As novas de NOVA FANTASIA

Maio de 2007 - Outubro de 2007


Gaiman xoga coa Morte

Death: The High Cost of Living[17:52 02/06/2007] Seica o escritor e guionista de cómics Neil Gaiman podería estar a preparar o lanzamento do seu primeiro filme para o cinema para finais deste ano: unha adaptación da súa novela gráfica Death: The High Cost of Living, baseado nun guión tamén de seu.

Os nosos reporteiros afirman que en Hollywwod teñen visto a Gaiman discutindo sobre este filme co director de O labirinto de Pan, Guillermo del Toro, hai un par de semanas.

Ademáis, din que o filme podería comezar a se rodar a finais de outono o a primeiros de inverno en Inglaterra, que o protagonista de Transformers Shia LaBeouf será case seguro o actor principal neste filme, que nos cómics se chama Sexton Furnival, e o papel da Morte (ou Didi, como se chama na súa forma mortal nas páxinas da novela gráfica) estaría interpretada por unha famosa e xove actriz da que se coñecerá axiña o seu nome.


Os Weitz adaptarán a Elric

[17:52 02/06/2007] O sítio Web Empire Online informou de que Chris Weitz deixará A búsola dourada para facer Michael Moorcock's Elric xunto co seu irmán Paul. Os irmáns Weitz adaptarán asemade a saga de fantasía sobre Elric de Melniboné á pantalla grande.

Os libros de Elric, do escritor Michael Moorcock, comezaron a aparecer en 1961 e suman unha dúcia de volumes.

"Das grandes séries de fantasía, esta é a única que ainda non se fixo", comentou Chris Weitz ao devandito sítio Web. "O meu irmán Paul e mais eu medramos lendo estes libros, coñecimos persoalmente a Michael Moorcock e el confía en nós para sacar os seus libros adiante".

A compañía dos irmáns Weitz, Depth of Field, desenvolverá a adaptación, ainda que non hai un director vencellado ao proxecto polo de agora. "Realmente gostaría-me que o meu irmán o dirixira", dixo Chris.


Os Novos Titáns, á pantalla grande

Capa do Teen Titans número 1[17:52 02/06/2007] Os Novos Titáns da DC Comics serán adaptados como filme con actores reais nun filme da Warner Brothers. Akiva Goldsman e Kerry Foster serán os produtores a través da súa compañía Weed Road, mentres que Mark Verheiden será o encarregado de escribir o guión.

Os Novos Titáns (The Teen Titans) apareceron por primeira vez en 1964 coma unha espécie de Liga da Xustiza de superheroes xuvenís, e nela estaban Robin, Kid Flash, Aqualad, Wonder Girl e Speedy, os respectivos axudantes de Batman, Flash, Aquaman, Wonder Woman e Frecha Verde.

A série acadou un éxito paralelo ao dos mutantes da Patrulla X nos anos oitenta (os anos dourados dos cómics de superheroes), cando a equipa relanzouse nun novo cómic cos persoaxes xa non rapaces, senón adultos, e cos guións explorando temas máis maduros. A série viu tamén o achegamento de Cyborg, Starfire e Raven, uns persoaxes orixinais, creados para a ocasión, e non meramente axudantes doutros superheroes, e ademáis o antigo Robin converteu-se, xa adulto, en Nightwing.

Máis recentemente, o cómic foi adaptado á televisión en forma de série de debuxos animados que apareceu na canle Cartoon Network dende 2003 a 2006, utilizando a maior parte dos argumentos e guións dos cómics dos anos oitenta.

Ainda non se sabe que suèrheroes formarán parte destos Novos Titáns, pero o que se sabe de certo é que Nightwing será ún deles.

Goldsman dixo que o tón deste novo filme estará acorde cos novos tempos e cos novos aires que xa deron filmes coma Batman Begins, Superman Returns e o vindeiro Watchmen.


Asasinos infestados por un virus

[17:52 02/06/2007] A Rogue Pictures e mais a Random House Films veñen de se facer cos dereitos da vindeira novela de Scott Sigler, un thriller de ciéncia-ficción titulada Infested, e ademáis da súa secuela, ainda sen título.

Infested, que se publicará a primavera que ven, foi adquirida pola editorial Random House. O libro vai sobre uns axentes secretos da CIA e un científico do Centro para o Control de Enfermidades que se axuntan para evitar que se espalle un parasito que está a medrar moi rapidamente e que ao se apoderar dun corpo, convirte a unha persoa normal nun asasino en série tolo. O rastro de cadáveres levará até un home infestado que está a loitar unha sanguenta batalla por controlar o seu própio corpo e a súa propia mente.


Un parque temático de Harry Potter?

Harry Potter[17:51 02/06/2007] A escritora inglesa J.K. Rowling, creadora de Harry Potter, apoia a construción dun parque temático adicado ao famoso aprendiz de meigo e á sua escola de bruxería de Hogwarts. O parque, que previsibelmente se inaugurará en Orlando (Florida, EE.UU.) en 2009, recreará escenas das aventuras do coñecido personaxe literário.

A iniciativa partiu da Warner Bros Entertainment (produtora das películas do heroe infantil) e dos estudos cinematográficos Universal.

"Os plans que mirei semellan apaixoantes e non coido que os seguidores dos libros ou as películas (de Potter) se vaian sentir decepcionados", dixo Rowling. A autora, unha das mujeres máis ricas do mundo grazas ao espectacular éxito do seu persoaxe literário, levará unha parte dos benefícios que xere o parque.

Segundo publicou onte "The Times", tráta-se dun proxecto millonário que comezará a se construir nos vindeiros meses e que pretende facer realidade os soños dos nenos que leron as novelas de Potter, ao mesmo tempo que atraerá tamén a millóns de adultos.

Os promotores da ideia recrearán a escola de Hogwarts, onde os visitantes atoparán-se con algúns dos persoaxes da obra de Rowling e disfrutarán de números de máxia.

O público tamén poderá perderse no Bosque Prohibido e a vila de Hogsmeade, que albergan na ficción a bruxos de toda caste e abraiantes criaturas máxicas, así como viaxar no tren fantástico Hogwarts Express. Na ficción, o Hogwarts Express transporta aos aprendices de bruxo desde a plataforma imaxinária "nove e tres cuartos" da estación de King's Cross, no centro de Londres, até a escola de Hogwarts.

Coa axuda de efectos especiais computerizados, seres imaxinários que semellan humanos sairán ao paso dos visitantes para desaparecer despóis como por arte de máxia.

O parque temático foi deseñado por una vintena de artistas ingleses dirixidos polo deseñador Stuart Craig, responsábel de crear os escenários nos filmes de Harry Potter e gañador de tres Oscars de Hollywood pola sua intervención nos filmes Gandhi (1983), Amizades Perigosas (1989) e O pacente inglés (1996).

"Imos crear un lugar onde a máxia é unha fasquía normal da vida", explicou o vicepresidente dos estudos Universal, Scott Trowbridge.

A ideia do parque divulgouse mentres os fans do meigo agardan o séptimo e derradero volume da serie, Harry Potter and the deathly hallows, que chegará ás librarías este 21 de xullo.

Harry Potter converteu-se nun fenómeno sen precedentes na história da literatura e as seis primeiras obras do intrépido meigo venderon máis de 300 millóns de exemplares en todo o mundo.


Non haberá dúas novas Guerras das Galáxias

[19:15 26/05/2007] O xefe de relacións cos fans da Lucasfilm, Stephen Sansweet, botou abaixo o informe do columnista de "Fox411" Roger Friedman, segundo o cal George Lucas estaba a planear dous filmes da Guerra das Galáxias para a televisión.

"Non, non, non, non", así de explícito foi Sansweet cando lle preguntaron pola veracidade do artigo de Friedman, e engadiu: "Vai haber dúas novas séries de televisión da Guerra das Galáxias. Unha delas xa está en produción, é «Star Wars: Clone Wars», é unha série de debuxos animados por computador, que sospeitamos que estará en antena para o ano que ven". E logo está a série con actores reais na que Lucas e mais o produtor da Guerra das Galáxias Rick McCallum están a traballar. Será un drama, e aparecerá para 2009 ou 2010, pero seica a série de debuxos será máis para adultos cá de acción real, xa que segundo comentou Sansweet, contén moito humor.


Rumores sobre Indiana Jones

Indiana Jones[19:15 26/05/2007] Seica o vindeiro filme de Indiana Jones, o que será o cuarto da saga, comezará cunha rifa entre Indy e os rusos no Area 51 e con algún obxecto misterioso en xogo, deses dos que fala Erich von Daniken no seu libro "Chariots of the Gods?" [unha novela na que o autor xoga coa posibilidade de que os extra-terrrestres visitaran a Terra para construir as pirámides].

Citando fontes anónimas, un famoso sítio Web da rede dixo que mesmo o nome do filme podería ser "Indiana Jones e a Cidade dos deuses". Ademáis, mencionou coma posíbeis lugares da rodaxe a Los Angeles, New Haven (Connecticutt), New Mexico e Hawaii.

O persoaxe de Shia LaBeouf, pola súa banda, será un rapaz dos anos 50 ao estilo de "Grease", con pantalóns vaqueiros, chequeta de coiro e unha motocicleta, que acompañará a seu pai.

Pero aí non rematan os rumores. Ademáis, seica a primeira namorada de Indiana (alomenos, a primeira que aparece nas súas películas!), Karen Allen, regresará co seu papel de Marion Ravenwood, e que ao remate se saberá que ela é a nai do persoaxe que interpreta Shia LaBeouf.

Allen interpretou á valente heroína no filme orixinal "Na procura do Arca perdida" e adoita relembrar-se coma a millor entre todas as mulleres que pasaron pola vida de Indiana Jones.

Finalmente, outro rumor apunta a unha escena do guión desbotado de Frank Darabont pero recuperado para este filme, na que hai unhas caveiras de cristal e uns áliens e ten lugar nalgún templo de Sudamérica.


O polbo ataca a Spirit!

[19:15 26/05/2007] Samuel L. Jackson está en negociacións para protagonizar, no papel do famoso superfalcatruán Octopus, a adaptación que fará Frank Miller do cómic "The Spirit".

Baseada na clásica série de Will Eisner, a história céntra-se en Denny Colt, un cobizoso policía novato que foi asasinado en acto de servizo en circunstáncias un tanto misteriosas e que renace convertido no home enmascarado coñecido coma o Spirit.

Jackson interpretaría ao maior inimigo do Spirit, un humilde axudante de laboratório que se transforma nun asasino psicópata disposto a matar a calquera que lle mire á face. Os tentáculos do Octopus (o polbo) chegan a todos os recunchos do mundo do crime na fictícia cidade de Central City, o lugar onde acontecen os feitos.

Frank Miller presentou este proxecto esta mesma semana no decurso do Festival de Cinema de Cannes, decindo que Jackson é a súa primeira elección para interpretar ao Octopus. Ademáis, está considerando a outros actores para o papel principal, pero ainda non pode dicir quen son.

Miller codirixiu xunto con Robert Rodriguez o filme "Sin City", baseado no seu própio cómic, e tamén creou a novela gráfica "300" na que se inspirou Zack Snyder para o filme icona gai que protagonizou Gerard Butler. "The Spirit" marcaría o fito de ser a primeira película que Miller dirixiría en solitário.

  • [19:20 20/04/2007] Jamie Bishop, o fillo do escritor de ciéncia-ficción Michael Bishop, foi ún dos asasinados na Universidade de Virginia o pasado martes cando un mozo tolo rematou coa vida de 32 persoas no campus. Bishop era un estudante de alemán e un deseñador gráfico. Moitos dos seus traballos foron incorporados ás capoas dos libros de seu pai.

  • [19:20 20/04/2007] O escritor de ciéncia-ficción Orson Scott Card dixo que a proposta de levar ao cinema a súa novela O xogo de Ender foi aparcada unha vez máis pola Warner Brothers, o que permitirá segundo el aos cineastas independentes tentar atopar os cartos precisos para facer a película.

  • [18:49 14/04/2007] O canadiano Eric Johnson (Whitney Fordman en Smallville) será o protagonista nunha nova série da canle SCI FI Channel, Flash Gordon. Esta série, que durará 22 horas, porá ao día ao heroe de acción creado en The 22-hour series updates the por Alex Raymond. Johnson interpretará ao aventureiro do espazo, que voltará unha vez máis acompañado da súa moza Dale Arden e mais o científico Dr. Hans Zarkov.


    Outra demanda contra a New Line

    [2:37 10/06/2007] Quince actores novacelandeses que apareceron en várias das partes da triloxía do Señor dos Aneis demandaron á New Line Cinema para lle reclamar uns cartos que segundo eles lles deben os estudos por causa das vendas de merchandising da popular franquía.

    A demanda presentou-se o pasado 30 de maio no Tribunal Superior de Los Angeles. Os actores coidan que deberían ter recibido o cinco por cento das gañáncias netas por merchandising, a dividir entre todos os actores que están representados na mercadoría.

    Entre os actores que asinaron a demanda están Noel Appleby, Jed Brophy, Mark Ferguson, Ray Henwood, Bruce Hopkins, William Johnson, Nathaniel Lees, Sarah McLeod, Ian Mune, Paul Norell, Craig Parker, Robert Pollock, Martyn Sanderson, Peter Tait e Stephan Ure.

    Un voceiro da New Line dixo que a compañía non comenta as demandas pendentes de se resolveren.


    Finalistas dos Campbell

    [2:37 10/06/2007] Veñen de se anunciar os finalistas para a edición deste ano do prémio John W. Campbell Memorial, que se outorga á millor novela de ciéncia-ficción do ano pasado. O gañador deste prémio, que leva o nome do lendário editor de revistas de ciéncia-ficción, será anunciado na COnferéncia Campbell, que terá lugar do 6 ao 8 de xullo en Lawrence, Kansas.

    Os nominados son Titan, de Ben Bova, A Small and Remarkable Life, de Nick DiChario, Infoquake, de David Louis Edelman, Nova Swing, de M. John Harrison, Odyssey, de Jack McDevitt, The Last Witchfinder, de James Morrow, Living Next Door to the God of Love, de Justina Robson, Dry, de Barbara Sapergia, Sun of Suns, de Karl Schroeder, Glasshouse, de Charles Stross, Rainbows End, de Vernor Vinge, Farthing, de Jo Walton e Blindsight, de Peter Watts.


    Anderson dirixirá "Spy Hunter"

    Unha imaxe do videoxogo[2:37 10/06/2007] O director de Alien vs. Predator, Paul W.S. Anderson dirixirá un filme de grande orzamento que suporá a primeira adaptación ao cinema do clásico videoxogo da Midway Spy Hunter, no que había que conducir un supercoche que se transformaba en lancha, o Interceptor.

    Dwayne "the Rock" Johnson leva moito tempo atrás do papel do axente secreto protagonista e condutor do coche, pero ainda está por saber-se se finalmente será contratado.

    Anderson traballará con outro guionista no libreto, que xa pasou polas mans de vários escritores, entre os que están Michael Brandt, Derek Haas, Zak Penn e Stuart Beattie. John Woo foi o primeiro director do que se falou para se encargar do proxecto, aló por 2004. A Universal será en todo caso a produtora.

    O filme introdúcenos no papel dun espía nunca visto, que traballa para unha axéncia secreta do governo. O espía utiliza o Interceptor, un vehículo cheo de "gadgets" que poden transformalo nun coche, nunha moto, unha lancha motora e un submariño, todo preparado para cazar axentes inimigos e (aquí ven a parte que non estaba no videoxogo orixinal pero que non pode faltar nestes tempos) loitar contra unha misteriosa organización terrorista.

    O xogo, que apareceu nos anos 80, fíxo-se moi popular axiña, con versións para moitos microordenadores, e chegou ser unha icona da cultura popular.

    Johnson xa protagonizou Spy Hunter: Nowhere to Run, un xogo da Midway que foi lanzado o ano pasado. O plan orixinal era que a película saira xunto ao xogo, pero cando a produción do filme atopou os primeiros atrancos, tiveron que lanzar o videoxogo axiña para recuperar custes.


    De Saw ao demo pola ruta 61

    [2:37 10/06/2007] Tobin Bell, coñecido por interpretar a Jigsaw na saga dos filmes de Saw, interpretará ao demo e ademáis será o produtor executivo en Highway 61, unha coprodución da compañía inglesa Halcyon Pictures e da amerciana Prankster Film Co.

    A película, escrita e dirixida por Luke e Jeremy Jackson, vai sobre un grupo de rock cuxo manager preprára-lles unha cita co demo nunha encrucillada, unha intersección en Mississippi que fixo famosa o músico de blues Robert Johnson. Nick Thune será o guitarrista líder do grupo.

    A filmación xa comezou en Idaho, Utah e Los Angeles.


    Os piratas gañan aos gregos

    Piratas do Caribe[2:36 10/06/2007] Piratas do Caribe: O Cofre do Home Morto gañou a súa particular batalla contra o filme gai 300 ao recebir o prémio á millor película, e o seu protagonista, Johnny Depp, o de millor actor na gala dos prémios de cinema da MTV, dados a coñecer o pasado 3 de xuño.

    Outros grandes gañadores nesta xuntanza, que tivo lugar no Anfiteatro Gibson de Los Angeles, foron Mike Myers por poñer a voz de Shrek Terceiro, levando asemade o prémio Xeración MTV, e mais o protagonista de Borat, Sacha Baron Cohen, quen se fixo acreedor de dúas figuriñas.

    Entre os demáis gañadores relacionados co xénero fantástico estiveron Gerard Butler, por protagonizar en 300 a millor escena de loita e Transformers, que abraiantemente gañou un prémio, mália que ainda non foi estreada.


    A Warner adquire os dereitos de Shannara

    [2:36 10/06/2007] A Warner Brothers ven de adquirir os dereitos para o cinema de Shannara, a famosa série de libros de fantasía de Terry Brooks, quen é hoxe por hoxe o segundo escritor vivo de fantasía que máis libros vendeu no mundo, xusto por atrás de J.K. Rowling, a creadora de Harry Potter.

    A Warner ten espranzas de facer unha série de filmes que se convertirán nunha nova franquía cos 14 tomos que compoñen a saga de Shannara, ambientada mil anos no futuro, nun mundo povoado por elfos, trolls, gnomos e ananos nunha Terra post-apocalíptica.

    A família de Shannara é un clan médio elfo, médio humano, con pdoeres máxicos e habilidades coma guerreiros e que deben salvar o mundo. Os dereitos de Shannara nunca estiveron en venda porque até agora o seu autor evitárao, pero agora a Warner tentará desenvolver As Pedras Élficas de Shannara, o segundo libro da série, coma primeira película.


    Heroes na Galega

    Heroes[2:36 10/06/2007] Suso Iglesias, o director da "Televisión de Galicia", manifestou nunha recente entrevista a un xornal compostelán que para acadar o seu reto do 15% de cota de pantalla teñen previsto apostar por en "prime time" por séries coma Heroes, que se estreará o xoves da próxima semana, e que chega precedida dun grande éxito nos Estados Unidos e alí onde se emitiu.

    E mentres tanto, Tim Kring, o creador da devandita série que rematou esta tempada no seu país de orixe, ven de asinar un contrato de dous anos de duración polo que desenvolverá na canle NBC unha secuela da mesma série, que levará por título Heroes: Origins, así coma vários proxecto multimédia máis que seguramente han pasar pola creación de videoxogos.


    Outra novela de Card ao cinema

    [2:36 10/06/2007] A novela de ciéncia-ficción de Orson Scott Card Empire será adaptada ao cinema por Oren Moverman en forma dun drama para a Warner Brothers e a Silver Pictures. O mítico produtor Joel Silver encargará-se deste proxecto.

    Ambientado nun futuro próximo, a novela céntra-se nunha América que caiu no caos: o asasinato do Presidente e mais do Vicepresidente levan aos Estados Unidos á guerra civil, e unha equipa de forzas especiais tentarán desentrañar a conspiración e salvar ao país. O libro publicou-se o ano pasado.

    A Warner tamén está a desenvolver o libro máis famoso e clásico de Card, O xogo de Ender, baixo a dirección do realizador Wolfgang Petersen, nun filme de grande orzamento.


    Piratas do Caribe 3, novo récord na billeteira

    Piratas do Caribe 3[17:52 02/06/2007] Piratas do Caribe: Na fin do mundo, a terceira e derradeira entrega da saga corsária protagonizada por Johnny Depp e dirixida por Gore Verbinsky, bateu récords de recadación na billeteira española, ao acadar máis de 8,8 millóns de euros na sua primeira fin de semana de exhibición. A afluencia masiva do público español durante os primeiros días de proxección da fita de aventuras da Disney arroxou unhas cifras ata agora inéditas, cunha estimación de máis de 1,5 millóns de espectadores entre os días 25 e 27 de maio.

    Os 8,8 millóns recadados no devandito periodo de tempo supoñen un 72% da billeteira total das salas españolas da fin de semana. A esa cifra se lle suma a recadación obtida o xoves 24, día oficial da estrea, polo que a recadación acumulada ascende a 9,5 millóns de euros e 1,7 millóns de espectadores. Outro dos récords superados por Piratas do Caribe: Na fin do mundo é o de maiores ingresos acadados nun só día, xa que o sábado o filme acadou os 3,6 millóns de euros, co que supera en médio millón a marca anterior, que obtivera hai tan só tres semanas Spiderman 3.

    A entrega anterior da saga, Piratas do Caribe: O cofre do home morto, acadou 8,7 millóns de euros na sua estrea en España e unha recadación final de 28,8 millóns de euros, mentres que a primeira fita acadou os 22,3 millóns de euros. Cun orzamento superior aos 200 millóns de dólares, o filme obtivo unha recadación estimada de 126 millóns de dólares (uns 107 millóns de euros) nos seus primeiros catro días de exhibición nos Estados Unidos, mentres que a cifra total en Europa, incluida a española, supera os 135 millóns de dólares (114 millóns de euros), na que é tamén a millor apertura na história no noso continente.


    "Só" haberá dous Shreks máis?

    [17:52 02/06/2007] O xefazo da DreamWorks, Jeffrey Katzenberg, ven de desvelar nunhas impactantes declaracións que "sóamente" contempla dous novos filmes da saga de Shrek, e logo rematou. A cuarta entrega xa está en produción, e agárda-se que apareza en 2010.

    A quinta sería a derradeira segundo Katzenberg, quen dixo: "É unha história finita, foino dende o comezo, e coido que iso é parte da súa integridade, parte da súa forza, de que non estamos a inventar todo isto mentres o facemos. Finalmente, voltaremos para tentar comprender como chegou Shrek a ese pantano. Revelaremos a súa história".

    Shrek Terceiro leva xa recadados máis de 127 millóns de dólares nos Estados Unidos dende a súa estrea o pasado 18 de maio. En Galiza este ogro ainda non apareceu polos cinemas.

  • [18:49 14/04/2007] Anthony Hopkins dixo nunha recente entrevista que está a considerar ter un papel en The Wolfman, o filme de lobishomes que protagonizará Benicio Del Toro. Hopkins indicou que é cousa de negociacións cos estudos, pero que el quere facer o papel.

  • [19:20 20/04/2007] Unha novela de ciéncia-ficción ven de ser premiada co Prémio Pulitzer. É The Road, escrita por Cormac McCarthy, e o seu argumento sitúa-nos nuns Estados Unidos postapocalípticos no que un pai e mais o seu fillo viaxan a través do país, tendo só a carne humana coma comida fresca. O seu autor, de 73 anos, con 9 novelas máis, xa gañou outros prémios, coma o National Book Award e mais o National Book Critics. Ademáis, Ray Bradbury recebiu un Pulitzer especial coma recoñecemento á sua "distinguida, prolífica e influinte carreira coma autor de ciéncia-ficción e fantasía".

  • [19:20 20/04/2007] O director de Noite no Museu Shawn Levy foi contratado para facer The Seems, un film,e fantástico baseado nas séries de libros ainda non publicados de John Hulme e Mike Wexler. Os mesmos autores escribirán o guión para a 20th Century Fox movie. The Seems é un mundo paralelo no que todo o que os humáns dan por feito é fabricado e deseñado. Cando acontece un mal funcionamento, un mozo deberá salvar o mundo.


    Indiana Jones fica sen pai

    Sean Connery[2:37 10/06/2007] Sean Connery renúncia á cuarta película de "Indiana Jones". O xoves o actor escocés, de 76 anos, confirmou a súa negativa final a retomar o papel do pai de Indiana Jones na cuarta entrega da saga: "Pregúntanmo tanto que será millor que faga un anúncio", dixo.

    En 1989 Connery interpretara con éxito o papel do pai de Harrison Ford en Indiana Jones e a derradeira cruzada e o seu regreso era agardado polos fans, ainda que o actor, que está retirado da interpretación, sempre o rexeitara.

    "Penseino moito e con moita atención porque se algo me podería sacar do meu retiro sería un filme de Indiana Jones", engadiu na páxina web oficial da nova produción de Steven Spielberg e George Lucas, onde aparecen recollidos os seus comentários. Pero por moito que aprece o talento de todos os involucrados na fita, para Connery, "a xubilación é demasiado divertida".

    O seu anúncio aclara unha das moitas dúbidas existentes sobre unha rodaxe que escomeza o 18 de xuño pero tamén abre outras moitas preguntas sobre un guión do que apenas se sabe ren. Todo son rumores sobre un filme do que Spielberg e Lucas só confirmaron que transcurrirá nalgún intre despóis da Segunda Guerra Mundial, un troco argumental respecto das tres primeiras, que tiñan lugar na década dos anos trinta.

    A estrea de Indiana Jones 4, ainda sen título oficial, está asegurado para o 22 de maio de 2008.


    Roth súma-se ao sensacionalismo barato

    [20:07 16/06/2007] O guionista e director Eli Roth desvelou que quería adaptar a novela de Stephen King Cell para o seu seguinte proxecto porque considera que a história é oportuna e relevante. Na novela, os teléfones móbiles ("selulares", coma se coñecen nos Estados Unidos) convirten á xente en zombies.

    "Encánta-me a ideia de que a tecnoloxía nos domine", dixo Roth nunha entrevista mentres promocionaba a súa última película. "Sempre quixen facer unha película de apocalipses, e góstame esta que non é unha película de zombis directamente, senón de humanos que tolean, cuxos cerebros son confundidos polos teléfones móbiles. Lin que un cuarto da povoación de abellas dos Estados Unidos morreu, e non saben que está a matar ás abellas. É un virus? Hai xente que coida que poderían ser os teléfones móbiles, que están a masacrar o rádar das abellas, e que non poden voltar aos seus panais" [de feito, os estudos científicos sérios din que isto é unha parvada sensacionalista da prensa amarela].

    Coma adoitan facer os conspiranoicos máis selectos, Roth citou ao físico Albert Einstein ao dicir que se as abellas se extinguisen, os seres humanos serían os seguintes nun prazo de catro anos. "Así que coido que xa está escomezando a acontecer, que todos eses teléfones móbiles da nosa cultura van escomezar a afectarnos a nós e ao noso planeta de xeitos que non podemos nin imaxinar", profetizou Roth.

    Con ou sen abellas, Roth engadiu que "o que realmente me fixo desexar facer "Cell" foi o furacán Katrina. Vós mesmos víchedes, en cuestión de horas, a caída total e a completa destrución da sociedade. A xente case revertida a unha espécie de estado primixénio e animal. Miráchelo na tele, e había corpos flotando pola rúa e xente que se disparaba entre si, e ninguén fixo ren. A policía rendiuse e o Exército non apareceu en cinco días".

    Coma se todo o anterior non fose culpa do governo de Bush senón da sociedade mesma, Roth proseguiu na súa cruzada milenarista para xustificar o por que quixo facer Cell, implicando ao autor orixinal: "Escoitei que [Stephen King] estaba amolado polo que Stanley Kubrick fixo con "O relostro", que é un filme que a min me encanta. Pensei, vale, Stephen King é o meu escritor favorito. Non quero que me ódie. Díxenme: farei isto se é realmente unha adaptación. Non vou facer unha recreación directa. Non vou filmar o libro. Vou coller elementos principais dentro do libro e da história, e vou poñelas no filme. Vou adaptalo. E el me dixo: Non desacougues. Fai o que queiras. Esta é a túa adaptación de Cell".


    Outra fichaxe de luxo para Hulk

    [20:07 16/06/2007] William Hurt uniu-se ao reparto de superestrelas da nova película da Marvel Studios The Incredible Hulk, interpretando ao xeneral Thaddeus "Thunderbolt" Ross, o home adicado a capturar a Hulk e que é ademais o pai de Betty Ross, a moza de Bruce Banner.

    Louis Leterrier dirixirá o filme, que conta con Edward Norton no papel de Bruce Banner/Hulk tentando evitar ser capturado e atopar unha cura para o mal que o fai converter-se nun monstro. Liv Tyler interpretará a Betty Ross, e Tim Roth seráo malvado Emil Blonsky/a Abominación.

    Zak Penn escribiu o guión para esta aventura do xigante verde, coa Universal Pictures na distribución.

    O filme será producido por Avi Arad, Gale Anne Hurd e Kevin Feige, mentres que Jim Van Wyck, David Maisel, Ari Arad e o mesmísimo Stan Lee serán os produtores executivos. A rodaxe escomezará este verán en Toronto.


    China censura aos Piratas do Caribe

    [20:07 16/06/2007] A terceira entrega da série cinematográfica Piratas do Caribe estreou-se o mércores nos cinemas da derradeira dictadura totalitária do planeta, pero con máis da metade das súas escenas censuradas, segundo informou a mesma prensa chinesa. Os curtes, que fan difícil ou mesmo imposíbel seguir a trama, afectan sobre todo ás aparicións do actor honconés Chow Yun-fat, que interpreta a un pirata singapurense do que se eliminaron escenas completas, entre elas unha na que recita un poema en cantonés. O governo comunista daquel país considera que un chinés non pode representar a un pirata, pero ainda é peor que fale o dialecto honconés, prohibido polas autoridades.

    Para xustificar o seu novo ataque aos dereitos humáns, as autoridades censoras dixeron na prensa local que os cortes afectan a escenas con "demasiada violencia e horror", segundo afirmou a China Film Group Corporation, a única empresa estatal autorizada a importar as vinte películas estranxeiras que Beijing aproba cada ano. Na versión orixinal, as tomas de Chow suman uns trinta minutos, pero na versión estrenada en China só son dez.


    O seguinte da Marvel

    [20:06 16/06/2007] Kevin Feige, presidente de produción da Marvel Studios e produtor do vindeiro filme de Iron Man, revelou que o seguinte proxecto da súa empresa será unha versión semi-independente do Capitán América, que misturará elementos do seu periodo histórico clásico (a Segunda Guerra Mundial) co presente.

    "Teremos que xogar co Capitán América coma máquina de propaganda patriótica por unha banda e coma o simple humán que é Steve Rogers na outra... un heroe interesante e fascinante ao seu modo", dixo Feige aos xornalistas no plató de rodaxe de Iron Man, que está a se producir en Playa Vista, Califórnia.

    Feilge engadiu, a preguntas dos xornalistas, que o guión que están a escribir é unha mistura ao cincuenta por cento entre a ambientación histórica e o momento actual.

    Este filme do Capitán América tentará achegar-se a unha calificación para maiores de 13 anos, o mesmo ca Iron Man. Os estudos Marvel confiaron no escritor David Self (Camiño á perdición) para que faga o guión. O director aínda está por anunciar-se. A produción comezará dentro dun ano.

    A Marvel, pola súa banda, está a acelerar a produción de The Incredible Hulk, que conta con Edward Norton no papel protagonista e da que se agarda que comece a fotografía principal ao redor do 9 de xullo, máis oou menos o mesmo intre no que rematará Iron Man, protagonizada por Robert Downey Jr..

    A Marvel ten xa en preparación outras producións, segundo Feige. Entre elas: Sub-Mariner, na que Jonathan Mostow ten que reescribir o seu própio guión; O Castigador 2, para a que os estudos teñen que anunciar axiña un protagonista e mais un director; Thor, para a que Mark Protosevich está a escribir o guión; e Wolverine, que de novo contará con Hugh Jackman e sairá antes cá outra secuela dos Homes X, Magneto, con David S. Goyer na dirección.


    Sonnenfeld e os monos do espazo

    [20:06 16/06/2007] Barry Sonnenfeld producirá a comédia de debuxos animados Space Chimps, que narra a história duns astronautas chimpancés nunha misión no espazo. Kirk De Micco escribirá e dirixirá este filme para a Vanguard Animation e a Starz Media. A Twentieth Century Fox distribuirá.

    O reparto para este filme, a estrear en 2008 incluirá as voces orixinais de Jeff Daniels, Andy Samberg, Cheryl Hines, Kenan Thompson, Stanley Tucci, Kristin Chenoweth e Patrick Warburton.

    O músico Dave Stewart e mais o Blue Man Group proporcionarán a banda sonora do proxecto, que será financiado pola Starz Media.

    Sonnenfeld entrou coma consultor creativo neste filme o pasado outono.

    O proxecto será a primeira incursión de Sonnenfeld no eido da animación, porque coma produtor xa conta con títulos coma Unha série de desafortunados sucesos de Lemony Snicket.


    Curso de Literatura Fantástica

    [17:22 11/06/07] A "Escuela de Escritores" organizará a partir de xullo un curso de escritura enfocado á Literatura Fantástica, no que amosarán como contar unha boa história na que a máxia, os seres míticos e as loitas entre reinos sexan os seus protagonistas.

    O curso funciona por médio de listas de correio e foros web de acceso restrinxido. Os grupos compoñen-se dun máximo de quince alumnos, que recibirán semanalmente uns materiais e unha proposta, á que haberán de responder no espazo dunha semana. Asimesmo, o profesor enviarálles os comentários sobre os seus textos cada semana, proporá chats periódicos e animará o debate e diálogo entre os participantes do grupo. Anualmente publicará-se de maneira gratuita un libro con relatos de todos os alumnos que queiran participar, que se presentará nun evento a final de curso.

    O programa del curso inclúe doce puntos, pero toda a información sobre custes e datas de início poderédela atopar neste enderezo Web.

    Supergirl voa a Smallville

    [20:07 16/06/2007] Diversos médios de comunicación americanos confirmaron que a série Smallville engadirá ao seu repertório de persoaxes a ún clásico dos cómics da DC no seu retorno na séptima tempada que dará comezo en outono: Supergirl.

    Así, Clark Kent (Tom Welling, xa case tan "mozo" coma os protagonistas de "Al salir de clase") descubrirá que non é o único supervivinte da destrución do planeta Krypton: a súa curmá Kara foi enviada á Terra nun foguete que chegou ao mesmo tempo có do bebé Kal-El.

    O produtor executivo Al Gough revelou que "houbo un problema, e ela ficou en animación suspendida durante os últimos dezaséis anos. Descubriremos no comezo da nova tempada que o rebentón do encoro no remate da anterior tempada é a razón pola que ela esperta".

    Kara/Supergirl axudará a Clark a se poñer en contacto coas súas raíces kryptonianas, dixo Gough. "Co seu pai adoptivo morto, a súa nai adoptiva que se mudou a Washington para se converter en Senadora e Lana que marchou, de súpeto vai haber algo de família na súa vida", engadiu.

    Kara ten todos os poderes de Clark e un par que ainda non, desvelou Gough. "Ela pode voar", dixo. "E a súa resposta cando Clark lle pregunte por que será, obviamente, que as rapazas maduran antes cós rapaces".

    Kara fará o seu debut no primeiro episódio da nova tempada da série e aparecerá en média dúcia de episódios máis. A nova oficial co nome da actriz que interpretará a Supergirl ainda non se deu a coñecer, pero os produtores agardan poder facelo no decurso da convención internacional do cómic en San Diego, a Comic-Con International a celebrar no mes de xullo.

  • [22:14 28/04/2007] A protagonista de Spiderman 3, Kirsten Dunst, desvelou nunha recente entrevista que se vai poñer após das cámaras para facer o seu debut coma directora cunha curtometraxe fantástica que será parte da série de curtos que produce a revista Glamour dirixidos á muller e baseados en contos remitidos polos lectores da revista. A película, que ainda non ten un título, estará protagonziada pola mesma Dunst e pola súa amiga na vida real Michelle Williams e será un conto de pantasmas clásico, segundo dixo Dunst.

  • [22:14 28/04/2007] Lawrence Kasdan foi contratado para escribir o remake de Fúria de titáns para a Warner Brothers. Este filme será o remake do clásico de 1981, no que o fillo de Zeus, Perseo, ten que salvar á princesa Andrómeda, capturar a Pegaso e matar a Medusa. Este será o primeiro filme fantástico de Kasdan dende Dreamcatcher (2003), o filme baseado na novela de Stephen King.


    Meteoro vai para a Nicktoons

    [15:51 23/06/2007] A Lionsgate ven de anunciar os seus plans para a súa primeira série de debuxos animados, unha nova versión da série clásica dos anos 60 Meteoro. Unha canle filial da Nickelodeon, a Nicktoons, vai emitir os primeiros 26 episódios.

    A nova série de Meteoro estreará-se o ano que ven, máis ou menos ao mesmo tempo cá película de acción real da Warner Brothers Speed Racer, que dirixirán os irmáns Wachowski. As dúas cousas en princípio non gardan relación, pero a Lionsgate revelou que a empresa considera que o filme será "un xigantesco veículo promocional para a marca Meteoro".

    Na nova série, o xove Meteoro entra nunha académia de pilotos para os condutores máis veloces da Terra e alí descubre que é o fillo do lendário Meteoro orixinal. Tamén descubre que ten un irmán, o novo Piloto X, do que nunca oira falar.

    Meteoro deixa abraiada á escola co seu Mach 6 (unha versión actualizada do orixinal Mach 5 de seu pai), o vehículo máis avanzado do universo, e que non usa gasolina. Meteoro e mais o Piloto X únen-se para evitar que uns falcatruáns rouben o Mach 6 e para averiguar quen está atrás da misteriosa desaparición de seu pai.

    Outros persoaxes que tamén regresarán serán Chispita , o irmán pequeno de Meteoro na série, e que agora é o director da académia, e mais o chimpancé Chito, que agora é un robot mecánico.

    Meteoro apareceu en antena por primeira vez en Galiza nos anos 70 e foi a primeira série de debuxos animados xaponesa que aparecía nas pequenas pantallas. A franquía tentou revivir dúas veces nos últimos anos: en 1993 con The New Adventures of Speed Racer e en 2002 con Speed Racer X, pero ambas as dúas séries non duraron moito.


    Forster dirixirá o seguinte Bond

    Marc Forster[15:51 23/06/2007] Marc Forster (Stranger Than Fiction, Finding Neverland) dirixirá a 22ª película, ainda sen título oficial, da franquía de James Bond, segundo anunciaron o mércores Michael G. Wilson e Barbara Broccoli, os produtores das películas de James Bond, a Sony Pictures Entertainment e mais os estudos Metro-Goldwyn-Mayer.

    Forster escomezará a traballar axiña co guionista Paul Haggis (Crash, Million Dollar Baby) sobre un esbozo que fixeran previamente Neil Purvis e Robert Wade. Daniel Craig repetirá o papel de James Bond no filme que sigue a Casino Royale, a entrega da saga con máis éxito comercial polo de agora. A nova película escomezará a se rodar en Pinewood Studios en Londres este decembro, para unha estrea que está posta nas axendas para o día 7 de novembro de 2008.


    O substituto de Harry Potter

    [20:08 16/06/2007] O editor Barry Cunningham, que deu a coñecer a série de aventuras do meigo xuvenil Harry Potter, asegura que ven de descubrir unha nova saga "máxica" na literatura infantil con Tunnels, unha novela que terá como protagonista a un arqueólogo. Cunningham propúxo-se encher o baleiro que previsibelmente deixará no mundo editorial infantil o remate das peripécias do feiticeiro Potter, cuxa derradeira novela, obra da escritora inglesa J.K. Rowling, publicará-se a finais do mes de xullo. Tunnels é unha história de ciéncia-ficción, escrita polos autores Roderick Gordon e Brian Williams, cuxa narración céntra-se ao redor dun neno arqueólogo que, ao cavar un túnel, descubre un mundo perdido baixo a cidade de Londres.

    Segundo Cunningham, o libro ofrece aos nenos "un portal dentro doutro mundo", ao xeito de Alicia no país das marabillas. "Souben dende a primeira páxina de Harry Potter que se trataba dalgo máxico". Con Tunnels tiven a mesma sensación, "ao descubrir un mundo de imaxinación alén das nosas vidas", indicou o editor ao xornal inglés "The Independent". Cunningham recoñeceu que a el mesmo, cando era neno, lle obsesionaba a ideia de descubrir outro mundo, "de atopar unha porta misteriosa que me levara a outra existenza.

    Os creadores de Tunnels, Gordon e Williams, comezaron a escribir o libro cando Gordon foi despedido do seu traballo como banqueiro na City londinense, o centro financeiro da cidade. A determinación de ambos por dar a coñecer a sua novela motivounos a editar eles mesmos unha edición limitada, que venderon en tan só un día nunha libraría local.


    King aproba 1408

    [20:07 16/06/2007] O director Mikael Håfstrom ven de revelar nunha entrevista que o mestre do terror Stephen King semellou compracido con 1408, a adaptación ao cinema que Håfstrom fixo do conto homónimo de King.

    "Sei que Stephen King mirou o filme hai unhas semanas, pero non nos atopamos", desvelou Håfstrom. "Encánta-me que a el seica gustou-lle".

    O sueco Håfstrom dixo que ten visto outras adaptacións de King, boas e malas, antes de entrar no proxecto, incluindo O relostro, Carrie e Misery. "Coido que os contos de Stephen King se prestan millor a se converter en películas, pero por suposto hai que extendelos dalgún xeito".

    O filme de 1990 Misery, en particular, abraiouno. "O sentimento alienador de estar aillado nunha habitación era importante, porque é unha situación moi semellante ao do persoaxe de John Cusack coa do persoaxe de James Caan en "Misery"", afirmou Håfstrom.

    En 1408, que está baseada nun conto extraído da escolma de 2002 de King Everything's Eventual, John Cusack interpreta a un escritor investigando e desmontando falsos fenómenos psíquicos até que chega á habitación 1408 do Hotel Dolphin, onde a xente morre misteriosamente.

    "Non sei por que algunhas adaptacións funcionan e por que outras non", explicou Håfstrom. "Estou moi contento de ter feito unha... a King realmente gustoulle o que John Cusack fixo co papel".

    O produtor Lorenzo di Bonaventura confirmou nunha rolda de prensa que King deu o seu visto bó á adaptación de 1408, que se estreará o 22 de xuño nos Estados Unidos.

  • [22:14 28/04/2007] Eric Roberts foi contratado para interpretar ao amo da Mafia no vindeiro filme de Christopher Nolan sobre Batman, The Dark Knight. Roberts comezará a rodaxe en xuño.

  • [22:14 28/04/2007] A Sony ven de negar os falsos informes que afirmaban que os piratas están xa a vender cópias ilegais de Spiderman 3 en China, ainda que o filme non se estreará até o 4 de maio. Seica o que venden os piratas nas rúas da ditadura asiática é a segunda parte da triloxía.


    Os heroes da Disney, co ecoloxismo

    [15:52 23/06/2007] Kim Posible, Kuzko, Kronic, Jake Long, Riley e Todd, todos eles persoaxes animados das séries máis populares que emite o Disney Channel protagonizan a campaña que comezou a se emitir o luns no devandito canle co propósito de mentalizar aos máis cativos de que aforrar enerxía é importante, sinxelo e moi efectivo para loitar contra o cambio climático xa que evita a emisión á atmosfera de CO2, principal causante do efecto invernadoiro.

    O início da campaña coincide coa celebración en Madrid de "España Solar", unha iniciativa que agrupa a institucións, empresas, artistas e organizacións para difundir o traballo que se desenvolve en España, cunha posición de liderazgo, ao redor das enerxías renovábeis; as cales, xunto á eficiéncia e o aforro, constitúen un factor imprescindíbel para frenr o deterioro do planeta.

    A campaña da IDAE, que se prolongará até o mes de setembro, contén mensaxes específicas referidos a aqueles eidos nos que os nenos poden actuar por si mesmos.


    Os Catro Fantásticos trunfan nos Estados Unidos

    [15:52 23/06/2007] Os superheroes dos Catro Fantásticos gañaron a batalla aos mafiosos de Ocean's 13 para acadar o cúmio da billeteira americana durante a fin de semana, segundo cifras prelimiares. As aventuras dos heroes do cómic obtiveron 57,4 millóns de dólares en venda de entradas, por riba do filme de atraco de casinos, que foi a máis vista a pasada fin de semana, pero nesta oportunidade conformou-se cun segundo posto e 19,1 millóns de dólares.

    En terceiro lugar quedou a comédia romántica Knocked Up e a terceira entrega das aventuras do capitán Jack Sparrow, interpretado por Johnny Depp, Piratas do Caribe: na fin do mundo, baixou ao cuarto lugar con 12 millóns de dólares, sumando un total de 273,8 millónes en catro semanas.

    No sexto chanzo colocou-se a entrega doutra saga, Shrek Terceiro, con 9,3 millóns, para seguir axuntando a súa fortuna que xa acada os 297,2 millóns de dólares nas cinco semanas que o animado ogro verde amosou no cinema os intentos de cumprir as súas obrigas na monarquía.

    Hostel: Part II, o sanguento thriller, obtivo a oitava posición con 7,1 millóns de dólares e as aventuras do Home Araña, Spiderman 3, ficaron na décima posición, con 2,5 millóns de dólares, o que levou a 330 millóns de dólares o seu abraiante total recadado en entradas.


    O Señor dos Aneis instála-se en Galiza

    O vestido da raíña Galadriel[15:52 23/06/2007] Coma xa vos adiantáramos hai meses, a exposición de obxectos das películas do Señor dos Aneis estará en Galiza a finais de xuño, concretamente en dúas sedes galegas, A Coruña (Cantón Grande 21-24) e Compostela (Rúa do Vilar 19), a partir do 23 de xuño até o 16 de setembro deste ano, de luns a domingo de 12:00 a 22:00 horas. Os prezos oscilan entre os 2 euros (entrada a unha sede), os 3 euros (entrada ás dúas sedes) ata os 10 euros de "O Pase do Anel" (con el se poderá visitar sen limitación de veces a exposición ata o seu peche en setembro). Non se permite a entrada con ningún tipo de bolsa de man nin cámara de fotos ou vídeo nesta exposición.

    Algúns dos obxectos que se poderán ver alí estaban na Exhibición do Señor dos Aneis en Londres: traxes, alfaias, armas, recreacións de monstros, ilustracións orixinais... Poderá-se ver o traxe de noiva de Arwen, o vestido da Raíña Galadriel ou a toga branca de Gandalf, xunto coa armadura do Rei Théoden e os traxes de Aragorn, Legolas e Saruman, entre outros. Ao visitante se lle ofrecerá a posibilidade de tocar coas suas mans algunhas das armas e cotas de malla utilizadas nas películas. Tamén se poderán ver figuras a tamaño real dalgúns persoaxes, coma o busto de Bárbore, Gollum ou o cadáver de Boromir depositado na barca de Lórien, e unha enorme estátua do Troll de Moria. Tamén terán a oportunidade de probar a técnica de escalado de persoaxes e sentir-se hobbits ou xigantes...

    Os sócios do Smial de Arthlond, da Sociedade Tolkien Española, servirá de guía pola cidade á xente que decida acudir á inauguración o día 22 de xuño pola mañán na Coruña. O 23, durante a inauguración ao público, os sócios da STE irán vestidos coma os persoaxes da Terra Média.


    Prémios Locus 2007

    [15:52 23/06/2007] O pasado 16 de xuño anunciáron-se os gañadores dos Prémios Locus 2007, que son votados polos lectores da famosa revista americana do mesmo nome e que, tradicionalmente, se consideran un anticipo dos Prémios Hugo, que se dan durante o verán. A lista completa de gañadores vai deseguido:

    • Novela de ciéncia ficción: Rainbows End, de Vernor Vinge
    • Novela de fantasía: The Privilege of the Sword, de Ellen Kushner
    • Primeira Novela: Temeraire: His Majesty´s Dragon/Throne of Jade/Black Powder, de Naomi Novik
    • Novela xuvenil: Wintersmith, de Terry Pratchett
    • Novela curta: Missile Gap, de Charles Stross
    • Relato Longo: When Sysadmins Ruled the Earth, de Cory Doctorow
    • Relato Curto: How to Talk to Girls at Parties, de Neil Gaiman
    • Revista: The Magazine of Fantasy and Science Fiction
    • Editorial:Tor
    • Antoloxía: The Year´s Best Science Fiction: Twenty-Third Annual Collection, de Gardner Dozois
    • Série de relatos: Fragile Things, de Neil Gaiman
    • Director editorial: Ellen Datlow
    • Ilustrador: John Picacio
    • Ensáio: James Tiptree, Jr.: The Double Life of Alice B. Sheldon, de Julie Phillips
    • Libro ilustrado: Spectrum 13: The Best in Contemporary Fantastic Art, de Cathy e Arnie Fenner


    Todo listo para rodar Star Trek XI

    Roberto Orci[15:51 23/06/2007] Roberto Orci, quen xunto co seu colega Alex Kurtzman é o encargado de escribir o guión para o novo filme da saga de Star Trek, filtrou nunha recente entrevista que ven de rematar o seu traballo, o cal deixa ao filme en periodo de preprodución até que a rodaxe escomece en novembro baixo a dirección de J.J. Abrams. "Ainda estamos a facer os cástings", dixo Orci mentres promocionaba o seu filme arestora nas salas de cinema, Transformers de Michael Bay.

    Sen revelar nada ou moi pouco sobre o argumento para este novo filme, Orci ofreceu unhas poucas pistas. "Kirk está na película", dixo. "Algún tipo de Kirk... Literalmente, ainda non fixemos o cásting para el. É un dos verdadeiros retos, e agardamos ter algo para a Comic-Con [en San Diego en xullo], pero xa veremos".

    Orci engadiu que os produtores están loitando duramente para fichar aos actores. "Ese é ún dos debates, sabes?" dixo. "Por exemplo, faría dano poñer unha face famosa ou non?". E verbo dos rumores que apuntan a que Matt Damon estaría disposto para ser Kirk e Adrien Brody Spock, Orci tan só sorriu: "Eu tamén lin eses rumores".

    Será a nova película de Star Trek o punto de partida para unha posíbel série de televisión? "Estou seguro de que a CBS está a pensar niso", comentou. "Iso non é algo no que esteamos a pensar. Só estamos a pensar na película. Certamente, non sei como poderían non prantexarse iso".


    Black será o profesor de meigas

    [15:51 23/06/2007] Jack Black e Todd Phillips axuntarán as súas forzas por primeira vez na comédia sobrenatural da Warner Brothers Man-Witch. Neste dúo, Black será o protagonista e Phillips o director.

    Na comédia, Black interpretará a un profesor de escola que de súpeto descubre que ten poderes máxicos. Capturado por unha aemblea de bruxas, é obrigado a ser o mestre dunha escola de meigas, e alí descubre que todas as alumnas son rapazas.

    Jay Reiss, quen está arestora a traballar en Broadway coa obra The 25th Annual Putnam County Spelling Bee, está a escribir o guión baseado nunha ideia orixinal de Josh Stolberg e Bob Florsheim.

  • [1:33 05/05/2007] A novela de M. John Harrison Nova Swing gañou o prémio Arthur C. Clarke, que recoñece á millor obra de ciéncia-ficción publicada en Inglaterra o ano pasado. O anúncio fíxo-se público o pasado día 2 no decurso da Sci-Fi-London, o 6º festival de ciéncia-ficción e cinema fantástico de Londres.

  • [15:22 29/04/2007] O alcalde de Lugo, Xosé Clemente López Orozco, presentou un videoxogo este sábado dentro das iniciativas da súa campaña electoral. Segundo o socialista, o proxecto enmárca-se dentro da "aposta" que realiza o seu partido "pola promoción das novas tecnoloxías" e pretende que "os lugueses participen" na creación da cidade. O videoxogo comeza cando Orozco é secuestrado por un científico que o leva até o pasado desde onde colaborará con personaxes ilustres e representativos da cidade para conseguir reconstruíla e chegar ao presente.

  • [19:20 20/04/2007] As estrelas da Guerra das Galáxias Mark Hamill e Carrie Fisher uníron-se ao director George Lucas e a outros 50 actores e membros da equipa que participaron na clásica película de ciéncia-ficción para participar nunha festa o pasado 23 de abril no Teatro da Académia das Artes e as Ciéncias Cinematográficas de Beverly Hills, Califórnia. O encontro foi o pistoletazo de saida para as celebracións polo 30 aniversário da estrea da primeira parte da saga.


    O novo pai de Indiana Jones?

    Jim Broadbent[15:52 23/06/2007] O actor inglés Jim Broadbent é a nova fichaxe da recén escomezada rodaxe da cuarta entrega de Indiana Jones e todo fai pensar que fará de pai do arqueólogo aventureiro, ainda que a nova non foi confirmada. O anúncio fíxoo este mércores a sua produtora, a Lucasfilm, só uns días após da renúncia de Sean Connery, dende a páxina da Internet adicada á agardada película.

    Dadas as coincidéncias, esta fichaxe fai pensar no gañador do Oscar en 2001 por Iris coma posíbel novo actor para o papel do pai de Indy que interpretou Connery na terceira entrega, Indiana Jones e a derradeira cruzada (1989).

    Nombergantes, non hai ningunha información oficial nin sobre o guión nin sobre os persoaxes desta nova entrega ainda sen título, alén do traballo de Harrison Ford, quen retomará o látego e o chapeo como protagonista destas aventuras.

    Ademáis, a diferenza de idade pode facer difícil a confirmación de Broadbent coma pai de Indy, xa que por moito que o actor inglés acostume a interpretar papeis venerábeis (coma o de pai de Bridget Jones) o certo é que tan só ten 57 anos, oito menos ca Ford, quen está por cumprir os 65.

    A rodaxe da cuarta entrega de Indiana Jones comezou o pasado luns baixo a dirección de Steven Spielberg e con George Lucas coma produtor executivo, a mesma equipa que fixo posíbel esta billeteira saga dende o seu comenzo en 1981.

    Broadbent ven sumar-se a un reparto que inclúe xa a Cate Blanchett, Shia LaBeouf, John Hurt e Ray Winstone, ademáis de Ford, nos papeis principais da fita.

    Broadbent destacou en películas coma Moulin Rouge, O diário de Bridget Jones ou As crónicas de Nárnia e entre as suas vindeiras estreas está o telefilme Longford para a cadea de cabo americana HBO.


    Cameron Diaz entra na caixa

    Cameron Diaz[14:27 01/07/2007] Cameron Diaz ven de entrar en The Box, un thriller de terror que será dirixido por Richard Kelly. Sean McKittrick e mais Kelly producirán a través da súa empresa Darko Entertainment.

    A história xira ao redor dunha parella infelizmente casada que recibe unha pequena caixa de madeira á porta da súa casa. Ao premer nun botón, a caixa trae saúde inmediata para quen a posúa, pero ao mesmo tempo alguén morre algures, alguén a quen o posuidor da caixa non coñece.

    O guión, escrito por Kelly, é a adaptación dun conto do escritor de terror Richard Matheson titulado Button, Button e que xa foi a base para un relembrado episódio da série Twilight Zone dos anos oitenta.

    A Media Rights Capital, que xa estivo atrás do finanzamento de Babel, será quen poña todos os cartos para este filme, que contará cun orzamento ao redor dos trinta millóns de dólares. A rodaxe escomezará en novembro en Virginia.


    Vendida a lámpada marabillosa

    [14:27 01/07/2007] A DreamWorks ven de adquirir os dereitos para facer unha versión cinematográfica da série de libros de contos fantásticos para nenos Children of the Lamp e poñela en marcha con Nina Jacobson na produción. O guionista Lee Hall adaptará esta saga.

    Os tres primeiros libros da série fantástica do escritor P.B. Kerr venderon máis dun millón de cópias en todo o mundo. O seguinte da saga, que será o cuarto, está a agardar no prelo para sair en setembro.

    A série vai sobre as aventuras internacionais dunha família de "djinns" ou xénios que aparentan seren humáns, pero que teñen o poder de concederen desexos á xente.


    Os Transformers á tele

    Transformers[14:27 01/07/2007] A Cartoon Network Studios e mais a compañía de xoguetes Hasbro van coproducir unha nova série de debuxos animados baseada nos persoaxes dos Transformers, e que poderá ver-se nas pequenas pantallas a partir de xaneiro, cando se agarda que a popularidade da película do mesmo título (a estrear o 3 de xullo) estea no seu cúmio.

    Esta sería a cuarta ocasión na que unha série de debuxos cos Transformers coma protagonistas chega á Cartoon Network e a novena vez que chega a calquera outra canle dende 1984, pero é a primeira vez que a compañía Hasbro, creadora dos populares bonecos que deron orixe aos persoaxes, produza xunto á Cartoon no canto de o facer xunto a outras compañías xaponesas coma a súa parceira até de agora, a Takara.

    Os executivos da Cartoon e mais da Hasbro revelaron que a nova série, Transformers Animated, será sinificativamente diferente das anteriores, engadindo humor, persoaxes nunca vistos antes e unha nova premisa na que os Autobots loitan contra malvados humáns ao xeito dos superheroes no canto de teren coma rivais aos Decepticons, os tradicionais inimigos dos Transformers dende que a franquía saíu ao mercado en forma de xoguete en 1984.

    A série de debuxos non recollerá ningún dos temas que aparezan na da Paramount e a DreamWorks, que dirixiu Michael Bay.

    Na nova série da Cartoon, os robots terán moitas máis cualidades humáns, permitindo asemade aos nenos identificar-se cos persoaxes moito máis cá nas anteriores entregas.

    O plan é producir 26 episódios de média hora de duración cadanseu, así coma un especial de 90 minutos que servirá coma estrea para a série. Matt Youngberg (Teen Titans, The Batman) será o director encargado desta nova série, e Sam Register (Teen Titans) o produtor executivo.


    Fishburne será o Alquimista

    [14:27 01/07/2007] Laurence Fishburne e mais a A-Mark Entertainment veñen de adquirir os dereitos para converter en película para o cinema a novela O alquimista do escritor e seudo-filósofo brasileiro Paulo Coelho, todo elo baixo o paraugas da Warner Brothers Pictures na produción, ainda que Fishbourne e a A-Mark tentarán facer o filme eles mesmos, segundo revelaron á prensa.

    A Warners adquiriu os dereitos deste libro (que vai sobre unha viaxe filosófica ao redor do mundo na época da Inquisición) en 2003 como médio de poñer a Fishburne coma director dun filme. Dende que foi editado en 1988, o libro de Coelho foi traducido a 56 idiomas (si, esta vez entre eles está o galego) e vendeu máis de 40 millóns de cópias en máis de 150 países.

    Fishburne escribiu o guión para o filme e probábelmente será o director. Barrie Osborne (O Señor dos Aneis) producirá xunto á empresa Akeelah and the Bee, que pertence a Fishburne e mais Helen Sugland.

    O punto de vista dos cineastas sobre este libro foi descrito coma unha espécie de "Harry Potter encontra a Indiana Jones", cunha emocionante aventura centrada nun xoven español que se embarca nunha procura para atopar un tesouro agocho no interior das pirámides exípcias e remata descobrindo un tesouro persoal que vai alén dos seus millores soños.


    Conan muda de mans

    Conan o Bárbaro[14:27 01/07/2007] Semanas despóis de que a Warner Brothers perdera os dereitos sobre Conan o Bárbaro, a New Line podería ter a súa oportunidade e tentar facer un filme baseado no popular persoaxe literário de Robert E. Howard.

    A Warner pasou os últimos sete anos tentando facer un filme que mudara o curso dado polos filmes de Arnold Schwarzenegger cara a algo máis respectuoso coas novelas orixinais de Howard.

    Larry e Andy Wachowski, John Milius (o director do filme orixinal e coguionista xunto a Oliver Stone) e Robert Rodriguez foron algúns dos directores que estiveron nalgún intre implicados neste proxecto. Rodriguez foi o que lle andou máis preto, pero deixou o filme para facer Grindhouse. O ano pasado, a Warner tentouno por derradeira vez con Boaz Yakin, pero todo foi inútil e os dereitos mudaron de mans.

    A Warner tiña intención de facer o filme e todo estaba case listo, pero no último intre dubidaron porque ningún guión lles convenceu abondo. A Paradox, empresa propietária dos dereitos, e que lle ampliou o contrato á Warner até tres veces, non quixo ceder unha vez máis.

    Se a New Line acepta o trato, os estudos escomezarán de novo dende cero, xa que ningún dos guións da Warner foi desenvolvido axeitadamente.


    As flores do mal por 510.000 euros

    [14:26 01/07/2007] Un exemplar de As flores do mal, o libro de poesía fantástica do poeta simbolista francés Charles Baudelaire, acadou onte a suma récord de 510.000 euros nuna poxa en París.

    Tráta-se dun exemplar orixinal dese libro de poemas que seica regalou o mesmo Baudelaire ao pintor Eugène Delacroix, segundo precisou a casa de poxas Sotheby's de París.

    Datado en 1857, o libro levaba unha dedicatoria do poeta na que daba "testemuña dunha eterna admiración" ao pintor.

    O seu valor estimado de saída estaba situado nuna forca entre 300.000 e 400.000 euros.

    Este exemplar era a xoia da poxa de manuscritos e de libros antigos efectuada onte no Sotheby's de París.


    O señor dos aneis en musical

    Unha escena do musical[20:53 23/06/2007] Dous anos despois do cincuentenário da publicación da triloxía de J.R.R. Tolkien, e pasados catro dende que Peter Jackson pechase con O retorno do rei a adaptación cinematográfica de O señor dos Aneis, Londres acolle un musical cuxa estrea mundial tivo lugar o ano pasado na canadiana Toronto.

    Finalmente, a Terra Média converteu-se en realidade tras catro anos de esforzo co musical mais caro e espectacular da história do West End.

    Cun orzamento duns 18,6 millóns de euros, a popular triloxia de Tolkien cobrou vida da man do director e guionista inglés Matthew Warchus, que logrou transportar o espírito do mundo de Tolkien a un espectáculo teatral.

    A forma coa que leva ao escenário a história de Frodo, un hobbit protagonizado por James Loye que herda un anel co poder de governar a todos os povos da Terra Média, é espectacular.

    Os decorados, cunha representación da Terra Média que estende os seus bosques até a pratea, a máxica desaparición de Frodo cando se pon o anel, os fantasmagóricos xinetes de negro e unha araña xigante son só alguns exemplos dunha inventiva posta en escena que provoca os aplausos nun teatro, o Theatre Royal, abarrotado de público.

    O descenso desde as árbores da princesa élfica Galadriel, os efeitos especiais, as montañas e vales conseguídas grazas ás subas, baixadas e xiros dunha roda giratoria que abrangue todo o escenário, ou a recreazón dos orcos, conseguen facer da obra un mundo alternativo que se fixa en cada detalle.

    Nombergantes, adaptar as mais de mil páxinas do best-seller de Tolkien a tres horas de representación teatral repercute nun guión ao que lle falta tempo para caracterizar aos personaxes.

    Con saltos ás veces bruscos no decurso da história, o maior sacrifício respecto á obra orixinal é a Guerra do Anel, que enfronta aos povos libres da Terra Média cos exércitos de Sauron.

    Ainda que a adaptación teatral reduce a guerra a un par de batallas, as proxeccións dos enfrontamentos en teas superpostas, xunto ás que se libran no escenário cos orcos, conseguen recrear os poucos minutos que dura a escena en tres dimensions.

    A música do compositor índio A.R. Rahman, o grupo finlandés Varttina e Christopher Nightingale contribuen a reforzar a atmosfera dunha saga épica que, na sua versión teatral, consegue separar a barreira entre o escenário e a audiéncia en múltiples ocasións.


    Desvelan o suposto final de Harry Potter

    Harry Potter[15:52 23/06/2007] Un pirata informático asegura que conseguiu facerse cunha cópia dixital de Harry Potter and the Deathly Hallows, o séptimo e derradeiro libro da saga de Harry Potter, e que por elo coñece o final. O hacker, alcumado Gabriel, sinalou que publicaba a información "para facer aburrida e inútil a lectura do vindeiro libro". A editorial Bloomsbury Publishing advertiu, nombergantes, de que os dados poderían ser falsos.

    Durante meses, os seguidores do xove meigo debatiron sobre se Rowling mataba a Harry ou a ún dos seus millores amigos, Ron Weasley e Hermione Granger, no derradeiro libro, que sairá á venda o 21 de xullo. Gabriel publicou información na web InSecure.org que, de ser certa, respondería a esa pregunta.

    Os editores de Harry Potter esforzaran-se moito por manter en segredo o remate e preservar a multimillonária empresa de entretemento que rodea ao xoven feiticiero.

    Un voceiro da Bloomsbury no quixo realizar comentários sobre as afirmacións do hacker.

    Kyle Good, voceira da distribuidora americana Scholastic, non revelou se a información publicada é certa, pero aconsellou aos lectores ser escépticos sobre calquera cousa publicada na Internet de supostos dados sobre a trama do libro. "Hai moito lixo dando voltas", sostivo a voceira. "Consideren esta coma outra teoría máis", engadiu.

    De ser certas as afirmacións de Gabriel, poderían supoñer un problema para a Bloomsbury. Os libros de Harry Potter foron éxito de vendas en todo o mundo, os seus seguidores mercaron preto de 320 millóns de cópias, e existe unha grande expectación por Harry Potter and the Deathly Hallows.

  • [0:49 12/05/2007] A TerMa (Tertúlia do xénero fantástico de Madrid), após de deliberacións entre os seus membros habituais durante algúns meses, ven de tomar a decisión de por data de caducidade ao Prémio Pablo Rido de conto fantástico, que leva entregando dende fai máis de quince anos. Así pois, após da entrega do prémio da presente edición de 2007, convocará-se unha derradeira edición para 2008.

  • [0:49 12/05/2007] Mike Mitchell está en conversas para dirixir Shrek 4 para a DreamWorks Animation. Tim Sullivan escribiu o guión, que continúa coas aventuras do ogro Shrek e os seus amigos. Entre os filmes anteriores de Mitchell están Sky High e Deuce Bigalow: Male Gigolo, así coma un episódio dos debuxos animados de Bob Esponxa na televisión.

  • [0:49 12/05/2007] Este verán a Fundación Caixa Galicia ten programada para inaugurar a finais de xuño unha megaexposición sobre as películas de O Señor dos Aneis, repartida entre as suas sedes da Coruña e Compostela. Na exposición poderemos ver obxectos, armas, vestiário ou maquetas das que Peter Jackson utilizou na sua triloxía e que até hai moi pouco estiveron expostas en Alemaña.

  • [0:49 12/05/2007] Amazon.com ven de informar que xa se chegou ao primeiro millón de reservas feitas para mercar o libro Harry Potter and the Deathly Hallows, o séptimo e derradeiro tomo da saga da franquía de J.K. Rowling e que aparecerá a finais de xullo. O prezo do libro está entre os 17,99 e os 18,89 dólares (uns 15 euros no caso máis caro). Máis de 620.000 cópias foron reservadas nos Estados Unidos, e unhas 250.000 en Inglaterra. En abril, a libraría online Barnes & Noble xa anunciara que as reservas para este libro superaran as 500.000.

  • [1:33 05/05/2007] As cinzas do actor de Star Trek James Doohan por fin foron enviadas ao espazo o pasado sábado. Os restos de quen interpretara a Montgomery "Scotty" Scott na série de televisión e nas películas, partiron a bordo dun foguete espacial dende Las Cruces, New Mexico. Após do vóo, as cinzas foron devoltas á Terra grazas a un paracaídas. A viúva do actor, Wende Doohan, dixo: "é incríbel o técnico e perfecto que foi todo". Doohan finou aos 85 anos no ano 2005.


    LucasArts confirma a espada láser na Wii

    [14:52 01/07/07] Como parte do remate da mesa redonda celebrada no decurso do cúmio "Hollywood & Games" en Los Angeles, Jim Ward, Presidente da LucasArts, falou da tantas veces mencionada cuestión dun xogo que incorpore a espada láser da Guerra das Galáxias na plataforma de videoxogos de Nintendo, a Wii, e dixo que a súa empresa ten xa prototipos internos que utilizan o control remoto da popular plataforma.

    En resposta a unha pregunta do moderador, un xornalista da revista "Newsweek", Ward dixo: "Xa estamos aí, e internamente xa xogamos cun xogo de espada láser na Wii. Éche ben divertido, e faremos ún".

    Ademáis, engadiu que o concepto enteiro dun título que utilice a espada láser coa Wii de Nintendo Wii está "...xa listo! Haberá algo que levar á boca este outono, vai ser moi divertido".

    Nombergantes, non está claro se Ward podería estar a se referir á saga Lego Star Wars: The Complete Saga, que debutará a finais deste ano en múltiples formatos, incluindo á Wii, ou se a súa empresa planea facer algo máis cos xogos da Guerra das Galáxias, algo que ainda non anunciaran antes.

    Sen dúbida haberá máis revelacións sobre os vindeiros títulos que planea a LucasArts no decurso da feira E3 en Los Angeles, que se celebrará dentro duns días.


    Gañador do prémio Pablo Rido 2007

    [16:38 07/07/2007] Manuel López del Cerro co seu relato Más allá de los puertos levou o prémio Pablo Rido, organizado pola Tertúlia Madrileña do xénero fantástico (TerMa).

    O venres 29 de xuño tivo lugar a cea de entrega da decimoquinta edición do Prémio Pablo Rido de relato fantástico, cunha dotación económica de 666 euros e unha estatuíña conmemorativa.

    O xurado declarou gañador do prémio ao conto Más allá de los puertos, de Manuel López del Cerro.

    Ademáis do gañador, os finalistas deste ano foron: Carlos Gardini, autor de Fantasmas, Antonio J. Cebrián Berruga, autor de El laberinto de Kernov, Miguel Ángel López Muñoz, autor de Géminis e Alejandro Carneiro, autor de Un hitita entre las gabardinas.


    Nome clave: Cloverfield

    [16:38 07/07/2007] Seica o guionista Matt Reeves (Under Siege 2) podería ser o director da vindeira produción de J.J. Abrams, o filme de monstros que polo de agora leva por título Cloverfield.

    O parceiro habitual de Abrams, Bryan Burk (Perdidos, Star Trek), producirá o filme, cuxo título real polo de agora non se coñece. O antigo guionista de séries coma Perdidos ou Buffy Cazavampiros Drew Goddard será probábelmente o autor do guión.

    Un primeiro tráiler deste filme podería estar listo para sair xunto ao filme da Paramount Transformers, e a película mesma podería estrear-se contra o 18 de xaneiro.


    Finou Fred Saberhagen

    Fred Saberhagen[16:38 07/07/2007] Fred Saberhagen, o escritor americano famoso pola súa série sobre os berserkr, finou o pasado venres vítima dunha longa enfermidade.

    Segundo revelou a revista Ansible no seu último número, o escritor de ciéncia-ficción e fantasía Fred Saberhagen, nado en 1930, finou o pasado día 29 de xuños á idade de 77 anos por mor dunha longa enfermidade.

    Os seus primeiros relatos apareceron en 1961 nas revistas Galaxy e If, e publicou o seu primeiro libro, Berserker en 1967, o primeiro sobre unha série de máquinas asasinas interestelares, programadas para destruir toda forma de vida. Esta série foi a que lle deu maiores éxitos da sua carreira.

    Os máis de 60 libros que escribiu Fred Saberhagen inclúen a série de Empire of the East, iniciada con The Broken Lands (1968), a serie sobre Drácula, que comezou en 1975 con The Dracula Tape, e dúas obras escritas con Roger Zelazny, Coils (1981) e The Black Throne (1990).

    O seu derradeiro libro publicado foi Ardneh´s Sword (2006).

    A súa família anunciará unha data para celebrar o funeral católico ao longo deste ano e solicitou que se fixeran doazóns ás onegués Médicos sen Fronteiras, Catholic Relief, SFWA Emergency Medical Fund, e John 23rd Catholic Church en Albuquerque.

  • [0:49 12/05/2007] Dwayne "The Rock" Johnson revelou que o director Peter Segal se puxo en contacto con el co interese de coñecer a súa dispoñibilidade para interpretar ao Capitán Marvel na vindeira película Shazam!. Polo de agora non se coñece a resposta que lle deu.

  • [0:49 12/05/2007] Continúa a procura nas montañas de New Mexico da cápsula que contén as cinzas do antigo protagonista de Star Trek James Doohan e doutras 200 persoas, que foron enviadas ao espazo o pasado 28 de abril, e que caíron preto daquel área.

  • [17:35 13/05/2007] O director Barry Sonnenfeld está a negociar a súa incorproación ao filme de acción e aventuras sobrenaturais The Box, unha produción da 20th Century Fox que conta cun guión de Evan Spiliotopoulos e que subpón unha nova ollada ao mito da caixa de Pandora.

  • [17:35 13/05/2007] Gina Holden (Os Catro Fantásticos) ven de ser contratada para interpretar a Dale Arden, a protagonista feminina da vindeira série da SCI FI Channel Flash Gordon. O papel principal está reservado para Eric Johnson (Smallville), quen interpreta a Flash. Jody Racicot (Night at the Museum) será o Dr. Hans Zarkov, e John Ralston (Earthstorm) o malvado Ming.

  • [0:49 12/05/2007] Eddie Murphy protagonizará a adaptación da Columbia Pictures para a pantalla grande da série de televisión Fantasy Island, interpretando coma adoita ser habitual nel a vários persoaxes á vez. O filme estaría baseado nunha série emitida entre os anos 1978-1984 e protagonizada por Ricardo Montalban.


    Harry Potter e a guerra da información

    Harry Potter[16:38 07/07/2007] Un suposto hacker alcumado Gabriel fíxo-se co texto do último libro da saga de Harry Potter e publicouno na Internet para disgusto da editorial e pracer dos fans máis impacentes. Certo? Seica non. Pouco despóis de que a nova saltara a médios de todo o mundo apareceron mensaxes dos supostos responsábeis da acción, que sinalaban que se trataban dunha brincadeira, unha demostración do diado que é coar información falsa nas redes de novas actuais.

    "En menos de 48 horas a nova falsa chegou a máis de 200 médios [incluindo algúns tan prestixiosos coma a BBC, a CNN ou a axéncia Reuters], máis de 10.000 blogs e moitas televisións, dende a Índia a Sudamérica", afirman os supostos responsábeis da acción nos foros de Google. Noticiasdot afirma que entrevistou a ún deles. Utiliza o alcume de Luther Blisset e asegura que o obxectivo que perseguen é que "a xente pense sobre os riscos da contaminación informativa e da manipulación dos médios de comunicación porque un día vostede pode rendirse convencido de que vive nunha democrácia só porque a televisión e os diários o din".

    Para acadar a súa "fazaña" só tiveron que enviar várias mensaxes a un feixe de médios e unha axéncia de seguranza, e estes se encargaron de espallar a nova sobre o pirateio do libro de Harry Potter. "Ninguén comprobou a información. Todos os médios reproduciron exactamente o que necesitaron para facer as novas", afirma.

    En diversos médios da Rede fían-se da história que conta Blisset, ou case, porque "coñeceron unha série de informacións que no trascenderon aos médios até agora e que non poideron ser confirmadas, pero que son corroborábeis e, polo tanto, semellan indicar que a história é real".


    Spacey será Lex Luthor outra vez

    Kevin Spacey[19:58 13/07/2007] Kevin Spacey regresará ao seu papel de Lex Luthor en Superman: Man of Steel. O director de Superman Bryan Singer reuniu-se con Spacey en New York mentres que aquel estaba ainda interpretando o papel protagonista da obra de teatro Moon for the Misbegotten de Eugene O'Neill en Broadway, até hai uns días.

    Singer está por escomezar a rodar esta secuela do super-heroe que fará para a Warner Brothers. O co-guionista de Superman Returns Michael Dougherty está rematando o libreto que servirá de base ao filme.

    Após de que Singer remate Valkyrie e The Mayor of Castro Street, o seu seguinte proxecto é facer Man of Steel, o que acontecerá o ano que ven. A estrea do filme produciría-se para o ano 2009.


    De Omen ás Cousas Perdidas

    [19:58 13/07/2007] O director John Moore (The Omen) ven de se facer cos dereitos para pasar ao cinema o libro de fantasía escura The Book of Lost Things, do escritor irlandés John Connolly.

    Publicado o ano pasado, o libro vai sobre un neno inglés de 12 anos cuxa nai morre e o seu pai casa de novo. Cando se abre un portal a outro mundo, o neno entra nun mundo de bestas e monstros que deberá dominar se quere regresar á súa casa.

    Os créditos de Moore inclúen filmes coma O vóo do Fénix e Behind Enemy Lines.


    Potter recada dous millóns de euros nun só día

    [3:42 15/07/2007] A quinta entrega do aprendiz de meigo Harry Potter acadou case dous millóns de euros no primeiro día de exhibición nas salas españolas o mércores, convertíndo-se na estrea más billeteira dos que non se realizaron nun venres, segundo ven de anunciar a distribuidora do filme, Warner Bros.

    A expectación coa que os fans de Potter agardaban a última aventura da saga, Harry Potter e a Orde do Fénix, logrou que en só un día de exhibición, a fita acadara esta cifra de recadación nas máis de 600 pantallas nas que se proxectou.

    Esta cantidade converte á quinta entrega de Potter na película non estrenada en venres - día habitual de lanzamento - máis billeteira de todos os tempos, e a sexta estrea con máis éxito en caixa da historia, reiterou a Warnes Bros Pictures.

    Ademáis, o aprendiz de meigo conseguiu millorar nun once por cento os resultados da anterior película da saga, Harry Potter e o cáliz de fogo, que si se estreou un venres.

    Nesta ocasión, Harry interpretado por Daniel Radcliffe, Hermione, á que dá vida Emma Watson e Ron ao que interpreta Rupert Grint, afrontan un novo ano na escola de Hogwarts, onde el Ministério de Máxia intenta impoñer un domínio case totalitário a través da profesora Dolores Umbridge.

    A história do célebre personaxe inglés comezou hai agora dez anos, cuando a daquela descoñecida escritora Joan K. Rowling conseguiu publicar Harry Potter e a pedra filosofal, o inicio do que no era máis ca unha saga de libros infantís sen excesivas pretensións.

    Dende aquela venderon-se máis de 325 millóns de exemplares publicados e traducidos a máis de 60 idiomas e que deron lugar, até agora, a catro superproduccións cinematográficas que superaron amplamente os 3.500 millóns de dólares de recadación a nivel mundial, aos que haberá que sumar o acadado pola quinta entrega da saga.


    Faulks escribirá o novo James Bond

    Sebastian Faulks[20:00 13/07/2007] Sebastian Faulks foi finalmente o autor elixido para escribir a nova entrega oficial das novelas de James Bond.

    O escritor inglés, cuxos libros publicados inclúen Birdsong e Charlotte Gray foi encargado pola fundación dos herdeiros de Ian Fleming para facer este libro o ano pasado, pero o seu nome ficou no segredo até onte mesmo.

    Devil May Care, o título que levará esta nova entrega, estará ambientada "nalgunha das máis emocionantes cidades do mundo durante a Guerra Fría.

    O libro será publicado o 28 de maio do ano que ven para conmemorar o centenário do nacemento de Ian Fleming, o escritor que creou ao superaxente 007.

    A fundación Fleming anunciara o ano pasado que viña de encargar a un "moi coñecido e respectado" escritor a tarefa de continuar coa saga das aventuras de James Bond.

    Faulks, de 54 anos, dixo que este libro é "Fleming nun 80%" e admitiu estar abraiado pola elección da fundación Fleming: "fiquei abraiado pero lisonxedo cando o ano pasado a fundación Fleming pediu-me que escribira unha secuela de Bond para o centeário de Ian Fleming. Contestei-lles que non lera un libro de Bond dende os 13 anos, pero cando os relín disfrutei de novo e vin que podía facer algo do mesmo estilo".

    O derradeiro libro que escribiu Fleming da súa saga de 14 entregas das aventuras de James Bond foi Octopussy and the Living Daylights, que se publicou en 1966, só dous anos antes de que morrera.

    Corinne Turner, directora da Ian Fleming Publications, dixo: "A família Fleming está encantada co manuscrito dende que o recebiu".


    As películas da Dygra distribuirán-se en 35 países

    [19:59 13/07/2007] A produtora galega Dygra Films ven de pechar un acordo de distribución internacional coa empresa americana Fantastic Films. Grazas a el, a partir de finais de verán, as películas en 3D de Dygra poderán-se ver en máis de 35 países.

    Manuel Gómez, o presidente da empresa galega, asegurou que, con este acordo, Dygra poderá competir coas millores producións de eido internacional. "Con este pacto está-se a gañar de maneira notória posicionamento en nivel internacional". Elo afectará a O espírito do bosque, que terá a sua estrea internacional en Toronto.

    O convénio coa distribuidora americana xestou-se o pasado maio, durante a pasada edición do Festival de Cans no Porriño. Aí, várias distribuidoras poideron ver o filme e acadou-se a colaboración con Fantastic Films, unha empresa interesada nas películas de temática infantil.

    Gómez explicou que na situación actual do cinema, a competenza con Hollywood é fortísima: "Só podemos, ou achegarnos a eles ou ficar relegados, pois no cinema actual unha baixa resposta do público na estrea, provoca que a tua película desapareza ao día seguinte".


    Un colaborador de NOVA acada o Prémio Xatafi-Cyberdark

    Santiago Eximeno[19:59 13/07/2007] Ven de se facer pública a acta dos gañadores dos Prémios Xatafi-Cyberdark da crítica de literatura fantástica 2007, concedidos ás millores obras de literatura fantástica, ciéncia-ficción e terror publicadas o ano anterior, e entre os gañadores deste ano está Santiago Eximeno, esporádico colaborador nas páxinas de NOVA fantasia e cuxo relato As colunas podedes ler aquí mesmo.

    A Asociación Cultural Xatafi en colaboración coa tenda on-line Cyberdark.net deu a coñecer aos gañadores dos Prémios Xatafi-Cyberdark, segundo o critério dun xurado composto por Ignacio Illarregui Gárate, J. Fidel Insúa, Cristobal Pérez-Castejón, Juan Manuel Santiago, Javier Vidiella, Mariano Villarreal e Arturo Villarrubia.

    A listaxe de gañadores vai de seguido:

    • Millor iniciativa editorial: Planeta-De Agostini, pola Biblioteca de Ciencia Ficción, de distribución en quiosques.
    • Millor relato estranxeiro: Aprendendo a ser eu, de Greg Egan.
    • Millor libro de ficción estranxeiro: Kafka na beira, de Haruki Murakami.
    • Millor relato español: Huerto de cruces, de Santiago Eximeno.
    • Millor libro de ficción español: Parientes pobres del diablo, de Cristina Fernández Cubas.


    Iniciativa para salvar a Harry Potter

    [19:59 13/07/2007] Milleiros de seguidores de Harry Potter veñen de asinar unha petición na que instan a J.K. Rowling a continuar escribindo as novelas sobre o xove meigo despóis de que a escritora admitira que "nunca diría nunca" a escribir máis libros.

    A petición "Salvade a Harry!" solicita a Rowling que dea marcha atrás na sua decisión de abandoar a série supervendas coa sétima e derradeira entrega, Harry Potter and the Deathly Hallows.

    "A millóns, se cadra a miles de millóns de nós, encánta-nos ler as súas aventuras e non queremos que rematen nunca", di a petición online, que apareceu o lunes en www.saveharrypotter.co.uk.

    Após de pasar 17 anos escribindo libros, Rowling dixo que estaba "eufórica" e "esmagada" ante o fin da saga.

    Pero nunha entrevista televisada, deixou aos seus seguidores a posibilidade tentadora, ainda que remota, de que un día poidera volver ao mundo máxico de Hogwarts.

    "Coido que a história de Harry chega ao remate no número número sete", dijo á BBC a fin de semana. "Pero sempre dixen que nunca diría nunca", engadiu.

    "Non podo dicir que nunca vaia escribir outro libro sobre ese mundo, simplemente porque qué sei eu se dentro de dez años quererei volver a el. Pero coido que é pouco probábel", engadiu.

    Ainda que escriba outro libro, non está claro se algúns dos principais persoaxes, incluido Harry, estarían nel.

    Rowling dixo que algúns dos persoaxes morrerán no derradeiro libro, pero que non diría se o neno meigo está entre eles: "Non é un baño de sangue, pero son más de dous", dixo.

    As librarías Waterstone, que patrocinan esta iniciativa, dixeron que Rowling podería escribir máis libros sobre Potter ainda que o persoaxe morrera.

    Por outra banda, o protagonista da série de Harry Potter no cinema, Daniel Radcliffe, deixou antonte as pegadas dos seus pes e mans e tamén a da súa variña máxica no popular Paseo da Fama de Hollywood, coma prolegómeno da estrea onte do filme Harry Potter e a Orde do Fénix.

    A autora vendeu máis de 325 millóns de exemplares dos seus seis primeiros libros en todo o mundo, o que a converteu en multimillonária. O derradeiro libro da saga sairá ao mercado este mesmo día 21 de xullo.


    Titan gaña o prémio Campbell

    Capa do libro[19:58 13/07/2007] A novela de ciéncia-ficción de Ben Bova Titan fo ia gañadora do prémio John W. Campbell Memorial deste ano, que se concede á millor novela de ciéncia-ficción. O gañador foi feito público no decurso da Conferéncia Campbell celebrada a pasada fin de semana conxuntamente pola Heinlein Centennial e mais a Science Fiction Research Association Conference en Kansas City, Missouri.

    The Last Witchfinder, de James Morrow, foi a segunda clasificada, mentres que para o terceiro posto houbo un empate entre Farthing de Jo Walton e Blindsight de Peter Watts.

    Os outros nominados eran A Small and Remarkable Life de Nick DiChario, Infoquake de David Louis Edelman, Nova Swing de M. John Harrison, Odyssey de Jack McDevitt, Living Next Door to the God of Love de Justina Robson, Dry de Barbara Sapergia, Sun of Suns de Karl Schroeder, Glasshouse de Charles Stross e Rainbows End de Vernor Vinge.

    Na mesma conferéncia, The Cartesian Theater de Robert Charles Wilson foi nomeado gañador do prémio Theodore Sturgeon Memorial deste ano, que se concede ao millor conto de ciéncia-ficción, novela curta ou relato longo.


    Proyas entra en Drácula

    [19:58 13/07/2007] Alex Proyas dirixirá Dracula Year Zero, o relato que a Universal Pictures fará sobre a vida de Vlad o Empalador.

    O filme, producido por Michael De Luca, é só ún dos moitos que se preparan actualmente sobre o nobre romeno que inspirou a famosa novela de vampiros de Bram Stoker.

    Proyas (Eu, Robot) deixou-se convencer polo guión de Matt Sazama e Burk Sharpless.

    O filme amosará a Vlad cando ainda estaba vivo e explorará o feito de que foi considerado un heroe en Roménia, por ceibar ao país dos turcos.

    Dracula Year Zero axuntará a Proyas con De Luca, que xa apadriñara Dark City cando era un directivo da New Line. É tamén unha das moitas películas sobre monstros que preparan os estudos, que teñen en carteira a terceira entrega da saga de A Mómia e un remake do lobishome que protagonizará Benicio Del Toro.

  • [20:45 26/05/2007] A derradeira escena da vindeira "Piratas do Caribe 3: Na Fin do Mundo" acontece despóis, e non antes, de pasar os títulos de crédito finais. Unha desgraza para todos os espectadores que adoitan abandoar a sala de proxeccións antes de tempo, e unha triste nova para as canles de televisión que sempre nos recurtan as películas polo final.

  • [14:04 17/05/2007] Maria Bello tomará o papel de Rachel Weisz da arqueóloga Evelyn Carnahan O'Connell na vindeira secuela da saga A Mómia. Brendan Fraser repetirá o seu papel de Rick O'Connell, xunto cos novos membros do reparto, Luke Ford, Jet Li e Michelle Yeoh.

  • [14:04 17/05/2007] Sobre a súa vindeira película, Alejandro Amenábar adiantou que non se trataba dunha comédia, nin as adaptacións de A Sombra do vento de Carlos Ruiz Zafón ou Ensaio verbo da cegueira de José Saramago. O seu novo proxecto é complicado, moi afastado do que fixo até agora, e que estará rematado nuns dous anos.

  • [14:04 17/05/2007] Ernest Dickerson (Contos da Cripta: Demon Knight) dirixirá The Un-Dead, unha nova volta de rosca á lenda do Drácula de Bram Stoker que seica esta vez procede da súa mesma família. O filme estará baseado nunha novela escrita polo bis-bisneto de Stoker, Dacre Stoker, e Ian Holt. Holt adaptou o libro á pantalla grande. A produción comezará no leste de Europa a finais deste ano e o argumento estará ambienatdo 25 anos despóis dos acontecementos orixinais da novela, que xa pertence ao domínio público. Entre os novos persoaxes estarán Jack o Destripador e a infame asasina Madame Bathory.

  • [14:04 17/05/2007] Tom Dey (Failure to Launch) dirixirá a película de aventuras familiares 2012 para a Nickelodeon Movies. O guión é de Tom Astle e Matt Ember, tamén autores da adaptación de O Superaxente 86. A história vai sobre unha família que marcha de vacacións xusto cando chega o fin do mundo profetizado polo calendário máia, o 21 de nadal de 2012.


    Indy 4 vai a Hawaii

    Indiana Jones[20:12 21/07/2007] A cuarta entrega de Indiana Jones ven de mudar o lugar de produción até a Illa Grande en Hawaii, onde completará tres semanas de rodaxe.

    Harrison Ford, de 65 anos, está de volta no chapeo e na chaqueta de coiro, mesmo ainda que moitas das súas escenas deberían ser rodadas por dobres: "[Harrison Ford] está a facelas el mesmo, só precisamos uns pacotes de xeo máis e unhas cantas masaxes", comentou a co-produtora executiva Kathleen Kennedy. "E mais unha chea de Celebrex [o nome dun medicamento contra a dór moi popular nos Estados Unidos]", engadiu o produtor Frank Marshall.

    A película xa pasou por outras localizacións de rodaxe en New Mexico e Connecticut. As frondosas áreas que rodean Hilo, en Hawaii, farán-se pasar por bosques tropicais sudamericanos.

    George Lucas e mais o director Steven Spielberg ainda non deron a coñecer cal será o título do filme, cuxa estrea está prevista para o 22 de maio de 2008, ainda que os lectores de NOVA teñen a oportunidade de decidir cal lles gustaría máis na nosa enquisa mensual.

    As maiores secuéncias de acción do filme se rodarán en Hawaii. Marshall comparou unha desas escenas coa famosa do camión en Á procura do arca perdida, pero non dixo moito máis.

    En Hawaii rodará-se ao redor do 20 por cento do filme, e outro 50% nos estudos de Los Angeles.

    Pola súa banda, o sítio oficial de Indiana Jones ven de postear un novo vídeo con escenas de "cómo se fixo" a película que ainda están a rodar co popular persoaxe. Nel póde-se ver ao heroe co seu chapeu e mais o látego, a súa chaqueta de coiro, a o director Steven Spielberg e mais ao produtor executivo George Lucas.


    Don Ninguén

    [20:12 21/07/2007] Jared Leto e Sarah Polley protagonziarán Mr. Nobody, un filme romántico de ciéncia-ficción do guionista e director Jaco Van Dormael.

    Mr. Nobody está inspirado polo efecto bolboreta, a noción da teoría do caos segundo a cal o bater de ás dunha bolboreta nunha parte do mundo pode ocasionar un trebón a miles de quilómetros de distáncia.

    Ambientada nun futuro non moi afastado, a história vai sobre un tal Nemo Nobody (Leto), un vello de 120 anos que é o derradeiro mortal rodeados de felices inmortais mentres recorda os seus anos de matrimónio.

    O filme será o primeiro en inglés do director belga Dormael, que levaba seis anos tentando converter en película este proxecto de seu.

    A produción, que escomezará esta mesma semana, ten un orzamento de entre 40 e 50 millóns de dólares e rodará-se en Bruxelas, Montréal e Berlín.


    Heroes, oito nominacións para os Emmys

    Heroes[20:12 21/07/2007] A série que emite a TVG Heroes varreu nas nominacións para os prémios Emmy con oito nominacións, mentres que Perdidos tivo que se conformar con seis para a 59ª gala dos populares prémios que se outorgan ás millores producións da televisión, os equivalentes dos Oscars. Nightmares & Dreamscapes: From the Stories of Stephen King levou cinco nominacións. A série Battlestar Galactica foi a cuarta máis valorada polo de agora, con catro candidaturas e Star Wars: The Legacy Revealed (da Canle da História) con tres.

    Heroes acadou nominacións á millor série dramática e ao millro actor secundário (Masi Oka, quen interpreta a Hiro Nakamura). Ademáis, obtivo unha nominación á dirección do millor episódio con David Semel, que se encargou do titulado Xénese. O resto foron nominacións técnicas.

    Perdidos recebiu unha nominmación ao millor secundário por Terry O'Quinn 8que fai de John Locke) e por Michael Emerson (que fai de Ben). Ademáis, recebiu nominacións ao millor guión e ao millor director no episódio Through the Looking Glass, que foi o de peche da terceira tempada.

    As nominacións de Battlestar Galactica foron igualmente polo guión e pola dirección de episódios soltos, pero tanto esta série coma Heroes compartiron candidatura aos millores efectos especiais.

    Outras séries fantásticas que obtiveron candidaturas aos Emmys inclúen a Medium (Patricia Arquette foi nominada á millor actriz) e o episódio Umney's Last Case da série Nightmares & Dreamscapes: From the Stories of Stephen King (onde o actor William H. Macy terá a oportundiade de gañar o prémio).

    O vindeiro 16 de setembro será a entrega dos prémios.


    Demanda por Terminator 4

    [20:12 21/07/2007] Os posuidores dos dereitos de Terminator 4 veñen de demandar á MGM, afirmando que os estudos están a interferir no seu dereito para negociar pola distribución da planeada cuarta entrega da exitosa saga.

    Halcyon Co. e os seus máximos valedores, Victor Kubicek e Derek Anderson, adquiriron os dereitos en maio, incluindo os das secuelas Terminator 2 e Terminator 3: Rise of the Machines e mais un guión dos escritores de Terminator 3 John Brancato e Michael Ferris, con plans para lanzar unha cuarta entrega con grande orzamento.

    Segundo a demanda presentada perante o Tribunal Superior de Xustiza en Los Angeles o pasado 18 de xullo, a MGM afirmaba que tiña os dereitos para negociar en exclusiva durante 30 días por Terminator 4 após da bancarrota nos anos 90 de Orion. Pero T Asset, o demandante e subsidiária da Halcyon, a Metro non ten eses dereitos que sfirma ter e só os está a anunciar para amolar as negociacións pola distribución. T Asset di que eses 30 días da MGM xa remataron hai moito e agora reclama unha indemnización da distribuidora.


    Hood fará Lobeto

    Gavin Hood recibe o seu Oscar[20:12 21/07/2007] A Twentieth Century Fox ven de encargar a Gavin Hood que dirixa a Hugh Jackman en Lobeto, o filme secuela de X-Men que contará cun guión de David Benioff.

    O filme, que comezará a se rodar en novembro coa vista posta nunha estrea en 2008, será producido por Lauren Shuler-Donner, o mesmo Jackman e o seu parceiro da Seed Productions John Palermo.

    Hood é o director sudafricano que gañou o Oscar de 2005 ao millor filme estranxeiro con Tsotsi. Estaba nunha listaxe de xoves directores que anceiaban encargar-se do persoaxe de Lobeto, e seica os produtores da Fox ficaron covnencidos após de mirar o seu último filme, Rendition, protagonizado por Reese Witherspoon, Jake Gyllenhaal, Meryl Streep e Peter Sarsgaard e que se estreará o vindeiro 19 de outubro en Toronto (Canadá).

  • [20:45 26/05/2007] A canle de televisión CW anunciou o pasado 17 de maio que ven de se facer cos dereitos sobre "Reaper", unha comédia sobrenatural sobre un lacazán que descubre que seus pais venderon a súa alma ao demo, obrigándo-lle a se converter nun cazarrecompensas ao servizo do inferno. A série debutará axiña nas pantallas americanas.

  • [20:45 26/05/2007] "Shrek Terceiro" acadou uns 122 millóns de dólares no seu debut o pasado 18 de maio, rachando o récord que posuía a mesma franquía ao millor debut dunha película de debuxos animados. As últimas aventuras do ogro verde sobrepasaron a "Shrek 2" (2004), o filme que mantiña o récord con 108 millóns. Ademáis, "Shrek Terceiro" acadou o terceiro posto dos millores debuts da história do cinema, só por atrás dos 151 millóns de "Spiderman 3" e os 135 millóns de "Piratas do Caribe 2".

  • [20:45 26/05/2007] Joel Silver producirá e Albert e Allen Hughes dirixirán "The Book of Eli", western post-apocalíptico con guión de Gary Whitta para a Warner Brothers. O argumento xira ao redor dun heroe senlleiro que debe viaxar por unha América destruida para protexer un libro sagrado que pode ser a chave que salve o futuro da humanidade.


    Apresentaçom de Os dominios de Gólgur

    [20:12 21/07/2007] De seguido reproducimos "tal cal" esta nova que miramos aparecida no blogue A festa do asno.

    O vindeiro martes dia 24 apresenta-se no Festigal (em Compostela, na explanada dos colégios maiores do Campus Sul) Os dominios de Gólgur, unha novela de fantasia em galego, escrita por John Alonso. A ediçom corre a cargo de Moisés Barcia (Rinoceronte Editora), e na apresentaçom falarám o escritor e mais o editor, e haverá também assinatura de livros e se cadra algum livro de balde (nom estaria mal).

    Há um par de meses tivem a oportunidade de ler a novela em pdf, e a verdade quedei gratamente sorprendido. Ainda que começa a um ritmo bastante baixo, cara à metade ganha muito. Os dominios de Gólgur está ambientada numha sorte de Galiza medieval na que nom existe o cristianismo, umha espécie de “what if”, para entender-nos. Nom se trata da típica novela de fantasia épica tipo Tolkien, senom que predomina o humor, lembrando por momentos a Terry Pratchett e inclussive a A espada rota de Poul Anderson. Como dado curioso, poderia comentar que os nobres galegos deste mundo também som roleiros (jogam algo chamado “teatro de roles” que vem sendo umha part