.
- Anda, pero se temos aqui a un pomposo estranxeiro – comentou un dos gamberros sen recoñecer o acento do home.
- Pois queres un consello? – dixo o rapaz guapo – volta á maldita terra de onde viches e non te metas onde non te chamaron – e dicindo isto empurrouno violentamente.
O home trastabillou uns pasos e entón dixo:
- Ah... iso foi un lamentábel erro.
- Si, si, e que vai facer ao respecto? – berrou-lle o mais grandullón do grupo amosando un puñal.
A xente foi-se movendo cara diante, evitando ver-se involucrada.
- NON TEÑO QUE FACER REALMENTE NADA – dixo cunha voz diferente e profunda.
Os do grupo desviaron entón a sua atenzón ao home, que se dobrou en dous, como se unha terríbel dór o envolvera.
- Que demos...
Os xemidos do home converteron-se entón en gruñidos, e caiu de xoellos, coas mans na cabeza; o grupo de gamberros ollou-no desconcertado, sen se mover. E daquela o incribel: daquela gabardina comezou a xurdir algo xigantesco, peludo, grotesco, que foi transformando-se e medrando, rompendo a pel e a roupa do home como se fosen só unha casca. Algo que se ergueu até o tope do vagón, que xa non era nin humano, dobrando o metal e rompendo as luces.
- Ouh meu Deus – bisbillotou o rapaz grande deixando cair o puñal ao chan xusto antes de que unha pouta enorme o desgarrara até a morte.
Veu entón a escuridade, alumeada polos lóstregos de fluorescentes que ainda funcionaban, os oubeos e o caos e os berros. Os berros daqueles que morrian e dos que fuxian; o rapaz guapo tivo tempo de quitar a sua arma e disparar un par de veces, fogonazos na treboada, antes de cair ante a Besta como se fose un monigote de papel e xeso. O metro seguia a velocidade constante rumo á próxima estación pero os minutos alongaron-se coma horas.
Cando o axente da Policia Metropolitana Brian escoitou a alarma soar, soubo decontado que o metro viña con problemas, pero nunca se imaxinou o maremagnun de persoas saindo aterrorizadas dos vagons e a escena que se ia atopar. Axudou ao condutor a dirixir á xente á saída, onde xa habia unha equipa de emerxéncia esperando, e desenfundou o seu revolver mentres percorria os vagons dun en un. Atopou a un adolescente completamente bañado de sangue no penúltimo vagón.
- O que pasou aqui? – perguntou-lle revisando que o sangue non fose de nengunha ferida.
- Aaaa, alá... monst... enor... todos ...todos - balbuceaba a rapaza incoherente.
O policia decatouse de que a rapaza estaba en estado de shock, que non podia responder a nada nen a ninguén. O vagón ao fondo estaba completamente escuro, sen nengun són. Deixou á rapaza sentada con cuidado e quitou a sua lanterna, revolver en man. O axente Brian era un veterano de anos, mais intelixente ca valente e non duvidou en entrar. Os seus pasos escoitaron-se renxentes sobre vidros rotos e sobre algo mais viscoso; moveu amodo a sua lanterna polo vagón, observando con abraio, con horror e noxo, como a luz ia descobrindo anacos de corpos humanos estragados como nada que nunca antes vira, nin como nada que voltaria ver.
Xa estaban todos aí cando chegaron á xuntanza; o Alcalde da cidade, o xefe da policia, os médicos, os asesores do metro e mesmo o xefe de bombeiros.
Foi o Alcalde o primeiro en lles dirixir a palabra.
- Isto é un desastre – dixo mostrando a pia de xornais – está en toda a prensa... e ollen – e subiu o volume da tele – todas as canles están a mostrar a notícia.
Unha coñecida xornalista de GNN comentaba desde a estación do metro.
- "No que semella ser o mais cruento ataque terrorista en NYC dende o 11 de setembro, alomenos cinco persoas, todos xoves, perderon a vida, cando unha terríbel explosión detonou nun vagón do metro nesta estación..." - o Alcalde apagou a tele.
- Tivemos que difundir ese rumor para evitar un maior pánico – comentou o xefe de policia – Xa miraron o vídeo?... unha bomba, foder! Foi algun tipo de criatura o que fixo iso...
- A criatura internou-se nos túneis despóis... – dixo un dos asesores – temos todo tipo de cámaras aí abaixo... pero non vimos nada...
Diana achegou-se entón ao mapa de Manhattan que había na mesa.
- O ataque ocorreu mentres os vagóns ainda estaban en marcha – seguiu dicindo o asesor – entre a estación do Museu de História Natural, nas rúas 81 e 72.
- Esa liña é paralela ao Central Park – comentou a muller antes de perguntar. - Teño entendido que hai unha testemuña ocular.
- A pesar de toda a xente que aí habia, só unha rapaza puido dicir-nos algo – comentou o médico entón – non sae do estado de shock, pero confirma o que vimos parcialmente nos vídeos... que un home se transformou en... esa criatura e dezmou ao grupo de gamberros.
- Pero isto non ten sentido – dixo de pronto o pai O'Flaherty – a plena luz do dia, con moitas testemuñas, arriscando-se a ser descoberto... isto non cadra cos nosos anteriores casos...
Houbo un minuto de silenzo antes de que o Alcalde perguntase.
- E este quen é? Que fai a Igrexa metida neste asunto?
- O pai O'Flaherty esta aqui de maneira extraoficial... está-nos axudando... - comentou Diana como toda resposta.
- Aqui hai algo mais ca unha simples transformazón – seguiu dicendo o pai – isto é premeditado; alguén que está a usar o poder de lobishome...
- O CSI confirma que é o noso home, mesma DNA...
- Pois temos entón a alguén que se transforma por vontade, non polo ciclo da lúa ou o efeito dunha mutazón xenética...
- Non me importa o que sexa – dixo o Alcalde dando unha puñada na mesa – só quiten a ese monstro importado das miñas rúas... e axiña!
Os outros tres parceiros esperábanos á saída do Concello. - E entón? – perguntou So Yee por todos –
- Este tipo ten recursos – comentou Diana – e definitivamente a sua área é ao redor de Central Park West, xa que estaba a usar a liña B do metro.
- Non se afastaría moito da sua casa – dixo Jim – probabelmente entre Columbus Circle e Cathedral Pky.
- Uff, son uns cantos bloques...
- Podo investigar todas as persoas que alugaron un condomínio na zona desde hai uns tres meses – dixo Pepe toqueteando o seu portátil.
- Boa idea – dixo Diana – non temos moito tiempo... agora sabemos que pode transformar-se a pracer. O pai e mais eu iremos cara o norte, So Yee e Jim ao sul... estaremos constantemente en contacto.
- E que facemos con estes? – perguntou Jim sinalando á alcaldía.
- Nós non traballamos para o maldito Alcalde – contestou Diana baixando os chanzos.
Bloco por bloco, edifício por edifício, tenda por tenda, cada un comezou o seu traballo de investigar, de perguntar no vecindário, de indagar por cada acontecemento estraño ou inusual; ainda nunha cidade coma New York, ver un lobishome correndo polas ruas, non era un acontecemento normal. E a último transformazón fora o vista por suficientes testemuñas como para que os rumores circularan polo vecindário. - O que é ese edifício que semella un portal greco-romano? – perguntou-lle O'Flaherty a Diana mentres ian camiñando.
- É o Museu Americano de História Natural.
- De verdade? – e ficou mirando para el – podemos entrar? – teño unha corazonada con este sítio...
Diana ollou-no como perguntando-se algo pero entrou con el.
- Mira... - e o pai amosou-lle unha das exposicións que estaban a anunciar "Division of the vertebra Zoology - The world of the wolfs".
- Semella-me que isto é mais ca unha casualidade – comentou el – deamos unha volta por aí.
Ambos cruzaron a enorme área principal, chea de fantásticos esqueletes de dinosáuros e meteron-se na sala; estaba escura porque estaba a pasar un filme sobre os lobos en Sibéria e chea de escolares e turistas. Separaron-se por un breve momento, o pai pola esquerda, Diana pola dereita.
Foi ela quen o viu: era un home vestido cunha elegante gabardina crema que non semellaba emprestar-lle atenzón á reportaxe e nombergantes estaba fixo ollando un dos enormes lobos disecados. El viu-na e ainda na escuridade Diana percebiu que a recoñecia; rozaron-se cando el decidiu sair de sala, e ese roce foi todo o que ela necesitou para estar segura. Imaxes da Besta, tan vívidas como se estivese aí presente, viñeron á sua mente.
O home ía-se e Diana tratou de localizar ao pai O'Flaherty ; decidiu entón seguí-lo con sixilo. Sairon do museu e seguiron camiñando até o número 146 de Central Park West, e á altura da rúa 74 meteu-se nun luxoso e moi coñecido condomínio: o San Remo.
- O home ten estilo – dixo Diana para si mesma recoñecendo as torres xemelgas estilo mansión barroca inglesa construídas nos anos 30. Decontado quitou o seu móbil e chamou a Pepe.
- Olá – dixo éste sentado tomando un café co seu inseparábel portátil – xa teño a lista de alugados... é unha longa lista...
- Ímola facér mais breve – dixo-lle Diana – Hai alguén que alugase no San Remo?
- Uii, ese é moi exclusivo – contestou Pepe procurando na base de dados – deixa-me ver... mmm... sabías que entre os inquilinos están Steven Spielberg, Demi Moore, Steve Jobs, Dustin Hoffman, Bono, Bruce Willis...
- Vai ao grán, Pepe – dixo ela perdendo a paciéncia.
- Ah, surpresa! Pois hai un tal Peter Stumpp que alugou hai algo mais de tres meses – vaia contactos e carteira que terá... un aluguer de sete meses no penthouse, a torre norte.
- Avisa ao pai O'Flaherty e aos outros. É o noso home – e dicindo isto colgou o móbil e dirixiu-se ao lobby.
- O que?!! Que onde está Diana? – perguntou o pai polo seu móbil – pero se estabamos xuntos hai un momento no museu... que non contesta o móbil?... Santa Bíblia bieita!... Vale, xa entendin o enderezo, mirámonos alá... O pai pechou o móbil con noxo pensando que Diana rompera a sua própria regra, nunca ir só a resolver un caso, e se dirixiu correndo ao condomínio.
A seguranza do edifício non semellou moi impresionada polas suas credenciais e a sua roupa de sacerdote.
- Digo-lles que un axente de policía se atopa neste lugar – insistiu.
- Pai-o-que-sexa, sen unha orde xudicial vosté non vai entrar en ningun apartamento aqui.
- Alomenos chamen a ese señor Peter Stumpp – necesito falar con el. Cousas de Deus, saben?
As duas da recepción trocaron olladas antes de que un deles chamase ao inquilino. Houbo un troco de palabras e entón dixo:
- Esta ben, o señor di que pode vosté subir.
- Que? vai-me reciber?
- O ascensor da dereita por favor.
O pai O'Flaherty apresurouse a esperar o ascensor; nese intre volveu soar o seu móbil.
- Si?... So Yee?
- Pai – dixo a oriental ao outro lado da liña – Pepe averiguou algo moi túrbio sobre o nome este... escoite-me ben porque Jim e mais eu tardaremos en chegar – En 1589 houbo un Peter Stumpp xulgado por bruxería; dicia que o demo mesmo lle dera un cinto que ao pór-llo o metamoforseaba en "algo moi semellante a un lobo esfameado por devorar, forte e poderoso, con ollos grandes e amplos, que pola note refulxían coma se fosen de lume, unha boca grande e ancha, con dentes afiados e crueis, un corpo enorme e poutas poderosas".
- De onde quitou Pepe esa información?
- Da transcrizón do xuízo mesmo – o home foi atopado culpábel, puxérono na róda do tormento, onde lle arrincaron a pel con tenaces ao vermello, e logo os brazos e as pernas. Logo foi decapitado e queimado nunha fogueira.
- Xa dicia eu que non podia ser o mesmo ...
- Padre... o cinto nunca foi atopado...
- Nai de Deus...
O ascensor abriu-se nese momento e o pai entrou, colgando o móbil.
O ascensor abriu-se en plea sala de estar e o pai viu decontado ao home, fronte ao altar que semellaba fóra de lugar aí, vestido cunha rechamante bata de veludo vermello e bordados dourados; Diana xacía nun amplo sofá á outra beira.
- Eu fun unha vez tamén un home relixioso – dixo o home ao dar-se a volta.
- Esta ela...? – perguntou o pai achegando-se á muller.
- Morta? Certamente non... son un cazador, un predador... non mato sen sentido... tivemos un pequeno, digámolo asi, intercambio...
O pai notou que Diana tiña pulso, ainda que moi debil.
- Acreditaba en Deus sobre todas as cousas – continuou dicindo o home como se o pai non estivese aí – e daquela... descobrin esto... - e quitou da caixa o labrado cinto - e o meu conceito sobre o Ben e o Mal mudou radicalmente...
- Ese era o cinto de Peter Stumpp...
- Non poderá crer onde o atopei... abandoado durante séculos...
- Realmente transforma-o en...?
- Un lobishome... tampouco non eu o cria, pechada na miña esquemática mente... puxenmo a primeira vez só por curiosidade, para ver como me quedaba... ahhh!!, esa irrepetibel sensación... cando todo o poder do universo se concentra no teu corpo e tes por primeira vez conciéncia de toda a forza da natureza, do salvaxe...
- É unha natureza demoníaca... para matar...
- Ah, non-o sei... é como seguir o instinto... son seica diabólicos os animais que buscan sobrevivir?
- Os animais non teñen conciéncia do que fan...
- Ah amigo, que é a conciencia se non un pequeno coñecemento de nós mesmos?... algo que varía cando nós mudamos... direi-lle un segredo... non existe tal cosa... é un mito moral...
- O que fai esta mal... déixe-me axudalo...
- Axudar-me? Quen... Vosté?... pero se vosté non pode axudar-se nen a si mesmo pai O'Flaherty... Ouh si, o seu cheiro inconfundibel de cura paroquial o delata... - e o home semellou cheiralo – ese cheiro a naftalina, a traxe vello gardado, a incenso e fume... a suor de derrotado, de sen esperanza...
- Non vou deixar que volvas facer-lle dano a ninguén – dixo o pai quitando valor de onde non tiña.
- E como o vai impedir – dixo o home quitando-se nun dramático aceno a bata e ficando completamente espido. – Coa sua cruz de cartón... - e se puxo o cinto.
O pai achegou-se até estar fronte a el e con terror comezou a ver a transformazón; comezou cun lixeiro tremor muscular, que se foi incrementando até ver como ian medrando, e seguiu cun aumento maxilar e da dentadura, onde poderosos cabeiros comenzaban a aparecer.
- Non draco sit mihi dux... Vade retro satana.
O home semellou ter un espasmo ao escoitar as palabras en latin.
- Nunquam suade mihi vana... Sunt má quae libas.
A fibela do cinto semellou envermellar e comezou a soltar un vapor; escoitou-se un seseo, como o de carne queimando-se.
- Ipse venena bibas!! – berrou o pai.
Esta vez o home soltou a fibela nun oubeo de dór. Sen o pensar, O'Flaherty chimpou-se sobre el.
Como caídos do Ceu, So Yee e Jim chegaron nese momento.
- Rápido!! – axudáde-me a sacar-lle o cinto antes de que a transformazón estea completa! – berrou o pai debatendo-se.
Houbo unha loita titánica, das tres encima daquel pseudo-monstro que seguia mutando: So Yee o atacou cunha couce circular polo abdome, Jim tratou de o suxeitar desde atrás e O'Flaherty forcexeaba co cinto.
Finalmente o pai conseguiu sacar-llo e rodou a un lado esquivando as suas poutas.
Ainda sen o cinto, aquela cousa se ergueu nas suas patas e cunha forza sobrehumana lanzou a Jim e a So Yee polos aires.
Escoitou-se entón un disparo, dous, tres, e a Besta recuou levando as poutas ao peito; o cuarto disparo lanzou-no contra o ventanal, que rompeu en anacos, caindo ao baleiro. Cando o pai conseguiu incorporar-se, viu a Diana parada coa escopeta na man, ainda co fume saindo do seu cañón.
O xentio rodeaba o cordón policial, curiosamente morboso de ver que habia baixo da saba ensanguentada na beirarrúa. Habia patrullas de policias por doquier, coas luces e as sereas, unha camioneta da morgue e un par de ambuláncias. O xefe da Policia de New York agachóse e deu-lle unha ollada ao cadáver. - Semella coma calqueroutro psicópata para min – comentou-lle á muller, pelo negro, ollos rubís, que estaba parada ao seu carón.
- Non estaba asi cando caiu – replicou ela – créa-me.
- En fin – dixo o xefe erguendo-se e facendo o aceno de se lavar as mans – isto acabou, no que respecta a nós...
A muller fixo un xesto, que podía ser un sorriso, despediu-se cun aceno e foi-se reunir coa sua equipa, que a esperaba á outra beira da rua.
|