Entrega dos prémios Locus
[22:13 03/07/2005] Onte á noite entregaron-se no decurso dunha gala os prestixiosos prémios da revista Locus. E estes foron os gañadores:
- Millor Novela de CF: O ciclo Barroco, de Neal Stephenson
- Millor Novela de Fantasía: Iron Council, de China Mieville
- Millor Novela de debut: Jonathan Strange & Mr. Norrell, de Susanna Clarke
- Millor Literatura xuvenil: A Hat Full of Sky, de Terry Pratchett
- Millor Novela curta: Golden City Far, de Gene Wolfe
- Millor Relato Longo (empate): Reports of Certain Events in London, de China Mieville e The Faery Handbag, de Kelly Link
- Millor Relato Curto: Forbidden Brides of the Faceless Slaves in the Nameless house of the Night of Dread Desire, de Neil Gaiman
- Millor Antoloxía: The Year’s Best Science Fiction: Twenty-First Annual Collection, de Gardner Dozois
- Millor Colección: The John Varley Reader, de John Varley
- Millor Ensaio: The Wave in the Mind, de Ursula K. Le Guin
- Millor Libro ilustrado: Spectrum 11: The Best in Contemporary Fantastic Art, de Cathy e Arnie Fenner
- Millor Ilustrador: Michael Whelan
- Millor Editora: Ellen Datlow
- Millor Revista: The Magazine of Fantasy and Science Fiction
- Millor Editorial: Tor
O Antoloblogue, en marcha
[13:45 03/07/2005] As máis salientabeis figuras da CF portuguesa, Jorge Candeias e Luís Filipe Silva, veñen de anunciar que arrancou oficialmente un proxecto editorial da literatura fantástica en língua portuguesa, que pretende orixinar unha primeira antoloxía de contos e novelas orixinais e despois, no caso de que a primeira teña éxito, toda unha série doutras antoloxías a editar no futuro.
Para centralizaren as informacións sobre o proxecto, os promotores optaron por abrir un blog que titularon "Antoloblogue" e que pode ser atopado en http://antoloblogue.blogspot.com. Preténde-se que este blog sirva para divulgar todo canto haxa que dicir respeito ás antoloxias e tamén como vehículo promocional da iniciativa. Xa contén un primeiro post prévio e un longo texto onde está explicado todo o que poden dicir sobre o que se pretende, as condicións de submisión e os seus prazos. Co tempo, nel poderedes tamén atopar dados e novas sobre histórias e autores seleccionados para a primeira antoloxía, entre outras novidades.
Esta oportunidade fica aberta a todos os autores de língua portuguesa, sen excepcións nin obstáculos de xénero, credos ou nacionalidades.
Gravísima crise na Ibercon
[21:54 27/06/2005] Tal e coma vos anunciamos hai unhas semanas nesta sección e en rigorosa exclusiva mundial, importantes sectores da ciéncia-ficción portuguesa que non están de acordo con seren representados pola Simetria (organismo luso que pretende englobar ao fans do fantástico en Portugal) anunciaron de xeito xa definitivo que non van participar na Ibercon, e entre eles, Luis Filipe Silva e Jorge Candeias.
O primeiro deu a coñecer un comunicado no que comenta que "por discordâncias profundas com a forma como a associação representante da participação portuguesa na Ibercon pretende efectuar a dita participação, anúncio que, ao contrário do indicado na acta enviada pela Simetria, não irei mais fazer parte de nenhum evento na Ibercon que esteja directamente ligado à dita associação".
Ainda que algúns membros do fandom español tentaron de convencer a Luis Filipe, está claro que a división é moi profunda e que non hai xa esperanzas de vermos un conxunto moi importante de entusiastas da ciéncia-ficción do noso país veciño na vindeira Ibercon. Segundo dixo Jorge Candeias, "infelizmente, já ultrapassámos o ponto em que ainda seria possível conversar com aquela gente da Simetria. Precisamente devido à ausência de uma quantidade mínima de respeito deles quer por nós quer, inclusivamente, pela própria ideia da ficção científica portuguesa. A Simetria é um grupo pequeno de pessoas que só se preocupa em defender os seus próprios interesses e nada mais. NÃO é a FC portuguesa. NÃO é a contrapartida portuguesa à AEFCFT. E já nem sequer é a única associação que nós temos".
Pola súa banda, Luis Filipe Silva comentou que "foi uma questão de democracia (ou falta dela) que motivou esta atitude. A Simetria mostrou-se, para connosco, não estar disposta a escutar conselhos, ouvir ideias novas, e a ser sincera. Aceito um bom debate, mas não aceito autoritarismos". Segundo Silva, este debate "há anos que tem acontecido no interior da FC portuguesa".
Polo tanto, a crise que estaba a sobrevoar este histórico acontecemento ibérico estoupa con todas as súas consecuéncias. Non sabemos ainda se a organización vai tomar algunha medida, e caso de o facer, cal sería. O certo é que dende un primeiro intre apoiaron sen reservas á Simetria coma representante única dos fans portugueses, mália as dúbidas que isto prantexou non só en Portugal senón tamén en Galiza. Para Jorge Candeias, "o mais provável é que esta Ibercon acabe por não o ser".
Gañadores dos prémios Bram Stoker
[21:54 27/06/2005] Os gañadores dos prémios Bram Stoker deste ano, cos que se recoñecen ás millores obras no eido do terror, foron anunciadas onte á noite nunha gala celebrada en Burbank, Califórnia, organizada pola Horror Writers Association. Esta é a listaxe dos gañadores:
- Millor novela: In the Night Room, de Peter Straub
- Millor primeira novela: Covenant, de John Everson e Stained, de Lee Thomas
- Relato longo: The Turtle Boy, de Kealan-Patrick Burke
- Relato curto: Nimitseahpah, de Nancy Etchemendy
- Millor colección: Fearful Symmetries, de Thomas F. Monteleone
- Millor antoloxía: The Year's Best Fantasy and Horror: Seventeenth Annual Collection, publicada por Ellen Datlow, Kelly Link e Gavin Grant.
- Non-ficción: Hellnotes, de Judi Rohrig
- Millor cómic: Heaven's Devils, de Jai Nitz
- Millor guión: Esquéce-te de min!, por Charlie Kaufman, Michel Gondry e Pierre Bismuth, e Shaun of the Dead, por Simon Pegg e Edgar Wright
- Millor traballo para leitores novos: Abarat: Days of Magic, Nights of War, de Clive Barker e Oddest Yet, por Steve Burt
- Poesía: The Women at the Funeral, de Corinne De Winter
- Multimédia: The Devil's Wine de Tom Piccirilli
- Prémio á Obra dunha Vida: Michael Moorcock
[23:52 14/07/2005] Seica ao actual Papa Bieito XVI non lle gostan os libros de Harry Potter. No novo libro de Gabriele Kuby, Harry Potter — Good or Evil, a escritora publica extractos de cartas que lle enviou o Papa cando ainda non fora elixido para o seu cargo, nas que ataca duramente aos libros de J.K. Rowling, porque segundo di, conteñen "sutiles seduccións" que "distorsionan a cristiandade no alma". O único certo é que cando a igrexa católica ataca un libro, de contado convírte-se en best-seller.
[23:52 14/07/2005] Donald Trump ven de contratar a George Lucas para que apareza como convidado na vindeira cuarta tempada da série de televisión O Aprendiz. Lucas terá que decidir que equipo ten a millor estratéxia pata promocionar o DVD da súa película A Vinganza do Sith. O Aprendiz é un "reality show" no que dous aspirantes a ser contratados polo magnate Donald Trump deben amosar as súas cualidades como futuros ases dos negócios.
IberCon: pobre resposta da organización
[17:51 04/07/2005] Metidos de cheio na voráxine informativa que está a ocasionar a irreversíbel crise da IberCon, temos que falar das últimas novidades ao respecto, que proveñen finalmente da organización, que até agora non dixera "esta boca é miña", seica porque o seu máximo responsábel estivo fóra. Nacho Agulló, presidente do Colectivo Nemo de Fantasia e Ciéncia-Ficción, e coordenador da IberCon, publicou unha mensaxe coa que tenta curar as feridas abertas.
Agulló afirma que a ideia é que a IberCon sexa a casa de todos, polo que "acudiu-se ás asociacións responsábeis [dos Encontros e da Hispacon] que son Simetria e a Asociación Española de Fantasia, Ciéncia-Ficción e Terror (AEFCFT)". Na súa mensaxe, o presidente do Colectivo Nemo indica que "como organizador do evento, o Colectivo Nemo é o único responsábel do resultado do mesmo".
En resposta ás dúbidas prantexadas por fans portugueses alleos á Simetria, Agulló insiste en que "a IberCon fica aberta á participación de máis entidades colaboradoras, que á data actual suman cinco e esperamos que continúen aumentando. O Colectivo Nemo quere invitar a participar a toda asociación portuguesa de fantástico, e máis ainda, a toda asociación portuguesa falante, pois estamos descobrendo que pola internacionalidade das línguas portuguesa e española o evento disfruta dunha trascendéncia que traspasa océanos. Se houbese algunha asociación coa que non estivéramos en contacto, con certeza sería por descoñecemento".
Por último, a organización da IberCon solicita "toda a colaboración posíbel para asegurar de maneira consistente a presenza portuguesa na Ibercon. Os organizadores desexamos que o resultado sexa óptimo, que esta IberCon sexa a primeira de muitas, e que próximamente se organice unha II IberCon en Portugal".
Mália este comunicado, polo de agora, nin Luis Filipe Silva nin Jorge Candeias rectificaron públicamente a súa postura de non asistir á IberCon, motivada por diferéncias coa organización portuguesa Simetria. Hai que dicir que por parte da organización do evento, o seu máximo responsábel Nacho Agulló estivo moi por baixo do que calquera agardaría, e perante as nosas preguntas, limitou-se a contestar que todo é un "bulo", que somos uns "sensacionalistas" e a tildarnos de "cómicos". A verdade é que con posturas coma estas, dignas dun Julián Muñoz da vida, a IberCon non vai poder contar con moitos apoios, e por suposto co noso dende agora xa non.
Kathleen Kennedy fala sobre Indy 4
[1:14 11/07/2005] A produtora Kathleen Kennedy fixo recentemente unhas interesantes declaracións verbo da cuarta e agardadísima entrega da saga de Indiana Jones, e seica a cousa vai ben.
Kennedy dixo que "estamos a traballar no guión. Xa sei que isto soa igual que o que levamos dicindo quince anos, pero espero que poidamos ver algo nun par de meses. Jeff Nathanson está a traballar co guión xusto agora... e direi isto: se chega e estamos contentos con el, será máis que probabelmente a vindeira cousa que fagamos".
Tamén confirmou que o filme estará ambientado na década de 1940 e que os informes que dicían que o guión de Nathanson foi preaprobado por Lucas e Spielberg son certos, pero "unha cousa é aprobar algo e outra dar-lle a luz verde para rodala. Así que estamos xusto nesa fase intermédia".
Ao respeito da idade de Harrison Ford e que impacto podería ter iso, Kennedy afirmou que "non estamos a escribir o guión como se el tivese vinte anos. Xa sabes, Sean Connery pasou unha cheia detempo no papel de James Bond e por que non. Coido que é estupendo que poidamos facer outra película de Indiana Jones e Indy pode ser un pouco maior. Coido que xogar con iso é bó".
[13:16 19/07/2005] A compañia Blues Sphere Games asinou un acordo con Terry Pratchett para desenvolver vários xogos para móbil baseados na série de Mundodisco durante os próximos tres anos. O primeiro xogo estará protagonizado por Ricewind e Twoflower e baseará-se na novela A cor da máxia e prevé-se o seu lanzamento para o próximo mes de outubro. Mais detalles na páxina web da compañia que desenvolverá os xogos.
[13:16 19/07/2005] Charlie e a Fábrica de Chocolate, o filme protagonizado por Johnny Depp, abriu co número ún nos Estados Unidos, acadando unha recadación de 55,4 millóns de dólares, mália que moitos din que o persoaxe protagonista, Willy Wonka, é cuspidiño a Michael Jackson.
[13:16 19/07/2005] En tan só 24 horas, o sexto libro da saga de Harry Potter, Harry Potter e o príncipe mestizo, acadou vender 6,9 millóns de exemplares en todo o mundo, é dicir, uns 250.000 libros por hora. Ainda que os críticos, coma é habitual, non deixan en moi bó lugar a obra de J.K. Rowling, o certo é que a escritora inglesa é agora mesmo 36 millóns de dólares máis rica ca onte.
[13:16 19/07/2005] Bryan Singer, director da vindeira Superman Returns, fixo unha aparición estelar na Comic-Con International o pasado 16 de xullo en San Diego, co debut do tráiler do filme e obtendo unha pechada ovación dos máis de 6.000 espectadores que acodiron. Entre as sorpresas no tráiler hai que destacar que o persoaxe de Lois Lane (Kate Bosworth) semella ter un bebé cun persoaxe chamado Richard White, a voz de Marlon Brando no papel de Jor-El e Susannah York como Lara, "ripeados" da película orixinal de 1978 Superman, e a banda sonora que incorpora o tema de John Williams da mesma película. O tráiler foi tan ben recibido que Singer tivo que repetilo dúas veces.
[13:16 19/07/2005] O produtor Joel Silver revelou nunha entrevista que está a considerar rodar o seu previsto remake de A Fuga de Logan en Berlín, tan pronto coma Bryan Singer remate o seu actual traballo coa película de Superman. Singer e outros escritores están rematando o guión para A Fuga de Logan, un remake do filme de 1976 baseado na novela de William F. Nolan sobre unha sociedade futura na que a xente nova morre antes dos trinta anos.
[15:04 17/07/2005] Ainda que a edición en español tardará uns seis meses en estar nas librarías e a edición en galego entre tres e catro anos, a versión inglesa de Harry Potter e o príncipe mestizo foi acollida tamén con entusiasmo en Galiza, onde várias librarías tiñan reservas dende hai días: "Algunhas persoas nolo pediran hai xa dous meses. Hoxe chegaron-nos 60 exemplares do libro e pola mañán vendímolos todos, ainda que esta semana virán máis", comentou un voceiro da Casa do Libro de Vigo. Tamén en "El Corte Inglés" de Vigo venderon case o total do centear de exemplares que colocaron nos seus andeis.
Os prémios Sturgeon e Campbell
[1:32 13/07/2005] O gañador do prémio John W. Campbell ao mellor romance de ciéncia ficción de 2004 foi Richard Morgan con Market Forces, mentres que Bradley Denton recebiu o prémio Theodore Sturgeon Memorial ao millor relato de ciéncia-ficción de 2004 por Sergeant Chip. O xurado anunciou o resultado o pasado 8 de xullo na Universidade de Kansas.
O segundo e terceiro posto do prémio Sturgeon foron para The Voluntary State de Christopher Rowe e Mere de Robert Reed. O segundo e terceiro lugar do prémio Campell recaiu en The Time Traveler´s Wife de Audrey Niffenegger e Air de Geoff Ryman.
[18:44 22/07/2005] Outra triste despedida para un xénio do cómic: o debuxante Jim Aparo (1933-2005) finou o pasado día 19. Aparo foi considerado ún dos artistas que acadaron erguer definitivamente ao persoaxe de Batman cando se atopaba nos seus peores momentos nos anos 70, e tamén debuxou a Aquaman e mais a Phantom Stranger. Comezou debuxando nunha editora menor, a Charlton, nos anos 60, pero foi contratado pola DC da man doutro xénio, Dick Giordano.
[18:44 22/07/2005] Menos de 24 horas após da súa publicación mundial, unha web chinesa xa está a ofrecer pirateado o novo libro da saga de Hary Potter, de 672 páxinas e convertido en libro electrónico. Non se ten notícia de que haxa ningún detido nesta "república popular", por suposto.
[23:44 20/07/2005] John Moore (O vóo do Fénix) dirixirá The Omen 666, un remake do clásico do terror de 1976 sobre a chegada do Anticristo no seo dunha família aparentemente normal. Moore será o realizador deste filme, que escribirá Dan McDermott e producirá a 20th Century Fox.
[23:44 20/07/2005] O escritor de novelas de vampiros Fred Saberhagen, convidado de honra na convención CascadiaCon deste ano ven de anunciar que non poderá participar no evento porque foi diagnosticado con cancro de próstata xa moi avanzado. Saberhagen tentará estabilizar a súa enfermidade para poder participar en convencións futuras.
[0:04 20/07/2005] A Paramount ven de adquirir os dereitos para desenvolver unha película baseada nos populares persoaxes dos Pitufos, e ten pensado facer unha versión en 3D producida por Jordan Kerner e mais a Nickelodeon Movies. Os produtores pretenden facer unha triloxía coa vista posta nunha primeira parte que aparecería en 2008, cando os pequenos trasnos azuis cumpran 50 anos.
[13:16 19/07/2005] A Universal Pictures está a preparar algo que sen dúbida gostará aos afeizoados á obra do creador de Conan, Robert E. Howard: un filme sobre Bran Mak Morn, o rei picto, un dos personaxes bárbaros mais interesantes do autor texano. Dirixirá Peter Berg e John Romano é o encarregado do guión, mentres que Michael Mann será o produtor executivo. Unha equipa prometedora para o que poderia ser o vindeiro grande pelotazo cinematográfico da literatura fantástica pasada ao cinema.
[18:44 22/07/2005] Joe Harnell (1924-2005), o compositor de clásicos da televisión coma O incribel Hulk, V ou A muller biónica, finou o pasado xoves 14 de xullo dunha doenza cardíaca aos 80 anos de idade. Ademáis dos mencionados, tamén é autor das melodías de Alien Nación e séries coma Drácula'79 ou Santa Barbara, así coma a opertura do logo da United Artists.
[23:15 23/07/2005] O guionista Paul Hernandez revelou que está a preparar o seu debut como realizador con Star Date, un filme sobre uns friquis que asisten a unha festa de "Star Trek" coa ideia de atopar mozas. Seica está baseado nunha história real.
[23:15 23/07/2005] Deus xa pode respirar aliviado: Mel Gibson ven de anunciar o seu vindeiro proxecto como director, e non ten ren que ver con A Paixón de Cristo. Gibson escribiu e dirixirá Apocalypto, que seica é unha película de acción pero sen temas relixiosos. Gibson non quixo revelar máis detalles.
[18:44 22/07/2005] Lynda Carter, quen interpretou á protagonista da série de TV dos anos 70 Wonder Woman, dixo nunha entrevista que lle encantaría ter a oportunidade de aparecer na versión que deste persoaxe dos cómics se fará para a pantalla grande, escrita e dirixida por Joss Whedon. Carter anima aos seus fans a participar na campaña de sinaturas que se están a xuntar na Internet para que a veterana actriz teña alomenos un "cameo" no cinema.
[18:44 22/07/2005] O guionista de Batman Begins David S. Goyer dixo que está a producir unha série de televisión con episódios dunha hora de duración baseada nas súas películas da franquía de Blade para a Spike TV, e que comezará a se emitir o vindeiro xuño. Goyer afirma que a canle pediu-lle 13 episódios, centrados no popular cazador de vampiros das películas que Goyer tamén escribiu (e dirixiu a terceira entrega).
[23:15 23/07/2005] Guy Pearce será o meigo Houdini na vindeira Death Defying Acts, con Rachel Weisz probabelmente de coprotagonista. Baseada nos acontecementos reais do mestre das fugas, este filme será un drama que narre a história de amor entre Houdini e mais unha muller que atopa en Escócia. Gillian Armstrong dirixirá o filme, escrito por Tony Grisoni e Brian Ward. A rodaxe comezará a princípios de 2006.
[23:15 23/07/2005] Os gañadores do segundo concurso internacional Clarke-Bradbury de ciéncia-ficción patrocinado pola Axéncia Espacial Europea co tema de "O ascensor espacial" veñen de ser anunciados: Christian Doan na categoría de millor história e Frank Lewecke na categoría de millor debuxo.
[1:18 29/07/2005] A Universal ven de se asegurar os dereitos para facer unha película baseada no videoxogo God of War creado pola Sony Computer Entertainment. Charles Roven e Alex Gartner producirán a película, ambientada na antiga Grécia, e na que interveñen deuses, heroes e guerreiros co fin de atopar a caixa de Pandora e destroir a Ares, deus da guerra.
[1:18 29/07/2005] Chris Sayour, un dobre de Tom Welling na série Smallville, tivo un grave accidente durante unha escena perigosa o martes e atópase arestora loitando entre a vida e a morte nun hospital de Vancouver, Canadá. Sayour, de 35 anos, foi levado en helicóptero ao hospital con fracturas múltiples e feridas internas. A Policía dixo que non sospeita de que o accidente fose provocado.
[16:17 26/07/2005] O xuiz do caso de Tom Sizemore ven de ordear que o actor continúe detido no centro de rehabilitación até setembro por fallar unha vez máis nos controis de proba de drogas. Sizemore confesou que falsificara as súas probas de ouriños en oito ocasións. O actor ten problemas coa xustiza dende que en 2003 fora condeado por bater na súa compañeira Heidi Fleiss, polo que fora condeado a 17 meses de cárcere.
[16:17 26/07/2005] Charlie e a Fábrica de Chocolate, o controvertido filme de Tim Burton, continúa unha semana máis no alto da listaxe de películas máis vistas nos Estados Unidos, engadindo outros 23,45 millóns de euros ao seu botín. No terceiro posto segue a estar Os Catro Fantásticos, mentres que A Guerra dos Mundos cae até o 6º lugar.
[16:17 26/07/2005] Temos que facer unha rectificación: non é certo, como informamos hai un par de días, que o novo filme de Mel Gibson non teña ren que ver co seu anterior e moi polémico A Paixón de Cristo, porque o actor e director australiano ten previsto facer un novo filme épico histórico, e rodado nunha língua extraña: un escuro dialecto máia. O filme Apocalypto estará ambientado hai uns 500 anos en América Central, e estará feito por actores nativos descoñecidos do área de México.
[23:15 23/07/2005] As cinzas de James Doohan serán enviadas ao espazo após do seu funeral. O popular actor da série "Star Trek" finou hai uns días aos 85 anos e a súa muller e mais o seu axente desexan enviar as súas cinzas ao espazo a bordo dun foguete, unha vontade que Doohan amosara antes de morrer. Este desexo de Doohan é o mesmo que o do creador da série, Gene Roddenberry, cuxas cinzas xa están orbitando a Terra dende 1997. Agárda-se que este desexo sexa cumprido en setembro a bordo da nave Falcon 1, que será lanzada dende a base aérea Vanderberg en Califórnia.
O sexto libro de Harry Potter, á venda por erro
[1:33 13/07/2005] O vindeiro 16 de xullo é a data mais que agardada para que todo o público coñeza o grande segredo que agocha o sexto libro da saga de Harry Potter. Nombergantes, unha libraria preto de Vancouver adiantou-se aos desexos da autora, J.K. Rowling, e puxo á venda por erro unha pequena cantidade de exemplares da aprezada obra.
Raincoast Books, distribuidora dos libros de Harry Potter en Canadá, sinalou que se vendeu unha pequena cantidade de exemplares nunha libraria preto de Vancouver. A raiz de se coñecer o despiste dos vendedores, un tribunal determinou que aquilos que mercaran o último libro de Rowling titulado Harry Potter e o príncipe mestizo non poderían revelar a trama.
O tribunal tamén ordeou que todas as cópias sexan devoltas á Raincoast. Para que os compradores non se sintan estafados e garden o grande segredo, a distribuidora lles prometeu exemplares co autógrafo de Rowling unha vez que se erguese o embargo.
Harry Potter e o príncipe mestizo será apresentada a todo o mundo o próximo 16 de xullo nun castelo de Edinburg. A sexta obra de J.K. Rowling comezará a sua venda exactamente a meia noite, o que provocará que milleiros de libreiras fagan horas extras para ver incrementado o seu negócio.
Será nese momento cando as persoas que coñecían o segredo de Harry Potter dende dias antes podan comentá-lo abertamente sen que un xuiz llo prohiba. Pero ainda non se sabe se aturarán a espera en silenzo.
[1:18 29/07/2005] Finou o actor George Wallace aos 88 anos por mor de complicacións derivadas dunha caída que sofriu durante unhas vacacións en Pisa (Itália). A súa carreira comezou nos anos 50 co filme Radar Men from the Moon, e interpretou ao rei Artur na obra de teatro Camelot e a Don Quixote en The Man of La Mancha. Últimamente interviñera en filmes coma O Home do Bicenteário ou Minority Report.
[20:47 31/07/2005] Dark Castle, a produtora de películas de terror de Joel Silver (Gótica, 13 Fantasmas e, noutra orde de cousas, a triloxía Matrix ou as sagas de acción Xungla de Cristal e Arma Letal) dispón-se a rodar unha nova versión do clásico da ciéncia-ficción e do terror A Invasión dos Ultracorpos, protagonizada por Nicole Kidman. A película será a estrea hollywoodense de Olivier Hirchbiegel, o realizador alemán de O Afundimento.
[20:47 31/07/2005] Doraemon e os seus amigos embarcan-se nunha nova aventura titulada Doraemon e os deuses do vento. A quinta película do gato cósmico estreará-se o 2 de setembro, pero ainda non está claro se na Galiza terémola nas salas de cinema en versión galega, coma as tres anteriores entregas.
[1:18 29/07/2005] Un voceiro da igrexa da Ciencioloxía ven de declarar que a súa seita non é responsábel das feridas que tiña Katie Holmes na boca en maio. Só unha semana despóis de que ela e mais Tom Cruise comezasen a sair, a actriz foi fotografada con sinais preto dos beizos, que os críticos consideraron que proviñan dun proceso que fan os cienciólogos chamado "a purificación" e que consiste en tomar doses masivas de vitamina B3 co suposto fin de baixar o colesterol.
[1:58 03/08/2005] Ellen Page (Hard Candy) foi contratada para o papel de Kitty Pryde na vindeira entrega mutante X-Men 3, segundo informaron as nosas fontes en Hollywood. Hai uns días informára-se incorrectamente que a protagonista de Perdidos Maggie Grace acadara o papel.
[1:58 03/08/2005] O veterano actor Burt Reynolds revelou que nos anos 70 lle ofreceron o papel de James Bond e que el rexeitouno por considerar que un americano non podería interpretalo ben. Agora Burt di que esperta polas noites con pesadelos e berrando "Bond, James Bond!".
[1:58 03/08/2005] A Sobini Films ven de presentar unha demanda contra a Sony Pictures Entertainment, alegando de que compaña tenta bloquear unha versión cinematográfica de "El Zorro" porque din que teñen os dereitos exclusivos sobre o popular heroe mexicano. Sobini Films mercou os dereitos de The Curse of Capistrano, unha novela de 1919 que foi a primeira na que apareceu o persoaxe do Zorro, e agora queren comezar a produción de Zorro 2110 pero non atopan ningunha compaña quelles asegure porque seica a Sony está presionando para que esta versión futurista nunca vexa a luz.
[1:58 03/08/2005] A espada láser usada polo actor Mark Hamill no papel de Luke Skywalker na película orixinal da saga da Guerra das Galáxias foi vendida por 200.000 dólares a un poxante anónimo nunha poxa de artigos de películas levada a cabo en Beverly Hills, Califórnia, o 29 de xullo. O sabre usado por David Prowse (Darth Vader) só acadou os 118.000 dólares.
Os candidatos aos Emmys
[23:50 14/07/2005] Mulleres desesperadas, a série emitida por FoxTV e mais por TVE1, levou nada menos que 15 nominacións aos prémios Emmy. A série, na que unha muller morta narra as aventuras do seu grupo de amigas, só ten ese toque fantástico, pero é abondo como para considerar que por fin unha série de xénero vai ter sérias opcións de gañar algo, porque ademáis tres das súas protagonistas están tamén nominadas; Marcia Cross, Teri Hatcher e Felicity Huffman.
Outra série tamén parcialmente pertencente ao xénero fantástico, neste caso á ciéncia-ficción, Perdidos, levou 12 candidaturas, entre as que se inclúe a de millor série dramática.
Outros candidatos que poden ser do noso interese on Jennifer Garner, pola série Alias na categoría de millor actriz, e Patricia Arquette pola série Medium ainda non estreada en Galiza.
A gala da 57ª Edición dos Prémios Emmy será emitida o vindeiro 18 de setembro dende Los Angeles.
[20:13 03/08/2005] As Edições ArcosOnline.com venhen de lançar dende o dia 23 de Julho a novela Sobras de Deus, do escritor brasileiro Floriano Martins. A obra será disponibilizada gratuitamente em formato digital na página da editora. A Vida Extrema, poemário de Mário Herrero Valeiro, e As sete fontes, romance de Concha Rousia, são outras obras de autores galegos que oferece a editora. Sobras de Deus é uma novela que reúne elementos de géneros literários tão diversos como o drama ou o conto fantástico.
[1:58 03/08/2005] As belezas hollywoodenses Catherine Zeta-Jones e Sandra Bullock non están na carreira para interpretar á superheroina Wonder Woman na nova versión cinematográfica da série detelevisión dos anos 70. Lynda Carter, que protagonizou o programa orixinal, dixo que preferiría que o director do filme e tamén creador da série Buffy Cazavampiros Joss Whedon contratase a unha actriz máis nova para o papel principal no canto de chamar a algunha actriz xa consagrada: "Debería ser unha actriz descoñecida que teña sobre vinte anos". As candidatas serían a intérprete de O.C. Mischa Barton e a moza de Tom Cruise Katie Holmes.
[1:58 03/08/2005] Nada menos ca Lauren Bacall é a última (polo de agora) famosa que entra ao trapo no tema de Tom Cruise, e non precisamente a favor do recoñecido cienciólogo: "O seu enteiro comportamento é chocante", dixo a veterana actriz. "É inapropiado e vulgar e absolutamente inaceptabel usar a túa vida privada para vender algo comercialmente". E engadiu: "É máis, a palabra grande ainda está aí, e cando se fala dun grande actor, non se fala de Tom Cruise".
[1:58 03/08/2005] A actriz Charlize Theron forzou aos produtores a cambiar o seu uniforme para a vindeira película Aeon Flux porque considerou que o traxe orixinal deixaba ver demasiadas cousas. Cando Theron viu o deseño, que era pouco máis ca un biquini, decediu incorporar uns pantalóns ao uniforme. A actriz, de 29 anos, admite que "cando estás xogando con aspectos da sexualidade, certas cousas hai que agochalas. Iso é o que a miña nai dicíame. Quero semellar tan auténtica coma o persoaxe orixinal, pero non sinto a necesidade de ir tan lonxe co traxe". A película de ciéncia-ficción, baseada nun persoaxe dos cómics, será estreada en outono.
[1:58 03/08/2005] O director Mike Newell usará o seu vindeiro filme Harry Potter e o Cáliz de Fogo para airear a súa particular visión sobre os nenos. O realizador, de 63 anos de idade, quere borrar calquera senso de falsa inocéncia nos contos máxicos, e insiste que os nenos deben ser descritos dun xeito máis realista, coma maníacos sedentos de sangue: "considero que os nenos son anarquistas violentos, suxos e corruptos". Que forte!
[22:41 04/08/2005] De mal en peor: os novos tempos semellan ter afectado gravemente a James Bond, quen conducirá un Fiat Panda na súa vindeira película, Casino Royale, segundo informaron fontes italianas.
[10:53 09/08/2005] No decurso da Worldcon que está a ter lugar en Glasgow (Escócia) veñen de se dar a coñecer os gañadores dos Prémios Sidewise para Historias Alternativas: O millor relato foi para The Ministry of Space de Warren Ellis (novela gráfica) e a novela de Historia Alternativa foi para The Plot Against America, de Philip Roth. Os Prémios Sidewise entregan-se desde 1996 a traballos publicados o ano anterior. Denominan-se así na honra ao relato de Murray Leinter Sidewise in time no que extensas zonas da Terra trócan-se con outra Terra alternativa por mor dunha treboada.
[10:53 09/08/2005] A rodaxe de Superman Returns sofriu unha demora cando dous ladróns roubaron uns walkie-talkies e se fixeron pasar por membros da equipa de produción. A semana pasada, os bromistas comnezaron a berrar "Corten!" e "Acción!" polas rádios, forzando a paralización da película que roda Bryan Singer baseada no popular persoaxe dos cómics. A brincadeira puido ser moi perigosa porque neses intres rodába-se unha escena de acción cun coche voando sobre a cabeza dun grupo de extras.
[13:36 05/08/2005] Dende o pasado 7 de xullo até o vindeiro 1 de outurno o Museo Municipal de Vigo "Quiñones de León" apresenta a exposición "Para o deus Berobreo" de arqueoloxía sobre a súa colección de aras procedentes do santuario galaico-romano do Facho de Donón. Estas aras constitúen a primeira evidéncia da existéncia deste importante santuário de características únicas na Hispánia romana. Nun ámbito máis xeral o museo desenvolve esta exposición como unha medida de revalorización, divulgación e documentación da súa colección de arqueoloxía.
Os Transformers, en 2007
[23:50 14/07/2005] A película de acción real Transformers xa ten unha data de estrea, ainda que moi afastada: o 4 de xullo de 2007, segundo anunciaron hoxe conxuntamente DreamWorks Pictures, Hasbro, Inc. e mais a Paramount Pictures.
O filme, baseado na popular liña de xoguetes, será dirixida por Michael Bay (A Illa, Armageddon) cun guión de Alex Kurtzman e Roberto Orci (A Illa). Steven Spielberg será o produtor executivo, con Lorenzo di Bonaventura, Tom DeSanto e Don Murphy de coprodutores executivos.
A DreamWorks distribuirá o filme nos Estados Unidos e a Paramount no resto do mundo. A Hasbro, a compañía de xoguetes que ten os dereitos sobre estas figuras, traballará coa equipa de produción e mais a DreamWorks en todos os aspectos do desenvolvemento creativo, o márketing e mais a promoción. Esta mesma semana, a DreamWorks ven de abrir un novo sítio web (www.transformers.com) anunciado na Comic-Con International, en San Diego, Califórnia.
Aparecidos en 1984, os Transformers son uns xoguetes que consisten básicamente en camións transformábeis en robots, e hai dous tipos: os Autobots e mais os Decepticons. Após dos xoguetes, apareceron os cómics, un programa de televisión e unha película de debuxos animados.
[10:53 09/08/2005] Harry Potter e o Cáliz de Fogo, actualmente en postprodución e agardando pola súa estrea o vindeiro 18 de novembro, foi recebido pola censura americana cunha calificación de "Para Maiores de 14 anos", a primeira deste tipo que reciben as películas da saga de Potter, por mor das súas secuéncias de violéncia e polas imaxes que meten medo, ademáis dunha referéncia a "ese horrible, fodido fillo de puta, Voldemort". As tres primeiras películas foron todas calificadas como "para todos os públicos".
[10:53 09/08/2005] O autor de O Código da Vinci, Dan Brown, trunfou o venres nun tribunal de New York, cando un xuiz determinou que a súa coñecida novela non é un pláxio da obra doutro escritor. Lewis Perdue afirmaba que Brown usara partes de dúas das súas novelas, The Da Vinci Legacy (1983) e Daughter Of God (2000) en O Código da Vinci, e pedía 150 millóns de dólares en danos así como a paralización da película que está a se rodar arestora. O xuiz George Daniels dictou que calquera semellanza entre as obras de ficción está baseada en "ideas non protexíbeis". Perdue insistiu en que ía apelar contra esta decisión.
A nova entrega de Harry Potter xa enfeitiza
[21:23 16/07/2005] Após dous anos de anceiosa espera, a versión en inglés de Harry Potter e o príncipe mestizo, a sexta e penúltima entrega da saga, fixo a sua aparición na medianoite do sábado nos comércios de 15 paises do mundo. Mentres, a sua autora, a inglesa J.K. Rowling, invocaba a atenzón dos seus fieis no castelo de Edinburg (Escócia), dende onde leu algunhas liñas do tomo de 607 páxinas.
Entretanto, nas librarias inglesas, milleiros de entusiastas puñan fin a un dia de longas ringleiras, nervos e excitación, para se lanzar sobre os exemplares, até agora almacenados baixo estritas medidas de seguranza e protexidos como se se tratase dun segredo de Estado. "Sinto-me un 99,99 por cento emocionado", confesaba un mozo británico, cun sorriso de orella a orella, nunha libraria da céntrica rúa de Oxford de Londres, que recebiu a 2.500 persoas tras abrir as suas portas a meianoite.
Convertido en "best-seller" antes de sair á venda, cun volume de pedidos de mais de 350.000 exemplares tan só no Reino Unido, Harry Potter e o príncipe mestizo está chamado a facer história e a bater novos récords. A sua editorial, Bloomsbury, espera que o feitizo da primeira xornada lle subpoña dous millóns de vendas en chan británico e dez millóns no total de 15 paises nos que xa desembarcou a sexta entrega da saga, coma Estados Unidos, Brasil ou Filipinas.
A cadea británica WHS Smith calculou que cada trece segundos, un exemplar "voou" dos andeis dos seus estabelecementos que abriron un minuto despois das doce. As estritas normas da editorial, que obrigou a todos os distribuidores a asinar un compromiso de embargo, contribuiron a aumentar o desacougo dos leitores, impacentes por coñecer as respostas aos enigmas que envolven o novo episódio.
A J.K. Rowling fica-lle por escreber o sétimo e derradeiro libro, no que se bisbillota que Harry podería morrer, quizais tras de se enfrontar a Voldemort, quen asasinou aos seus pais cando el era un bebé. Convertido nun fenómeno literário sen precedentes, as cinco primeiras obras do intrépido meigo, traducidas a mais de 50 idiomas, rexistaron unhas vendas de mais de 200 millóns de exemplares en todo o mundo.
A tradución galega da cuarta parte, Harry Potter e o cáliz de ouro, está xa practicamente lista pero Galaxia non a colocará nas librarías até outubro. O secretismo sobre os contidos é máximo.
Tampouco está claro cal vai ser a tradución en galego do título deste sexto volume. A editorial brasileira, Rocco, dubida entre a versión literal "príncipe meio-sangue", ou os termos "mestiço", "bastardo" ou mesmo "morganático". A tradutora galega da serie, Eva Almazán, di que aínda é cedo para escoller un título no noso idioma e que ademais de razóns lingüísticas concorren criterios empresariais e de protección da imaxe de marca. "Half-blood fai referenza á mestura entre muggles e magos, e quizais por iso sexa importante manter a relación co sangue; pero en galego ese termo non existe e por iso pódese propoñer o de "mestizo"", sinalou a tradutora.
[10:54 09/08/2005] Déron-se a coñcer os gañadores dos prémios Prometheus que outorga a Sociedade Libertária Futurista na Convención Mundial de CF en Glasgow. Estes foron Neal Stephenson por The System of the World for Best Novel e a entrada no Salón da Fama foi para A.E. van Vogt por The Weapon Shops of Isher. Houbo mencións especiais para The Probability Broach: The Graphic Novel, escrita por L. Neil Smith e ilustrada por Scott Bieser, e para as antoloxías editadas por Mark Tier e Martin H. Greenberg Give Me Liberty e Visions of Liberty.
George Orwell, espiado por Scotland Yard
[13:14 19/07/2005] O clásico escritor de ciéncia-ficción George Orwell, autor da novela 1984 e do persoaxe do Grande Irmán, non podía estar mais relacionado coa sua própria realidade, porque durante 12 anos Scotland Yard estivo a investigar ao escritor inglés.
En 1936, Eric Blair, verdadeiro nome do escritor, fixo unha viaxe ao norde de Inglaterra para estudar as condicións de vida da clase traballadora e poder escreber a sua obra O camiño a Wigan Pier. Isto ergueu as suspeitas dos servizos de seguranza. O xefe de policia de Wigan, Thomas Pey, informou a Scotland Yard de que Orwell se hospedaba nun apartamento nun distrito da clase obreira relacionado co Partido Comunista.
Segundo publicou o xornal inglés "The Guardian", durante a sua estáncia alá, a Policía adicou-se a redactar informes nos que se lle relacionaba con coñecidos comunistas e organizacións de esquerdas. Mesmo chegaron a informar de que o partido comunista local lle proporcionara o seu aloxamento: "Poderia semellar, pola sua forma de vida, que se trata dun escritor. Fixo acópio dunha morea de dados sobre a localidade. O número de igrexas, secretarías públicas, povoazón, etc. Ademais, recebeu unha cantidade inusual de correspondéncia. Tamén estivo a perguntar sobre as minas e as factorías da zona", di ún dos informes que falaban sobre Orwell.
Segundo os documentos secretos agora desclasificados, Orwell era un home prácticamente arruinado cando empezou a traballar na sección índia da cadea BBC en 1942, e "vestía cun xeito bohemio tanto na oficina coma nas suas horas de lecer". O informe concluía que Blair tiña unha avanzada "visión comunista".
Orwell, autor da novela 1984, na que imaxinaba unha sociedade intercomunicada e vixiada por un Grande Irmán que controlaba o pensamento, foi vítima, sen o saber, da sua própria antiutopía.
"O Soño" de Dygra estréa-se en Portugal
[21:23 16/07/2005] O Soño dunha noite de Sanxoán, a segunda longametraxe de animación en 3D da produtora galega Dygra Films, estreará-se hoxe en Portugal avaliada polo éxito obtido en España, onde se situou á cabeza das producións españolas con 100.000 espectadores e 500.000 euros de despacho de billetes dende a sua estrea o pasado día 1.
O Fórum Lisboa, na capital portuguesa, acollerá esta noite o primeiro pase portugués de O Soño dunha noite de Sanxoán, que se estreará comercialmente o vindeiro día 21 nunha vintena de cinemas de todo o país.
O acto desta noite xuntará ao redor de 1.500 persoas, entre as que se conta unha nutrida representación do mundo da cultura, a política e a vida social de Portugal. Segundo informou onte Dygra nun comunicado, está prevista a asistencia de Isabel Pires de Lima, ministra de Cultura do noso país irmao.
[15:17 11/08/2005] O 21 de setembro a canle "Calle 13", emitida en Galiza a través da plataforma "R", traerá a minisérie Battlestar Galactica, que emitirá en dúas partes, servindo de limiar para estrear a série regular no mes de outubro. Battlestar Galactica está a emitir a súa segunda tempada nos Estados Unidos.
[15:17 11/08/2005] O director de 12 Monos, Terry Gilliam, está furioso cos produtores Harvey Weinstein e Bob Weinstein por desbotar as súas ideias e minar a súa autoridade durante a filmación do seu novo filme Os irmáns Grimm. A parella de produtores cinematográficos rexeitou os plans de Gilliam de recrutar a Samantha Morton no papel protagonista e poñer no seu lugar a Lena Headey, e logo despediron ao seu axudante Nicola Pecorini por traballar amodo de máis. Os Weinstein dixeron que "calquera filme conleva a toma de 10.000 decisións. Se só te concentras nas poucas nas que temos problemas, ignorarás as 9.997 que deixamos tomalmente para Terry".
[15:17 11/08/2005] O actor Ian McKellen criticou aos líderes da igrexa católica por pedir á xente que non lea O Código da Vinci. Ainda que o libro é tremendamente popular en todo o mundo, a reacción do Vaticano foi moi negativa co libro de Dan Brown. Pero McKellen, quen ven de rematar a rodaxe do seu papel na vindeira película baseada no libro e protagonizada por Tom Hanks, tildou a reacción da igrexa contra o libro coma "patética".
[10:54 09/08/2005] Os gañadores dos Prémios Chesley que outorga a Association of Science Fiction & Fantasy Artists (ASFA) foron dados a coñecer onte en Glasgow no decurso da Convención Mundial. Entre eses gañadores están Rick Berry, Tony DiTerlizzi e Donato Giancola cun triple empate no apartado de millor ilustración nun libro de tapas duras; John Picacio polo mesmo, pero en libro de tapas brandas e Omar Rayyan levou o prémio aos Méritos Artísticos.
Os finalistas dos World Fantasy
[1:56 03/08/2005] Veñen de se anunciar os candidatos aos Prémios Mundiais da Fantasía 2005, cuxos gañadores serán dados a coñecer no decurso do congreso mundial de Fantasía que terá lugar en Wisconsis, EE.UU., do 3 ao 6 de novembro próximos. A listaxe completa é esta:
- Novela:
- Susanna Clarke, con Jonathan Strange & Mr Norrell
- Stephen R. Donaldson, con The Runes Of the Earth
- China Miéville, con Iron Council
- Sean Stewart, con Perfect Circle
- Gene Wolfe, con The Wizard Knight
- Novela curta:
- Leena Krohn, con Tainaron: Mail from Another City
- Kim Newman, con Soho Golem
- Michael Shea, con The Growlimb
- Lisa Tuttle, con My Death
- Gene Wolfe, con Golden City Far
- Conto:
- Theodora Goss, con The Wings of Meister Wilhelm
- Margo Lanagan, con Singing My Sister Down
- Kelly Link, con The Faery Handbag
- China Miéville, con Reports of Certain Events in London
- Barbara Roden, con Northwest Passage
- Antoloxía:
- The Faery Reel: Tales from the Twilight Realm, por Ellen Datlow e Terri Windling
- Polyphony 4, por Deborah Layne e Jay Lake
- Acquainted With The Night, por Barbara e Christopher Roden
- Dark Matter: Reading The Bones, por Sheree R. Thomas
- The First Heroes: New Tales of the Bronze Age, por Harry Turtledove e Noreen Doyle
- Escolma de relatos:
- Peter Crowther, por Songs Of Leaving
- John M. Ford, por Heat Of Fusion and Other Stories
- Eileen Gunn, por Stable Strategies And Others
- Margo Lanagan, por Black Juice
- Joe R. Lansdale, por Mad Dog Summer and Other Stories
- Ian R. MacLeod, por Breathmoss and Other Exhalations
- Lucius Shepard, por Trujillo
- Artista:
- Caniglia
- Kinuko Craft
- John Jude Palencar
- John Picacio
- Charles Vess
Finou James Doohan, "Scotty" en Star Trek
[23:43 20/07/2005] A equipa da nave Enterprise, da popular série de ciéncia-ficción Star Trek perdeu hoxe a un dos sus tripulantes máis veteranos coa morte de James Doohan, o actor que interpretaba o papel do enxeñeiro espacial (posteriormente chegou ser capitán) Scotty.
Doohan, de 85 anos, finou na sua casa de Redmond (Washington, EE.UU.) víctima dunha pulmonía após de pasar anos aqueixado do mal de Alzheimer, segundo informou hoxe o seu axente e amigo, Steve Stevens.
Canadiano de orixe, o mesmo que o seu compañeiro de reparto William Shatner, a figura de Doohan forma parte da cultura popular após de se integrar en 1966 no reparto deste clásico da televisión. De feito, ainda que Shatner, no papel do capitán Kirk, e Leonard Nimoy, no de Mr. Spock, eran os protagonistas da série, logo convertida en saga cinematográfica, Doohan ficou asociado a unha das frases más relembradas da série: "Beam me up, Scotty" [Teletranspórtame, Scotty], unha frase sempre dirixida ao seu persoaxe e repetida en todos os capítulos antes de que os tripulantes se disolveran no aire para logo reaparecer na nave espacial.
Ainda que a série concluiu e as versións de cinema empezaron a atraer menos interés, Doohan, ao igual que o resto dos compoñentes desta franquícia, ficaron encadrados nos seus papeis da série. Segundo recoñecera nunha antiga entrevista, Doohan seguiu o consello que un día lle deu o seu dentista e asumió que sería Scotty até despóis da súa morte.
Doohan, un veterano da Segunda Guerra Mundial que chegou participar no desembarco de Normandía, deixa viúva á súa muller, Wende, pero sempre será relembrado por todos os fans, trekkies e non-trekkies, que camiñen polo Paseo da Fama de Hollywood e miren para a súa estrela.
O salón do cómic de Cangas, co fantástico
[13:14 19/07/2005] A novena edición do Salón do Cómic de Cangas abriu onte venres as suas portas no auditório municipal da vila mariñeira ás oito da tarde coa proxección do filme Constantine e unha charla-coloquio con Horacio Altuna.
Durante a semana que dura este certame combinarán-se os clásicos obradoiros de caricaturas e cómic coas proxeccións das últimas superproducións do cinema americano do xénero fantático, consideradas verdadeiras obras de arte encanto á sua execución. Tamén haberá tempo para que vários dos mellores debuxantes e guionistas do momento, como Horacio Altuna, Fran Bueno, Marcos Calo ou Pulido ofrezan os seus coñecementos aos interesados por meio de charlas-colóquio.
Todos os dias, con horário de doce da mañá a dúas da tarde e desde os seis e méia até as nove e méia, estarán abertos os talleres de caricatura. O martes, ás seis e meia da tarde proxectará-se o filme Hellboy, dirixido por Guillermo del Toro. Na xornada do mércores, tocará-lle a quenda a Spiderman 2, de Sam Reimi. Ás oito e meia apresentará-se o número 3 da revista "O Tebeo". O xoves, tamén ás seis e méia, será a quenda do filme de Pixar Os Incríbeis. Ás sete da tarde Dani Montero fará caricaturas aos visitantes do salón.
A entrega de prémios do sétimo certame do cómic cadrará coa clausura do salón, prevista para o sábado ás nove e meia da noite.
[15:18 11/08/2005] Dana Reeve, de 44 anos, a viúva do actor que dera vida a Superman na grande pantalla, Christopher Reeve, anunciou o pasado día 9 que foi diagnosticada con cancro de pulmón: "Teño un excelente equipo de médicos e somos optimistas sobre o meu tratamento", dixo Dana, quen non fuma e optou por facer pública a súa condición antes de que a prensa amarela poida facer o mesmo: "A miña família e mais eu aprezamos profundamente os coidados e a preocupación dos nosos amigos e da xente que nos apóia e confiamos en que todo o mundo entenda a nosa necesidade e desexo de privacidade durante este tempo".
[15:18 11/08/2005] O director de A Paixón de Cristo, Mel Gibson, está considereando a ideia de recrear a crucifixión de Xesús Cristo nas rúas de Sydney, Austrália, sempre que a cidade gañe a candidatura para albergar unha importante xuntanza católica. Os organizadores están desesperados por conseguir a participación do protagonista da saga de Mad Max porque coidan que iso inclinaría a balanza ao seu favor na batalla para que Sydney sexa a cidade que albergue o "Día Mundial da Xuventude" en 2008. Os plans inclúen tamén unha "Derradeira Cea" no edifício da Ópera de Sydney e unha crucifixión na Catedral de Santa María. O Arcebispo de Sydney, George Pell, dixo que "Gibson podería estar atraído. Coido que a súa devoción por Cristo é real". O resultado desta candidatura será anunciado polo papa Bieito XVI o 21 de agosto.
[15:18 11/08/2005] Elijah Wood teme ser relembrado sempre coma Frodo, o hobbit de O Señor dos Aneis, sen importar en cantas outras películas interviñera. O xove actor xa interpretou a un psicópata mudo, a un sinistro pervertido e a un "hooligan" de fútbol despóis de facer de Frodo, pero os fans só lle recoñecen por Frodo. Wood di que agradece o empurrón á súa carreira que lle deu O Señor dos Aneis pero afirma que xa non pode ir a ningunha parte sen que os fans lle chemen "Frodo" pola rúa.
[23:44 12/08/2005] Os xigantes do cinema DreamWorks e a Warner Bros foron demandados polos produtores dunha película realizada en 1979, que afirman que o novo filme de Ewan McGregor A Illa está baseado na súa película. A demanda foi presentada o luns, alegando unha chea de semellanzas entre A Illa e Parts: The Clonus Horror, e seica un bó feixe de críticos cinematográficos están de acordo. Ambos os dous filmes van sobre unha colónia secreta de clons mantidos para proporcionar partes dos seus corpos aos humanos. A demanda tamén alega que os produtores de Parts: The Clonus Horror mostraran a súa película ao cofundador da DreamWorks Jeffrey Katzenberg, quen daquela estaba na Paramount, tentando asegurar-se un contrato de distribución. Os produtores, Myrl A. Schreibman e Robert S. Fiveson, piden danos e prexuizos e parte dos benefícios da Warner Bros e da DreamWorks e tamén pediron ao xuiz que impida a distribución de A Illa.
[13:29 14/08/2005] Ainda que o proxecto foi arquivado cando Arnold Schwarzenegger foi elixido governador de Califórnia, o remake do produtor da Warner Brothers Jerry Weintraub de Westworld xa está en marcha de novo, co director Tarsem (A Cela) na realización. Os representantes de Schwarzenegger din que o actor-político non está implicado neste proxecto, pero moitos insisten en que se non se presenta para a reelección ou perde as eleccións en xaneiro de 2007 podería entrar na película.
[13:29 14/08/2005] O director Terry Gilliam dixo que ainda podería resucitar o seu vello proxecto O home que matou a Don Quixote, unha película que tivo que paralisar após de máis dunha década de esforzos. As treboadas, os accidentes e os recurtes no orzamento impediron a Gillian rematar a súa película hai xa moitos anos (como recolle o seu documental Perdidos na Mancha), pero agora podería ter unha segunda oportunidade: "Será o vindeiro que faga", dixo Gilliam. "Realmente quero facelo. O guión é bó de mais". A película estaba protagonizada por Johnny Depp e polo francés Jean Rochefort.
[13:29 14/08/2005] O xornal coruñés "La Voz de Galicia" ofrecerá unha escolma da millor literatura mundial de todos os tempos traducida ao galego. O periódico entregará unha colección de 41 volumes ao prezo dun euro cada un. Entre os libros ofrecidos están Un feliz mundo novo, de Aldous Huxley, Frankenstein, de Mary Shelley, Contos, de Edgar Allan Poe, A guerra dos mundos, de H.G. Wells, A metamorfose, de Franz Kafka, A venus de Ille, de Prosper Mérimée, 20.000 leguas baixo dos mares, de Jules Verne e O principiño, de Antoine de Saint Exupéry.
[0:18 20/08/2005] Daniel Craig será o coprotagonista xunto a Nicole Kidman de Invasion, un thriller de ciéncia-ficción producido por Joel Silver para a Warner Brothers e a Village Roadshow. A rodaxe comezará o mes vindeiro baixo a dirección do alemán Oliver Hirschbiegel. Craig será o médico que axude ao persoaxe de Kidman a salvar ao seu fillo de dez anos para que non sexa capturado polos áliens. Polo que sabemos, Invasion foi descrita orixinalmente como un remake de A invasión dos ultracorpos, pero o guión de David Kajganich está a converter a película nalgo moi diferente do orixinal.
[0:18 20/08/2005] O ex-actor Skylar Deleon, coñecido por ser ún dos extras na série dos 90 Power Rangers, ven de ser acusado de asasinar brutalmente a unha parella en Califórnia, atándoos nun áncora e guindándoos dende un iate ao mar. Deleon, actualmente de 26 anos, e mais a súa muller Jennifer, de 24 foron detidos e serán xulgados polo asasinato de Thomas Hawks e mais a súa muller Jackie o pasado novembro, nun intento de lles roubar o seu iate de luxo de 16 metros. Seica foron trizoados polo seu cómplice, un hispano chamado Alonso Machín.
[0:18 20/08/2005] Os gañadores dos prémios Mythopoeic, concedidos anualmente aos millores traballos de investigación relacionados co mundo de Tolkien, foron anunciados o luns en Birmingham, e son Susanna Clarke por Jonathan Strange & Mr Norrell, Terry Pratchett por A Hat Full of Sky, Janet Brennan Croft por War and the Works of J.R.R. Tolkien e Stephen Thomas Knight por Robin Hood: A Mythic Biography.
[1:16 16/08/2005] Xa temos tres novos nomes para o elenco de actores que dará vida aos persoaxes da terceira entrega da saga mutante, X-Men 3, actualmente baixo produción con Brett Ratner ao mando. Primeiramente, a noiva do Profesor X, a Dra. Moira McTaggert, será interpretada por Olivia Williams (Below, O Sexto Sentido, Peter Pan). Bill Duke (Predator) interpretará a un político do gabinete do Presidente, e Michael Murphy será o pai de Anxo, Warren Worthington, Sr.
[17:55 15/08/2005] Hugh Jackman ven de rexeitar a oportunidade de interpretar ao axente secreto James Bond en tres películas, segundo informaron médios ingleses. A razón concreta desta negativa é inda un enigma: os amigos de Jackman insisten en que está moi ocupado, e outros din que o papel é para un actor ainda por descubrir e non para un consagrado coma el. Outros xornais engaden que Jackman rexeitou o ofrecemento após de falar con sua muller Deborah Lee-Furness. Pola nosa parte engadiremos que se cadra, as uvas estaban demasiado verdes para Jackman.
[13:29 14/08/2005] Os produtores da película A Illa acusaron aos seus protagonistas, Scarlett Johansson e Ewan McGregor polas pésimas críticas recebidas. O produtor Walter Parkes e mais a súa muller Laurie usaron o seu sítio web para lanzar un tremendo ataque contra Johansson e McGregor, afirmando que os seus escasos esforzos resultaron nunha pobre recepción do filme nos despachos de billetes. E o talento de Johansson levou a pior parte, porque os produtores afirmaron que unha actriz de televisión podería ter feito un traballo máis profesional: "son superestrelas do futuro, non superestrelas do presente. Mesmo actrices de televisión menos coñecidas poderían conectar máis honradamente coa audiéncia".
[0:18 20/08/2005] A adaptación cinematográfica do comic V for Vendetta demora-se, segundo diversas fontes, até marzo do próximo ano 2006. Se ben a sua estrea se atopaba fixado no mes de novembro deste 2005, os responsábeis do filme anunciaron que o filme non estará listo para a data prevista. Haberá que esperar para desfrutar nos cinemas co cómic de David Lloyd e Alan Moore, adaptado polo director James McTeige.
[0:18 20/08/2005] Angelina Jolie, moi de actualidade recentemente pola sua relazón con Brad Pitt e a estrea de Sr. e Sra. Smith, asinou contrato para traballar ao servizo do director Robert Zemeckis na nova adaptación cinematográfica de Beowulf. A actriz dará vida á Raíña da Escuridade, quen tentará distraer a Beowulf no seu camiño por se converter en Rei. Xunto a ela atoparán-se outros intérpretes de alto nível como Anthony Hopkins, Robin Wright Penn, Ray Winstone ou Brendan Gleeson. Asimesmo, Crispin Glover dará vida ao monstro Grëndel.
[0:18 20/08/2005] Os fans do home de aceiro xa podemos desfrutar coas primeiras secuéncias en movemento do seu novo filme, entre as que destacarán momentos coma a conversa entre Superman e Perry White, a entrevista de Lois Lane ao heroe, ou a volta de Clark Kent á Terra. Podedes acceder á web onde se atopa o arquivo facendo clic nesta ligazón.
Kidman prepara unha invasión
[1:56 03/08/2005] Para botar máis leña ao lume da polémica, a ex de Tom Cruise, Nicole Kidman, interpretará a unha psiquiatra de Washington, D.C. na nova versión de A invasión dos Ultracorpos.
Ainda que a versión orixinal estaba ambientada nunha vila de pailáns, a nova versión centrará-se no persoaxe de Kidman, unha psiquiatra que comeza a sospeitar que a nova epidémia que afecta á cidade ten orixes extra-terrestres e debe protexer ao seu fillo, o que podería ter a chave para deter a maléfica invasión álien. Como xa vos informáramos, segundo a seita da Ciencioloxía á que pertence Cruise, os psiquiatras son enviados dos extra-terrestres.
O filme está producido por Joel Silver e mais a Vertigo Entertainment, a compaña que xa produciu The Grudge, e estará dirixida por Oliver Hirschbiegel, o realizador alemán autor de O afundimento, a película que narra os derradeiros días de Adolf Hitler.
Ao contrário que A Guerra dos Mundos de Cruise, a invasión de Kidman estará máis cercana ao tón da versión orixinal, un filme dirixido por Don Siegel en 1966 e que realmente ía sobre a invasión comunista e os temores da Guerra Fría. Aquel filme estaba protagonizado por un médico de aldea que descubre que os seus pacientes están a ser sustituidos por clons feitos polos áliens.
Phillip Kaufman dirixiu un remake en 1978 que trasladou a acción a San Francisco e estaba protagonizado por Donald Sutherland. O segundo remake, de 1993, foi dirixido por Abel Ferrara e ambientou a história nunha base militar.
A nova invasión dos ultracorpos comezará a se rodar a finais de setembro en Baltimore, New York e Washington D.C. O seu lanzamento será en 2006 para coincidir co 50º aninversário do orixinal.
[19:42 22/08/2005] Un guionista de Los Angeles ven de demandar á canle ABC e mais á Touchstone Television por lle roubar supostamente a súa ideia orixinal sobre a série de televisión Perdidos, que di que inventou en 1977. Anthony Spinner presentou a demanda o pasado día 19 de agosto no Tribunal Superior de Los Angeles, pedindo resarcimento por danos non especificados, ruptura de contrato e fraude. Spinner di que foi contratado por Sid and Marty Krofft Productions en 1977 para escribir, producir e desenvolver un guión para un programa de TV que se titularía Perdidos e iría sobre un grupo de supervivintes dun accidente de avión e que loitaban por sobrevivir nunha xungla.
Rumores para Indy IV
[22:40 04/08/2005] Vários sítios web están a difundir algúns rumores ainda por confirmar pola Internet, todo sobre a cuarta entrega da saga de Indiana Jones, incluindo a nova de que o director Steven Spielberg aceptou o guión do escritor Jeff Nathanson. Segundo unha fonte que prefire manter o seu anonimato pero que está moi vencellada a Spielberg, o realizador está a deixar a súa axenda aberta para despóis de rematar o seu actual traballo sobre as Olimpiadas de Múnich.
Ademáis, as mesmas fontes afirmaron que o produtor executivo George Lucas e mais Nathanson están xa pechando os últimos detalles do guión, que estará rematado en outono e será enviado aos estudos para a súa aprobación. As devanditas fontes insisten en que Harrison Ford tamén deu o seu visto bó ao guión, e que a Paramount desexa estrear o filme o dia 2 de febreiro de 2007.
[1:35 25/08/2005] O actor Brock Peters, coñecido sobre todo polo seu papel do negro falsamente acusado de violación no clásico Matar a un reiseñor, finou o martes en Los Angeles de cancro de páncreas aos 78 anos. Para os fans ao fantástico debemos lembrar as súas aparicións en séries de TV coma A Muller Biónica e por interpretar vários persoaxes en Star Trek: o almirante Cartwright en Star Trek IV e Star Trek VI e mesmo en Star Trek: Deep Space Nine no papel de Joseph Sisko.
[1:35 25/08/2005] Xa foron dados a coñecer os finalistas dos Prémios Mundiais da Fantasía 2005, cuxos gañadores coñeceran-se no decurso do congreso mundial da Fantasía que terá lugar en Wisconsin, EE.UU, do 3 ao 6 de novembro. Para ler a listaxe completa dos nominados podedes acceder a este enderezo web.
A fraga das Sombras
[22:40 04/08/2005] O pasado 1 de agosto iniciou-se a rodaxe de El Bosque de las Sombras, a primeira longametraxe dirixida por Koldo Serra. A película, producida por Monfort Producciones, Filmax Entertainment e Videntia Frames Producciones en España, The Holy Cow en Inglaterra e Divine Productions en Franza, rodará-se en diferentes localizacións do País Basco durante oito semanas.
Koldo Serra, que gañou numerosos prémios coa sua curtametraxe El tren de la bruja (Amsterdam Fantastic Film Festival, Sitges – Festival Internacional de cinema de Cataluña, Festival de Terror de San Sebastián) conta para a súa ópera prima con actores de prestíxio internacional entre os que destacan Paddy Considine (24 Hour Party People), Virginie Ledoyen (A praia), Gary Oldman (Batman Begins, Drácula de Bram Stoker) e Aitana Sánchez-Gijón (O maquinista).
No vrao de 1978 Lucy e Norman, unha parella inglesa cuxa relación non atravesa un bó momento, deciden pasar as vacacións na casa que os seus amigos Paul e a sua muller Isabel compraron no norte de España. A casa, situada no médio do bosque e de difícil acceso, semella deparar-lles unhas tranquilas vacacións. Pero a tranquilidade ve-se interrumpida cando descubren a unha nena coas mans horribelmente deformadas recluida nunha cabana no bosque. Os seus intentos por leva-la á policía ven-se truncados pola abrupta natureza do bosque e por un grupo de lugareños encargados de mantér á niña en semellantes condicións.
A película será distribuida internacionalmente co título de The Backwoods.
[14:44 29/08/2005] Mary Lambert, coñecida por dirixir as películas da saga de Pet Sematary (Cemitério de animais), ven de asinar para facer un western de vampiros que se titulará High Midnight. A história, escrita por Denis Faye, vai sobre un sheriff que é obrigado a unirse a un cazador de vampiros victoriano e xuntos deter á ameaza dos vampiros que chegan de New Mexico en 1892.
[14:39 27/08/2005] O actor Tom Cruise tivo que desmentir a autenticidade dunha entrevista na que supostamente dixo que el é a reencarnación de William Shakespeare. Un sítio web na Internet afirmaba ter feito unha entrevista a Cruise na que este dicía que "fun moito máis feliz nas existenzas anteriores, cando escribín obras de teatro, compuxen música, conquistei nacións, descobrín continentes e desenvolvín curas para enfermidades".
[14:39 27/08/2005] Natalie Portman e Dustin Hoffman protagonizarán o filme fantástico da Mandate Pictures Mr. Magorium's Wonder Emporium, dirixido por Zach Helm. Hoffman será un excéntrico dono dunha tenda de xoguetes que quere sacar a Portman da súa depresión deixándolle a tenda. A Mandate é unha compañía de Sam Raimi e Rob Tapert e tamén ten proxectado un thriller sobrenatural titulado Passengers.
[14:39 27/08/2005] Os rumores apuntan agora cara a Goran Visnjic (Elektra) para o cobizado papel do axente secreto 007. O actor, de orixe croata e de forte acento daquela nacionalidade, non parece ser dende logo unha boa opción, de non ser que os que escoiten a versión orixinal do filme queran oir a James Bond dicindo "son serro-serro-ssete". Visnjic é coñecido en Galiza sobre todo pola súa interpretación do doutor Luka Kovac na série Urxéncias.
[14:39 27/08/2005] O colaborador ocasional de NOVAFANTASIA.COM Santiago Eximeno xa ten tradución tamén ao xaponés. O seu relato Origami (prémio Ignotus de 2003) foi publicado no número 24 do fanzine "Lunatic", decano da ciéncia-ficción xaponesa, grazas á tradución de Nakazima Yasutoshi.
[1:35 25/08/2005] O Concello de Sevilla (España) invitará ao autor de best-sellers Dan Brown a coñecer a cidade, da que fai un retrato moi pouco favorecedor na sua novela Fortaleza Dixital, que se publicará en España en 2006. Esta é a primeira novela de Dan Brown e foi publicada en 1996. Este é o único título de Brown que se desenvolve, en parte, en España, un escenário de suxedade, corrupción e atraso tecnolóxico onde os hospitais feden a ouriños, as cabinas funcionan "coma unha ruleta" e as forzas de seguridade son doadamente sobornabeis. En fin, que se alguén quere, pode considerar todo isto como ficción.
Jackson en Afrosamurai
[22:40 04/08/2005] Samuel L. Jackson protagonizará e coproducirá un filme que tentará adaptar o cómic xaponés Afrosamurai, creado por Takashi Okazaki.
A película é unha produción conxunta dos estudos de animación xaponeses GDH K.K. Gonzo, a Fuji TV e mais a Mosaic Media en Los Angeles. Jackson (A Vinganza do Sith) xa asinou para emprestar a súa voz a un persoaxe na série de debuxos animados Afrosamurai que será estreada na canle americana Spike TV o ano que ven.
Afrosamurai é a história dun guerreiro no Xapón feudal que percorre o país tentando vingar a morte de seu pai, a quen viu asasinar. O seu meirande inimigo é un pistoleiro con tres brazos.
A produción comezará en 2006, mentres que a súa estrea nos Estados Unidos estña prevista para 2007. A série de televisión, da Gonzo e a Fuji TV, sería estreada no Xapón despóis de facer o próprio en América. Charles Roven e Alex Gartner, da Mosaic Media, producirán a película xunto co presidente da GDH K.K. Shinichiro Ishikawa e o xefe do departamento cinematográfico da Fuji TV, Chihiro Kameyama.
Rowling e King, nominados aos Quills
[22:40 04/08/2005] J.K. Rowling, Bob Dylan e Stephen King están entre os nominados para os primeiros prémios Quill, un galardón que será concedido por votación popular entre o público en xeral.
Organizado pola Reed Business Information, a editora da revista "Variety", o "Library Journal" e mais o "Publishers Weekly", e pola canle de televisión NBC, os prémios Quill teñen 19 categorías, con cinco finalistas en cada unha. Os gañadores serán anunciados o 11 de outubro nunha cerimónia televisada pola NBC 11 días despóis.
O público poderá votar dende o 15 de agosto até o 15 de setembro neste sítio web e o prémio será publicitado nas librarías e na rede de televisión da NBC.
Os prémios non conlevan ningunha bolsa en metálico, ainda que as editoriais agardan que sexan abondo coñecidos como para axudar a incrementar as vendas.
Os nominados van dende o best-seller Harry Potter e o príncipe mestizo na categoría de narrativa infantil é tradución de Gilgamesh, nominada na categoría de millor poema. Os votantes tamén poderán elixir un "Libro do Ano" seleccionando un finalista en cada categoría.
Outras categorías inclúen novela gráfica, mistério, humor e fantasía e ciéncia-ficción. Os finalistas foron escollidos por un grupo de milleiros de libreiros e bibliotecários entre os libros aparecidos nas listas de máis vendidos da revista "Publishers Weekly", da libraría Barnes & Noble e na Book Sense.
[14:44 29/08/2005] Após do éxito de A Guerra dos Mundos, a Paramount quere que Steven Spielberg faga outra película de ciéncia-ficción, nesta ocasión o remake de Cando os mundos baten (When worlds collide, en versión orixinal). Spielberg, quen ainda non ten ren decedido, sustituiría asemade a Stephen Sommers, quen decediu deixar o proxecto para dirixir A Night at the Museum coa Fox. A versión orixinal de When Worlds Collide foi dirixida por Rudolph Mate en 1951 e serviu como inspiración para facer filmes coma Deep Impact e Armageddon.
As portas do Hades
[21:07 05/08/2005] A concellería de Xuventude de Vigo, dentro da súa programación "Verán Xove" organiza estas xornadas en colaboración coa Asociación Xuvenil Cancerbero e que inclúe actividades como torneos de Warhammer, Magic e rol en vivo.
Dentro da programación de verán da Concellería de Xuventude "Verán Xove", terán lugar dende hoxe mesmo e até o 7 de agosto, no Pavillón do Berbés, as III Xornadas de rol, cartas e estratexia "As portas do Hades".
Organizadas pola Asociación Xuvenil Cancerbero, estas xornadas pretenden dar a coñecer e divulgar este tipo de xogos como unha actividade de ocio que fomenta hábitos positivos e contribúen a desenvolver aspectos como memorización, capacidade de abstracción e de planificación a curto e medio prazo, constancia, responsabilidade, traballo en equipo, fomento da lectura... Tamén pretenden ser un punto de encontro e referéncia para os afeccionados a este tipo de xogos a nivel estatal.
Entre as actividades que se levarán a cabo, sinalar: torneos de Warhammer, Magic, pintura de miniaturas, concurso de relatos, rol en vivo, xogos de rol de mesa e de cartas, etc.
As III Xornadas "As portas do Hades" están enmarcadas dentro do Plan Nexus, proxecto cofinanciado pola Concellería de Xuventude e a Comisión Europea co fin de dinamizar a participación xuvenil en Vigo.
[16:56 31/08/2005] O guionista Paul Haggis (Million Dollar Baby) foi contratado para reescribir o libreto de Casino Royale, a vindeira película da franquícia de James Bond. Os produtores Barbara Broccoli e Michael Wilson contrataron a Martin Campbell (GoldenEye) pra dirixir este filme, pero a procura do protagonista, que há sustituir a Pierce Brosnan no papel de 007, está por rematar. O guión está baseado no primeiro libro de Ian Fleming, escrito en 1953 e que se considera máis escuro e violento que o resto.
[22:25 29/08/2005] A protagonista da antiga série Wonder Woman, Lynda Carter, confesou que pasou moitos anos loitando en segredo contra a súa adición ao alcool após de que rematara o éxito mundial da súa série. A actriz, de 54 anos, estaba tan consumida pola súa dependenza que mesmo chegou rezar para morrer: "seguín coidando que podía controlalo e manexalo, pero o alcoolismo é unha enfermidade. Medra dentro de ti. Nunca me mataría, pero coidaba que se morría nun accidente, sería o millor".
[14:44 29/08/2005] Veñen de se faceren públicos os candidatos aos prémios ingleses do xénero fantástico, os British Fantasy 2005. Dado que a listaxe é grande de máis, podedes consultala completa neste enderezo web. Algunhas categorías teñen máis de cinco candidatos por mor dos empates producidos na votación. Anunciarán-se os gañadores no Congreso Británico de Fantasía que terá lugar o 2 de outubro no Quality Hotel de Walsall.
[14:44 29/08/2005] Comeza a colección de libros editados en soporte papel do popular portal de ciéncia ficción na Internet "El Sitio de Ciencia Ficción", que coordina Francisco José Suñer Iglesias. O elixido para o número un foi Extremaunción, de José María Boto Bravo, unha novela que ten certos toques que a asemellan a O Código da Vinci.
[14:44 29/08/2005] A Sony Pictures lanzará o vindeiro 13 de nadal un curioso documental de 97 minutos sobre a influenza de O Señor dos Aneis na cultura occidental dos últimos cincuenta anos, titulado Ringers: Lord of the Fans. Nel participarán tanto diferentes persoalidades, afeccionados e eruditos da obra de J.R.R. Tolkien. Dirixido, escrito e producido por Carlene Cordova, cuxo traballo durou dos anos e médio, foi patrocinado por TheOneRing.net, a páxina máis importante sobre as películas da saga. A narración corre a cargo de Dominic Monaghan, o actor que interpretou ao hobbit Merry na triloxía. Aparecen no documental Peter Jackson, Elijah Wood, Ian McKellen, Clive Barker, Cameron Crowe, Terry Pratchett e David Carradine. A banda sonora corre a cargo de músicos influenciados por Tolkien.
Gañadores dos Prémios Hugo
[10:51 09/08/2005] Os gañadores dos prémios Hugo 2005 foron anunciado no decurso dunha cerimónia que tivo lugar onte na InterAction, a 63ª Convención Mundial de Ciéncia Ficción que está a ter lugar en Glasgow, e a lista completa vai deseguido:
- Millor novela: Jonathan Strange & Mr Norrell, de Susanna Clarke
- Millor novela curta: The Concrete Jungle, de Charles Stross
- Millor relato longo: The Faery Handbag, de Kelly Link
- Millor conto: Travels with My Cats, de Mike Resnick
- Millor obra de non-ficción: The Cambridge Companion to Science Fiction, de Edward James e Farah Mendlesohn
- Millor película: Os Incríbeis
- Millor série de TV: Battlestar Galactica (Capítulo 33)
- Millor editor profesional: Ellen Datlow
- Millor artista profesional: Jim Burns
- Millor revista semiprofesional: "Ansible", editada por David Langford
- Millor fanzine: "Plokta", editado por Alison Scott, Steve Davies e Mike Scott
- Millor escritor afeccionado: Dave Langford
- Millor artista afeccionado: Sue Mason
- Millor sítio web: Sci Fiction
Ademáis, ainda que non é unha categoría dos Hugos, foi outorgado o prémio John W. Campbell ao millor escritor primeirizo a Elizabeth Bear.
E dentro das novas referidas aos Hugo, hai que comentar que foi realizada unha proposta para que o ano que ven o prémio de Millor Editor sexa dividido en dúas categorías diferentes para os editores de revistas e os editores de libros. Se esta proposta é ratificada na convención do ano que ven en Anaheim, os prémios de 2007 xa contarán con este novo prémio Hugo.
[0:16 07/09/2005] No decurso da WorldCon fixéron-se entrega os prémios europeos de ciéncia-ficción que este ano recairon en: Nature, do Reino Unido, Marina e Sergei Dyachenko, de Ucraina, Sergei Poyarkov, de Ucraina, a revista "Galaktika" de Hungría, Alain Le Bussy de Bélxica e Kees van Toorn, de Holanda.
[16:42 03/09/2005] Os libros de Ursula K. LeGuin, convertidos en serie televisiva co nome de A lenda de Terramar estrea-se hoxe sábado 3 de setembro en Antena 3 ás 22:15. Baseada na série de novelas da escritora americana Ursula K. LeGuin, a minisérie está protagonizada por Shawn Ashmore, Kristin Kreuk, Isabella Rossellini, Danny Glover e Sebastian Roché.
[18:09 01/09/2005] Finou o actor Michael Sheard (1940-2005). Sheard interpretou ao Almirante Ozzel en O Império contraataca e mais a Adolf Hitler en Indiana Jones e a Derradeira Cruzada. A súa carreira como actor comezara en 1964 e ao ano seguinte fixo unha aparición nunha adaptación televisiva da novela 1984. Sheard interpretara a Hitler alomenos en cinco películas e ao segundo do ditador nazi, Heinrich Himmler, dúas veces. Ademáis, Sheard fixo várias aparicións coo estrela convidada en Doutor Who e era un fixo nas convencións inglesas de ciéncia-ficción.
[18:09 01/09/2005] O director Andrew Adamson está decidido a que a súa versión cinematográfica de As Crónicas de Nárnia sexa o máis semellante posíbel ao orixinal das novelas de C.S. Lewis, xa que segundo dixo, el medrou lendo eses libros. O realizador de Shrek temía que os produtores de Walden Media e da Disney tiveran unha ideia radicalmente distinta sobre a fantástica saga, pero afortunadamente tiñan as mesmas ideias: "os libros foron moi importantes para min cando neno. Estaba preocupado porque tentasen modernizalos. Cando finalmente aceptei ver-me con eles, dixeron que querían ser realmente fieis tamén".
[16:56 31/08/2005] A protagonista de Xena: A Princesa Guerreira, Lucy Lawless, foi unha das damnificadas polo recente paso do furacán Katrina en New Orleans. A actriz tivo que fuxir da cidade, onde estaba a rodar a nova película Vampire Bats e ficou atrapada nun atasco na autoestrada, ainda que finalmente puido escapar.
[16:56 31/08/2005] Terry Gilliam está abraiado porque o proxecto para a súa nova película, que protagonizarán Johnny Depp e Robin Williams, ainda está arquivado porque os produtores americáns non lle queren emprestar os 15 millóns de dólares que precisa. Os produtores internacionais xa lle deron 45 millóns para facer Good Omens, con Depp no papel dun demo e Williams no dun anxo, pero seica os americáns non teñen a mesma fe neste filme e non lle deron os cartos que lle faltaban. A película é unha adaptación dun libro de Terry Pratchett e Neil Gaiman. Se cadra, nos Estados Unidos ainda lembran o que aconteceu co último proxecto de Gilliam, a súa película sobre o Quixote.
Secuela de Batman Begins
[15:15 11/08/2005] O produtor de Batman Begins Charles Roven confirmou que o reparto xa asinou para facer unha secuela, que o guión está a se facer, que están a discutir que novos persoaxes tomarán parte nesta entrega, e que só agardan polo visto bó do director Christopher Nolan, de quen teñen a esperanza de que tamén participe.
O protagonista de Batman Begins, Christian Bale, repetirá o seu papel como Bruce Wayne/Batman, Michael Caine como o mordomo, Katie Holmes no rol de Rachel Dawes e Gary Oldman como detective Jim Gordon.
Pero Roven engadiu que ainda é cedo para falar sobre os novos persoaxes para esta segunda entrega, rexeitando os rumores que apuntaban a Steve Carrell no papel do Joker. Roven está a traballar con Carrell nunha adaptación para a pantalla grande da série de TV O Superaxente 86 e non quere falar sobre novos actores para Batman.
Finalmente, dixo que ainda que non é obrigatório que Chris Nolan sexa o directorm, gostarían de contar con el, pero que son os estudos quen teñen os dereitos sobre a franquícia e que eles "poden facer calquera cousa sen contar con ningún de todos nós".
[0:16 07/09/2005] Terry Gilliam está convencido de que a súa película Os irmáns Grimm foi atacada pola crítica porque a audiéncia adulta é moi estreita de mente para apreciar o seu traballo fantástico. O director insiste en que o seu filme foi un "intento desesperado" para esmagar o cisnismo e sacar o neno que hai dentro de cada espectador.
[0:16 07/09/2005] A Marvel, a compañía de comics creadora de clásicos coma Spiderman ou a Patrulla X, ten un novo nome e dez novas películas en carteira. A compañía anunciou que veñen de pechar un trato coa Merrill Lynch por valor de 525 millóns de dólares para producir novos filmes e que ademáis o nome da empresa mudará de Marvel Enterprises a Marvel Entertainment, reflectindo o seu novo interese. Segundo dixeron, os novos persoaxes que sairán do cómic para a pantalla grande serán o Captitán América, os Vingadores, Nick Fúria, Panteira Negra, Ant-Man, Capa e Puñal, o Dr. Strange, Hawkeye, Power Pack e Shang-Chi.
[0:16 07/09/2005] O protagonista da série orixinal de Star Trek, William Shatner, será ún dos convidados á gala dos Emmys que terá lugar o vindeiro 18 de setembro, e ademáis, cantará xunto a Frederica von Stade o tema orixinal da série (pero terían que lle poñer letra antes!).
[1:21 15/09/2005] Morreu esta tarde Robert Wise (1914-2005), director de películas coma Sorrisos e bágoas ou West Side Story, aos 91 anos de idade. Precisamente este ano o cineasta ía ser homenaxeado no Festival de Donosti. Para os afeccionados ao xénero fantástico, Wise foi o realizador de filmes coma O regreso da muller panteira, O ladrón de cadáveres, Ultimato á Terra, Helena de Troia, The Haunting (1963), A ameaza de Andrómeda e Star Trek: a película.
[21:54 13/09/2005] The Exorcism of Emily Rose bateu aos seus rivais no despacho de billetes desta fin de semana nos Estados Unidos, obtendo o primeiro posto con 30,2 millóns de dólares de recadación. A película, supostamente baseada en feitos reais, vai sobre un cura católico que practica un exorcismo que remata coa morte da rapaza de 19 anos exorcizada.
[21:54 13/09/2005] Johnny Depp, o camaleónico actor que leva anos interpretando a todo tipo de persoaxes na pantalla grande, dixo nunha recente entrevista durante a apresentación da súe recente Corpse Bride en Toronto (Canadá) que xa atopou un papel no que quere ficar: o capitán bucaneiro Jack Sparrow, de Piratas do Caribe.
[21:54 13/09/2005] A revista BD Banda ven de acadar o Prémio Ourense de Banda Deseñada na sua 15ª edición. A publicación está coordinada por Kiko da Silva e ven editándose dende 2001 para dar saida a moitos produtores galegos de cómic, ainda que o proxecto estivo sempre aberto tamén a autores non galegos. O Prémio Ourense será entregado dentro das xornadas sobre cómic que se celebrarán na cidade das Burgas do 1 ao 15 de outubro e está dotado cunha estatuiña de Manolo Figueras.
[11:40 11/09/2005] O vindeiro 14 de outubro estreará-se Somne, unha coprodución de Vaca Films-Lotus Films e mais a TVG, na que participan Goya Toledo, Óscar Jaenada e Nancho Novo, entre outros. O filme é un thriller de ciéncia-ficción, no que abundan elementos de terror, e contará cun pase especial no marco do Festival de Cinema Fantástico de Sitges. Nestes días están a se levar a cabo os traballos de postprodución da película.
[23:30 08/09/2005] Corre o rumor malicioso de que o protagonista da saga cinematográfica de Harry Potter, Daniel Radcliffe, podería interpretar ao axente secreto James Bond nas súas aventuras xuvenís na escola inglesa de Eton, arestora en preparación. Outro dos candidatos é o protagonista de Billy Elliot, Jamie Bell.
[23:30 08/09/2005] Un sítio web na Internet está a difundir o rumor de que os tres falcatruáns de Spiderman 3 serán Venom, Sandman e o Hobgoblin, interpretados respectivamente por por Topher Grace, Thomas Haden Church e James Franco.
[23:26 08/09/2005] Os dereitos sobre as histórias de Eragon de Christopher Paolini veñen de ser adquiridos pola 20th Century Fox, que seica prepara un filme para o ano que ven, cun orzamento fixado en 100 millóns de dólares. Nomes coma o alicaído Jeremy Irons, o xenial John Malkovich, Robert Carlyle ou Djimon Honsou estarán no reparto deste filme.
Carrey e Stiller, clons
[18:08 01/09/2005] Comentan os nosos enviados especiais en Hollywood que Jim Carrey está en conversas para protagonizar xunto a Ben Stiller un papel que lles convertería en clons de pracer obsoletos en Used Guys ["Tíos usados"], unha comédia de ciéncia-ficción que sería dirixida por Jay Roach para a Fox. O filme comezaría a se rodar a vindeira primavera.
Stiller e Roach, que traballaron recentemente xuntos en Meet the Fockers [titulada en España "Os pais de el"], levan preparando esta película hai anos. Agora que Stiller estaría libre para interpretar o papel xunto a Carrey, a este último seica lle entraron as presas por comezar.
Esta sería a primeira comédia de Carrey dende hai un tempo, xa que a secuela de Coma Deus! será interpretada por Steve Carell.
Cun guión de David Guion e Michael Handelman a partir dun boceto orixinal de Mickey Birnbaum, a futurista Used Guys está ambientada nun mundo onde as mulleres governan a Terra. Os homes extinguíron-se porque beberon unha pócima que lles sentou fatal. Carrey e Stiller serían clons que ficaron obsoletos cando xurdiron modelos superiores, que saben escoitar millor e teñen superiores capacidades amatórias. E agora os dous clons, feridos no seu orgullo, andan por aí tentando atopar un lugar utópico ao que chaman Mantopia [probabelmente sexa traducido por "Hometopía" ou algo semellante].
Unha nova precuela para Star Trek
[14:42 29/08/2005] O guionista Erik Jendresen dixo nunha recente entrevista que está embarcado nun proxecto para facer unha película precuela da saga de Star Trek para a Paramount.
"Estou emocionado con este proxecto, e coido que as posibilidades de facelo son boas", dixo Jendresen. "Todo depende de que opinen os estudos, e na Paramount houbo trocos significativos ultimamente. Peo a xente que toma as decisións é xente moi responsábel con moito traballo ás súas costas. Así que xa veremos. Agora mesmo son optimista".
Jendresen dixo que polo de agora o nome do proxecto é Star Trek: The Beginning, producido por Rick Berman, Kerry McCluggage e Jordan Kerner. Berman xa dixera que a película non usará ningún persoaxe de Star Trek que xa exista e que será unha precuela da série orixinal.
E Jendresen di máis: "Isto podería ter lugar só un par de anos após do final dos sucesos de [a série] "Enterprise", pero xusto antes da série orixinal, e investigaría o incidente que fixo comezar todo. A história é grande e épica, e non tan aséptica coma adoitan ser as histórias na televisión".
Jendresen engadiu que a película non estará centrada nunha nave. "Estamos procurando un grupo moi pequeno de homes e mulleres, enfocados particularmente nun persoaxe", dixo. "Hai un par de naves, incluindo unha principal, pero esta non é a história tradicional de capitán e tripulación".
Como converter-se nun zombi
[0:20 20/08/2005] A asociación californiana First Amendment Project, en colaboración con vários escritores de renome, entre eles Stephen King, Michael Chabon, John Grisham, Amy Tan, Rick Moody e Neil Gaiman, sacará a poxa en eBay a partir de setembro, o nome dos personaxes das suas novas obras.
Stephen King oferece, por exemplo, o nome dun personaxe de Cell, unha novela que será publicada en 2006 ou 2007: "O mercador debe saber que ésta é unha obra violenta, con zombis que se activan por un sinal de teléfone defectuosa que destrúe o cerebro dos humanos", o mesmo có whisky barato, dí o escritor na sua páxina web, e continúa: "é algo brutal, pero á vez satisfatório", aclarando que lle dá igual se o mercador é home ou muller, pero, iso si: "se o mercador quere que a sua personaxe morra, debe de ser unha muller".
Igualmente, o novelista e debuxante de cómic Neil Gaiman prefire gravar o nome do afortunado mercador nunha lápida. Pola sua parte, John Grisham opta por descreber á sua personaxe "nun dia bonito e favorábel".
Michael Chabon (Os mistérios de Pittsburgh) promete utilizar o nome do gañador alomenos unha vez no desenvolvemento do romance. Ao autor, membro activo do departamento de vixiláncia de First Amendment Project, veu-lle a idea de realizar a poxa e mobilizar aos seus colegas, despois de que Neil Gainman vendese o nome dun barco que aparecía nun dos seus libros por 3.500 dólares.
David Greene, membro desta asociación, adicada a proporcionar asistenza legal en temas de liberdade de expresión, afirma que os fans comezaron a amosar un interese moi grande por esta operación. "Debo ser prudente nas miñas previsións, pero esperamos recadar entre 40.000 e 50.000 dólares grazas a estes 16 autores".
A poxa terá lugar no portal eBay.com a partir do 1 de setembro.
[22:15 15/09/2005] A editorial Planeta DeAgostini ven de lanzado nos quiosques unha colección de literatura fantástica en español na que se publicarán algunhas das séries máis populares do xénero. Na primeira entrega e ao prezo de 2,99 € publica-se O retorno dos dragóns, a primeira parte da triloxia Crónicas da Dragonlance de Margaret Weiss e Tracy Hickman. O resto de libros costarán 6,99 euros e incluirán títulos coma O trono de ósos de dragón e A tumba de Huma.
[22:15 15/09/2005] Se algún de vós ten oportuidade de se achegar até Donosti, este ano no festival de cinema poderán-se ver, entre outras, películas de xénero coma Tideland de Terry Gilliam, Wallace & Gromit: The curse of the Were-Rabit, The curse of the cat people, The body snatcher, The day the Earth stood still, The haunting, The Andromeda strain, Star Trek: The motion picture, todas eas do recentemente finado Robert Wise, e ademáis unha retrspectiva adicada a Abel Ferrara, con estes filmes: Body snatchers, The addiction e New Rose Hotel. E todo isto por non falar do filme que inaugurará o Festival, Obaba, do director español Montxo Armendariz.
[1:22 15/09/2005] O actor inglés Daniel Craig reentrou na carreira de especulacións para interpretar o papel de 007 após de ser atopado nunha libraría de Londres preguntando por unha rara edición da novela orixinal na que está baseada a vindeira película de James Bond, Casino Royale. O libreiro díxo-lle que ese exemplar podería custar 20.000 libras, así que Craig non- mercou. Craig está nunha listaxe de favoritos para interpretar ao superaxente secreto, entre os que se atopan Clive Owen, Ewan McGregor, Julian McMahon e Hugh Jackman.
[1:22 15/09/2005] O director Ron Howard foi obrigado a disimular o nome da súa versión cinematográfica de O Código da Vinci para evitar ser localizado polos milleiros de fans que asulagan os estudos de rodaxe. Howard optou por usar o nome falso de The Rose Line para rotular o seu proxecto, pero non acadou enganar a todos porque ese nome tamén aparece na novela de Dan Brown.
[1:21 15/09/2005] A Warner Brothers ven de se facer cos servizos de Francis Lawrence (Constantine) para dirixir I Am Legend, a adaptación da novela de ciéncia-ficción de Richard Matheson. Este filme, que leva case unha década rodando polos estudos, vai sobre unha guerra biolóxica que deixa un só sobrevivinte en Los Angeles, onde deberá loitar contra os mutantes noiturnos. Esta é a terceira versión que se fai da novela. As dúas anteriores foran The Last Man on Earth (1964), con Vincent Price e The Omega Man con Charlton Heston.
[1:21 15/09/2005] Os autores españois Andrés Manuel Cardiel Martínez e Sergio Parra Castillo resultaron ser os gañadores dos Prémios Andrómeda de ficción especulativa nas categorias de relato e novela, coas obras Dudas de hielo e BITIS TM respectivamente.
[1:21 15/09/2005] Dean Cain, o Superman da série de TV Lois & Clark, terá unha aparición xunto a Teri Garr na série Lei e orde. E o actor que deu vida a Frodo Bulsón na triloxía de O Señor dos Aneis, Elijah Wood, rodará Everything is Illuminated, unha película sobre a invasión nazi de Ukraina.
As candidaturas dos Ignotus
[16:41 03/09/2005] A Asociación Española de Fantasía e Ciéncia-Ficción, que outorga cada ano os Prémios Ignotus, ven de facer públicos os nominados para este ano. Estes galardóns conceden-se mediante votación dos sócios da AEFCFT así como doutras entidades afíns e dos asistentes á Hispacon que así o desexen, durante a celebración da devandita convención (que este ano será entre o 28 de outubro e o 1 de novembro en Vigo).
A listaxe completa dos candidatos é a seguinte:
- Millor novela:
- Asura, de Santiago Eximeno
- Buscando a los antiguos dioses, de Eduardo Gallego e Guillem Sánchez
- El sueño del rey rojo, de Rodolfo Martínez
- Máscaras de matar, de León Arsenal
- Umma, de Juan Antonio Fernández Madrigal
- Millor novela curta:
- Amanecer, de José Antonio Cotrina
- Imágenes, de Santiago Eximeno
- Reciclador, de Victor M. Ánchel
- Sueños de interfaz, de Vladimir Hernández
- Traficantes de leyendas, de Jordi Font-Agustí
- Millor conto:
- El hombre que se burlaba del tiempo, de José Carlos Canalda
- La niña muerta, de José Antonio Cotrina
- Los hijos de nuestros hijos, de José Antonio del Valle
- Pájaro en mano, de Eduardo Gallego e Guillem Sánchez
- Punto de entrega, de Vladimir Hernández
- Millor antoloxía:
- ¡China ha despertado!
- ¿Escasez de petróleo?
- Imágenes, de Santiago Eximeno
- Paura - volumen 1
- Premios UPC 2003
- Millor ensáio:
- Ciencia y Apocalipsis, de Rafael Alemañ
- Espectra, de Pilar Pedraza
- Gadir 2K4
- George H. White
Millor artigo:
- Historia alternativa en la literatura española I, de Alfonso Merelo
- La hispacón, la lengua de los elfos y los palatales serbocroatas, de César Mallorquí
- Los cien mejores relatos de ciencia-ficción, de Julián Díez
- PulpEdiciones: ¿piratería o descuido?, de Alberto Cairo
- Vida, sexo y ciencia-ficción, de Eduardo Gallego e Guillem Sánchez
Millor ilustración:
- Portada de Buscando a los antiguos dioses, por Guillermo Romano
- Portada de Gigamesh nº38, por Juan Miguel Aguilera e Rafa Fonteriz
- Portada de Sherlock Holmes y la sabiduría de los muertos, de Alejandro Terán
- Portada de UMMA, por Manuel Calderón
Millor Produción audiovisual:
- El enigma del chico croqueta, de Pablo Llorens
- El maquinista, de Brad Anderson
- Hipnos, de David Carreras
- Las naves de la Saga de los Aznar, de Alfonso Seijas
- Romasanta, la caza de la bestia, de Paco Plaza
Millor cómic:
- La legión del espacio, de Alfredo Álamo-Fedde
- Piel de Dragón, de Jordi Bayarri
Millor obra poética:
- Barad-dur, de Juan Emilio Ríos Vera
- De un deja-vú. Eterno retorno, de Gabriella Campbell
- Digital Amarilla, de Santiago Eximeno
- Romance de los exiliados, de Miguel González Peña
- Quiero ser como Lugosi, de Alfredo Álamo
Millor revista:
- Artifex Segunda Época
- Asimov Ciencia Ficción
- Galaxia
- Gigamesh
- Solaris
Millor novela estranxeira:
- Ciudad Maldita, de Arkadi y Boris Strugatski
- En la estación Basilisco, de David Weber
- Excensión, de Iain M. Banks
- Illión: El asedio, de Dan Simmons
- Los tejedores de cabellos, de Andreas Eschbach
Millor conto estranxeiro:
- 16 de junio en Anna´s, de Kristine Kathryn Rusch
- Caer en Marte, de Geoffrey A. Landis
- Camino de Dragón, de George R.R. Martin
- Como las que solíamos conocer, de Connie Willis
- El infierno es la ausencia de Dios, de Ted Chiang
Millor sítio Web:
- BEM On Line
- Bibliópolis. Crítica en la red
- NGC 3660
- Sitio de Ciencia Ficción
- Stardust
[22:15 15/09/2005] Os produtores de cinema Harvey Weinstein e Bob Weinstein decidiron non adiar o lanzamento dunha película de terror ambientada en Louisiana esta mesma semana, mália que a rexión foi devastada polos efectos do Katrina e mais da administración Bush. Os Weinsteins están obrigados por contrato a lanzar o filme Venom antes do 30 de setembro, pero a película só será vista en 800 salas de cinema dos Estados Unidos, un número relativamente baixo para estas cousas. Un voceiro de Dimension Films, a compañía produtora, dixo que "Venom é unha película de terror fictícia. O argumento non ten ren que ver co desastre de New Orleans".
Anne Rice critica a resposta ao Katrina
[1:34 06/09/2005] A novelista Anne Rice criticou duramente a resposta ás consecuéncias do furacán Katrina na sua vella vila natal en New Orleans: "Por que América pide a unha cidade (...) que loite pola súa própria vida durante tanto tempo? Esa é a miña pregunta", escribiu Rice nun artigo no New York Times o domingo.
Rice, autora da saga de As crónicas do vampiro, que inclúen Entrevista co campiro, dixo que a xente lle preguntou como é que tantas persoas ficaron atrás cando sabían que o furacán estaba a chegar: "non tiñan ningún lugar ao que iren", escribiu. "Son os pobres, negros e brancos, que moran en calquera cidade en grandes cantidades; e fixeron o que sentiron que podían facer — axuntáron-se nas casas máis fortes que puideron atopar. Non podían erguerse, sair e rexistraren-se no Ramada Inn [unha cadea de hoteis luxosos] máis cercano".
Milleiros máis ficaron na cidade para axudar aos seus concidadáns, e loitaron por salvar vidas mentres a nación miraba, dixo Rice, quen agora vive no área de San Diego. Ela coida que New Orleans será reconstruida e que a xente seguirá vivindo alí porque é onde as súas famílias viviron ao longo de xeracións. "Pero ao meu país querolle dicir isto: durante esta crise, fallastes-nos. Ollastes-nos por riba do ombreiro; rexeitastes ás nosas vítimas; rexeitastes-nos".
"Queriades o noso festival de jazz, queriades o noso Entroido, queriades a nosa cociña e a nosa música", continuou a escritora. "Daquela, cando nos vistes en verdadeiros problemas, cando vistes a unha pequena minoría aproveitándo-se dos débiles entre nós, chamástes-nos 'cidade do pecado' e voltades-nos as costas".
Os Grimm en Venécia
[1:34 06/09/2005] O director inglés Terry Gilliam arrincou onte discretos aplausos da prensa co seu filme O segredo dos irmáns Grimm, un filme que fixo evocar ao Lido o ambiente infantil dos contos e as fadas. Envolta con acción rápida e efeitos especiais que poñen os pelos de ponta, a producción tivo un orzamento de 65 millóns de euros. O segredo dos irmáns Grimm é un dos 20 filmes que competen polo cobizado León de Ouro no certame cinematográfic