Singer na Fuga de Logan
[21:27 13/02/2006] Bryan Singer (X-Men) dixo nunha recente entrevista que ven de se reunir co guionista de Sospeitosos habituais, Christopher McQuarrie, para esbozar un libreto para o remake de A Fuga de Logan, un filme que tivo que agardar mentres remataba o seu vindeiro Superman Returns. Singer engadiu que ten previsto comezar a produción neste ano 2006 para unha estrea prevista en 2008.
"Estamos a rematar o guión", dixo Singer o pasado 11 de febreiro no decurso da WonderCon celebrada en San Francisco, na que apareceu por sorpresa para promocionar o próximo regreso de Superman ás pantallas. Ademáis, engadiu que vai comezar o traballo dende o punto no que o tivo que deixar cando fora contratado para Superman Returns, e que incluirá escenas con imaxes xeradas por computador.
Segundo Singer, esta nova versión da clásica película de 1976 xuntará conceptos da versión orixinal e da interpretación que dela faga o mesmo Singer, e terá lugar "nun ambiente único, ún que non miramos nunha película aínda".
A Fuga de Logan é un libro clásico de ciéncia-ficción, escrito por William Logan, e que vai sobre unha sociedade futura na que a xente ten que morrer aos 21 anos; foi adaptada ao cinema en 1976 nun filme que protagonizou Michael York, ainda que na versión para as pantallas grandes a idade da morte foi subida até os 30 anos.
[19:21 18/02/2006] Paul Levitz, presidente e Editor da DC Comics, será o autor dun cómic da Liga da Xustiza de América (a JLA), protagonizado polos clásicos superheroes da DC. Levitz antes de executivo fora un dos guionistas mais respectados da indústria do cómic americano dos anos 70 e 80, e non é a primeira vez que se pon ao fronte dos guións da Sociedade da Xustiza. Xa a finais dos setenta estivo á fronte dos mesmos, cando contaba con pouco mais de 20 anos. A série pola que mais xente lle lembra é a sua longa etapa á fronte da Legion of Superheroes, título que tivo que abandoar cando foi ascendendo como executivo en DC e non tivo tempo material para seguir facendo cómics de maneira regular.
[3:45 17/02/2006] A protagonista de O Reino dos Ceos, Eva Green, será a vindeira "rapaza Bond" que interpretará xunto a Daniel Craig a vindeira película da saga de 007, Casino Royale, segundo anunciaron os produtores Michael G. Wilson e Barbara Broccoli nunha rolda de prensa o 16 de febreiro. Green, unha actriz francesa, dará vida a Vesper Lynd nun papel que seica non estivo moi disputado estes meses, porque foi rexeitado alomenos por tres actrices, pero que evidentemente moitas outras menos importantes querían para si. Outros actores que tamén entrarán no reparto serán Mads Mikkelsen no papel do "malo oficial" e Jeffrey Wright como o axente da CIA Felix Leiter.
[3:45 17/02/2006] O director George Lucas foi honrado polo presidente dos Estados Unidos, George W. Bush, polos seus méritos no eido da tecnoloxía. O realizador da saga da Guerra das Galáxias recebiu o luns unha Medalla da Ciéncia e a Tecnoloxía polos efectos visuais innovadores da súa compañía no cinema. Lucas e mais o presidente da Industrial Light and Magic, Chrissie England, estiveron entre os 15 premiados polo seu traballo nunha cerimónia celebrada na Casa Branca en Washington D.C.
[3:45 17/02/2006] Platinum Dunes, a compañia de Michael Bay, será a responsábel de traer de novo á vida a Jason Vorhees e resucitar a franquícia da saga de Venres 13 cunha precuela. O guión, de Mark Wheaton, está aínda por rematar, e non hai novas sobre o director nin sobre o reparto, pero xa se sabe que esta entrega será un prelúdio do filme orixinal de 1980.
[3:45 17/02/2006] No decurso da pasada WonderCon, Frank Miller falou da súa nova novela gráfica, na que regresa ao mundo de Batman e esta vez con Holy Terror, Batman!, un remedo da popular frase de Robin (que na TVG foi traducida como "Santos morcegos!"). A cuestión é que desta volta, Gotham City será atacada polos terroristas de Al Qaeda e Batman deberá defender a súa cidade ao longo das 200 páxinas que terá o libro. Miller non se mordeu a língua á hora de definir a súa obra como "un anaco de propaganda" onde "Batman bate no cú a Al Qaeda".
[3:55 16/02/2006] Os produtores de Harry Potter veñen de confirmar a Gary Oldman para que repita no seu papel de Sirius Black en Harry Potter e a Orde do Fénix, mália os informes que nun primeiro intre sinalaban o contrário. Oldman, que aparecera nas anteriores dúas entregas desta popular saga, ainda non asinara para a súa terceira participación (a cuarta película) e iso que a rodaxe xa escomezara. Pero o produtor David Heyman insiste que ainda fica moito tempo para que Oldman asine o seu contrato. O actor, de 47 anos, está arestora a rodar unha película en Los Angeles baixo a dirección do realizador David Fincher.
[3:55 16/02/2006] A Académia de Cinema de Ciéncia-Ficción, Fantasía e Terror ven de anunciar os nominados á 32ª entrega dos prémios Saturno, e nesa listaxe destaca o filme de George Lucas A Vinganza do Sith, con dez candidaturas. Os galardóns serán entregados o vindeiro 2 de maio en Universal City, Califórnia. Batman Begins levou nove nominacións, mentres que As Crónicas de Nárnia e Harry Potter e o Cáliz de Lume levaron oito cada unha. A listaxe completa dos candidatos a estes peculiares prémios podédela atopar no seu sítio web oficial.
Sinbad presentou-se en Marrocos en árabe
[3:46 17/02/2006] O rei de Marrocos inaugurou o 10 de febreiro o 12º Salón Internacional da Edición e do Libro que se celebra na cidade de Casablanca, onde adicou-se o mércores pasado ás letras galegas coa presentación da primeira tradución ao árabe de Si o vello Sinbad volvese ás illas, a clásica obra de Álvaro Cunqueiro, que levaron a cabo Larbi El Harti e dous dos seus ex alumnos, Abdelilah Haki e Badina Nahass, para a editorial Marsam. Na presentación estiveron o editor en árabe e mais Carlos Lema en representación da Editorial Galaxia (responsábel da edición orixinal), o escritor e Notário César Cunqueiro (fillo do autor homenaxeado) e a secretária xeral de Política Lingüística, Marisol López Martínez, aos que se sumarían os presidentes do Pen Clube marroquino e galego en dúas mesas redondas posteriores sobre Galiza e mais a nosa literatura.
Os dous mil exemplares deste lanzamento que se distribuirán no país marroquino e por diversos puntos do mundo árabe é todo un acontecemento que recollen con amplitude os medios de comunicación, porque hai que ter en conta que Marrocos edita menos de catrocentos títulos ao ano en todas as linguas - moi lonxe dos máis de mil que aparecen só en galego para unha poboación que non acada nin a décima parte da comunidade galega - mentres importa unha gran porcentaxe de libros de Franza.
Larbi El Harti salientou que "todo o que vertemos das diferentes linguas do Estado español ao árabe é moi importante porque entra de cheo no que eu chamo didáctica democrática. É coma un chisco para facerlle ver á nosa xente que se pode convivir na pluralidade, porque tamén Marrocos está na obriga de admitir algún día a súa diversidade". Ademáis, engadiu que "a capacidade fabuladora do Sinbad que é Cunqueiro está moi próxima á de personaxes que aínda viven hoxe en Marrocos. Hai moitos, sobre todo no norte".
Javier Negrete gaña o III Prémio Minotauro
[3:53 16/02/2006] O escritor madrileño Javier Negrete obtivo o terceiro Prémio Minotauro de ciéncia-ficción e fantasía, dotado con 18.000 euros, pola sua obra Señores del Olimpo, na que fusiona a mitoloxía grega e a narración de aventuras.
O xurado estivo composto polo filósofo Fernando Savater, os escritores Ángeles Vallvey, Marcial Souto, M. Ángeles Mercader, Pedro Matesanz, Laura Falcó Lara, Francisco García Lorenzana e Rodolfo Martínez, este último gañador da edición do ano pasado pola sua obra Sicarios del Cielo.
Javier Negrete, gañador de numerosos prémios desde que publicou a sua primeira novela en 1992, aborda con Señores del Olimpo o amplo tema dos mitos gregos e constrúe unha aventura de tintes fantásticos, na que se misturan intrigas e paixóns entre criaturas de numerosas razas ancestrais, desde deuses e xigantes, até sátiros e centauros.
Entre os seus traballos más recoñecidos destacan La mirada de las furias, Prémio Ignotus á millor novela en 1998; Buscador de sombras, gañador do Prémio UPC de novela curta do ano 2000; ou Estado crepuscular, Prémio Ignotus e Gigamesh ao millor relato en 1994.
Licenciado en Filoloxía Clásica e profesor de grego no Instituto de Educación Secundária "Gabriel y Galán" de Plaséncia, adicou-se tamén á literatura xuvenil, con obras coma Memoria de Dragón e Los héroes de Kalanúm.
O xurado do certame literário de Ciéncia-Ficción e Literatura Fantástica premiou a obra de Negrete despois de destacar a alta calidade literária das catro obras finalistas.
Na sua terceira edición, convocada por Ediciones Minotauro e Cafés Marcilla, estes xovencísimos prémios posicionan-se entre os máis salientábeis do panorama internacional de literatura fantástica e de ciéncia-ficción, sendo o certame deste xénero cun prémio máis importante económicamente.
V de Vendetta e o terrorismo na Berlinale
[1:28 15/02/2006] V de Vendetta, o filme de James McTeigue con factura de cómic e paralelismos cos atentados do 11-S e de Londres, apresentou-se na Berlinale envolto na polémica sobre a sua suposta xustificación do terrorismo para combater as ditaduras.
"Eu non vou ditar á xente como debe ver o meu filme. Espero que moitos o vexan como un entretimento, pero por suposto hai tamén unha parte de controvérsia que espero xere discusión", dixo o director.
O filme, con guión dos irmáns Andy e Larry Wachowski - os de Matrix - e baseado no clásico cómic dos 80 de Alan Moore, sitúa a un enmascarado xusticeiro nos limites difusos dun "Zorro" e un terrorista. O enmascarado, identificado cun "V", ameaza con voar o Parlamento inglés a relembranza de Guy Fawkes e a conspiración da pólvora. V é un heroe romántico e elocuente ao que nunca se verá a face, pero que namora a unha moza - Natalie Portman - e a convence da lexitimidade da sua loita.
O inimigo a eliminar é un ditador que trasladou a Inglaterra non só a estética de Adolf Hitler, se non tamén o propósito nazi de exterminar a estranxeiros, homosexuais e opositores, aos que tortura en campos de concentración. Ante esa situación, o "bó terrorista" V, vítima el mesmo dun dos delirantes experimentos da ditadura, chama á mobilización popular.
"O tema está aí e os paralelismos tamén, pero o filme estaba rematado antes que as bombas no metro de Londres (o pasado xullo) e o cómic era anterior ao 11 de setembro (de 2001)", dixo McTeigue após da exibizón do filme na sección oficial fóra de concurso.
Portman, que reapareceu co pelo curto tras o espectacular rapado que luce en V de Vendetta, aludiu á sua orixe israelí para dar a sua opinión sobre a violéncia: "No meu país é un tema de cada dia. É interesante que se prantexe no cinema".
John Hurt, intérprete do ditador británico, eludiu a pregunta de se o seu personaxe se inspira en Hitler, a ex primeira ministra británica Margaret Thatcher ou o presidente americano, George W. Bush, e dixo que simplesmente era un "líder feixista", quitado dun cómic e polo tanto cun tratamento chan, non tridimensional, como sería o caso dun político real.
A proxección de V de Vendetta en Berlín deu a oportunidade de ver o que durante todo o filme fica oculto: o rosto de Hugo Weaving, a quen compete a difícil tarefa de encher de expresión á sua ríxida máscara branca cun sardónico sorriso. "A miña tarefa consistía en transmitir unha idea, non un rosto. O meu instrumento foi a voz e nela centrei a miña interpretación", dixo, para engadir que desde o princípio aceitou sen pestanexar o arduo traballo de protagonizar un filme no que nunca se lle mira a face.
[2:14 24/02/2006] Un grupo de fans de James Bond veñen de lanzar unha web para protestar pola contratación de Daniel Craig como sustituto de Pierce Brosnan na saga de 007. Os fans están a chamar ao boicot para o filme de debut de Craig, Casino Royale, que está arestora a se rodar en Praga.
[18:16 22/02/2006] A secuela de Batman Begins podería converter-se nun asunto australiano, agora que Hugo Weaving e Hugh Jackman teñen posibilidade de interpretar ao malvados. Os dous actores australianos poderían ser o Joker e Harvey 'Dúas Faces' Dent na vindeira aventura do superheroe encapado. Os produtores ainda non teñen claro a quen contratar, e na listaxe de candidatos para Dúas Faces está o protagonista de Firewall Paul Bettany e outro australiano, Lachy Hulme, tamén está a ser considerado para interpretar ao Joker.
[18:16 22/02/2006] Os creadores da vindeira película de terror Stay Alive dixeron en várias entrevistas que algúns membros da equipa de rodaxe foran posuídos polo espíritu dunha tal "Condesa Sanguenta" Elizabeth de Bathory, unha nobre romena que disque asasinaba virxes para se bañar no seu sangue e que é a inspiración para o filme. O coguionista, William Brent Bell, que tamén dirixe esta fita, e mais o outro guionista, Matthew Peterman, están a falar desta suposta posesión coa non disimulada intención de que creando unha nova "lenda urbá" sexa máis doado atopar canles de distribución para o filme.
[18:16 22/02/2006] O director James Cameron ven de dicir que quere facer xa mesmo a súa película de ciéncia-ficción Project 880 e non a que todo o mundo agardaba, a adaptación do manga Battle Angel do xaponés Yukito Kishiro: "vimos de mover a Project 880 á primeira posición", dixo Cameron nunha revista. Este filme, cun guión e argumento de "alto segredo", podería ser unha versión de Avatar, unha história de amor ambientada nunha guerra interplanetária.
[13:09 21/02/2006] O novo James Bond, Daniel Craig, ficou sen dous dos seus dentes e coa boca pingando de sangue após dunha escena de loita que saiu mal durante a rodaxe de Casino Royale. O actor foi asistido polo seu dentista, quen tivo que voar dende Londres ainda que a rodaxe é en Praga. Craig terá que levar agora unha protección especial de goma durante as escenas. Un voceiro dixo que "Daniel levou a man á boca e o sangue comezou a lle esbarar entre os dedos. Foi horríbel".
[13:09 21/02/2006] Agárda-se que o traxe de Batman que levou George Clooney na súa película de 1997 Batman e Robin chegue aos 100.000 dólares nunha poxa organizada pola casa Profiles in History para finais de marzo xunto a unha manchea doutros obxectos de cinema. Joe Madalena, o voceiro da casa de poxas, dixo que "ainda que a película de Clooney foi un desastre, temos grandes esperanzas no bat-traxe". O traxe ven cunha lista de extras que inclúen os seus pezóns, a capa, a capucha, luvas, o cinto e por suposto, as bat-orellas.
[2:14 24/02/2006] O director Steven Spielberg podería comezar a rodaxe da cuarta entrega da saga de Parque Xurásico o ano que ven. Spielberg tamén está pendente de resucitar a série de Indiana Jones con Harrison Ford a finais deste ano. O produtor Frank Marshall confirmou que o guión para a seguinte versión dos filmes de dinosáuros está xa rematado: "Ten un bó guión xa, así que debemos telo preparado e en marcha o ano que ven, para estrear-se en 2008". Agárda-se que o persoaxe de Lexie, a neta do persoaxe de Sir Richard Attenborough, teña un papel protagonista no novo filme.
[2:14 24/02/2006] As cinzas do actor de Star Trek James Doohan serán por fin enviadasao espazo o mes que ven nun foguete e esparexidas por toda a galáxia. Doohan interpretaba ao enxeñeiro Montgomery Scott na clásica série de ciéncia-ficción da tele, coa que se acuñou a famosa frase "Beam me up Scotty" ("Telepórta-me Scotty", na versión galega). Unha compañía privada lanzará o foguete dende Cabo Canaveral, en Florida, xunto as cinzas doutras 185 persoas que pagaron entre 995 e 5.300 dólares para poder ser enviados ao espazo. O astronauta dos programas Mercúrio e Xéminis Gordon Cooper estará a bordo na que será a súa terceira viaxe ao espazo.
[2:14 24/02/2006] A Paramount Classics está en negociacións para mercar os dereitos sobre un guión dun thriller post-apocalíptico escrito polos irmáns Alex e David Pastor, con Alex desexando facer o seu debut na dirección. O proxecto vai sobre as aventuras de catro amigos que escapan dun andazo no oeste americano.
[0:30 03/03/2006] Seica a Paramount ven de deixar estancada a proposta 11ª película da saga de Star Trek, que estaba baseada nun guión de Erik Jendresen. Os rumores apuntan a que pasará moito tempo antes de que a Paramount apoie outro filme ou série de televisión baseados na franquícia Trek.
[0:30 03/03/2006] O clásico actor Christopher Lee ven de loubar ao irlandés Pierce Brosnan, afirmando del que é o millor actor que interpretou ao superespía James Bond. Lee, quen fixo o papel do inimigo de 007 no filme de 1973 O home da pistola de ouro e defendeu a Daniel Craig das críticas que está a levar, insitiu que Brosnan é o Bond imaxinado exactamente por Ian Flaming, o escritor das novelas que debuxaron ao axente secreto máis famoso do mundo.
[0:30 03/03/2006] O actor Ned Beatty, que interpretou a Otis, o axundante de Lex Luthor en Superman I e Superman II, será premiado co galardón "Master of Cinema" en Winston-Salem, Carolina do Norde, en marzo. Beatty tamén apareceu en filmes coma Capitán América, As viaxes de Gulliver, e outros filmes e séries de televisión do xénero fantástico.
[0:39 01/03/2006] Foram lançados recentemente no mercado português dois livros que se aproximam da literatura fantástica. A Pele Fria, de Albert Sánchez Piñol, conta a história de sobrevivência de duas pessoas num farol, perante as incursões de um grupo de fantásticas criaturas marinhas. Comparado aos escritos de Stevenson, Conrad e H.P. Lovecraft, este livro foi um dos grandes sucessos da literatura catalã. O Sotão, da autoria de Gabi Martinez, faz-nos acompanhar um personagem que se fechou num quarto para criar o videojogo absoluto em termos de imersão.
[0:39 01/03/2006] O actor Dennis Weaver ven de morrer aos 81 anos de idade por mor dun cancro o pasado venres na súa casa de Colorado. Coñecido sobre todo pola súa interpretación do comisário McCloud, é un rosto coñecido para os afeccionados ao xénero fantástico por ser o protagonista do primeiro e mítico filme de Steven Spielberg, Duel (El diablo sobre ruedas en España). Weaver foi presidente do Sindicato de Actores dende 1973 a 1975, e tamén foi un activista da protección do médio ambiente, loitou para combater á fame no mundo e construiu-se unha casa alimentada con enerxía solar en Colorado.
[0:39 01/03/2006] Un xogo de rol en galego está a ser deseñado por tres "blogueiros" dende unha bitácora na Rede. As Crónicas de Gáidil é unha visión idealizada da Galiza na época da Idade do Bronce ou do Ferro, do que ainda non temos moitos dados pero que de certo que ten moi boa fasquía polo que se desprende do devandito blog.
[0:38 01/03/2006] O xénero fantástico perdeu no mesmo día a tres dos seus máis senlleiros representantes, Darren McGavin e Don Knotts. Ambos os dous eran coñecidos nos Estados Unidos por interviren en películas e séries televisivas de xénero. Ademáis, Octavia Butler, gañadora dos prémios Hugo e Nebula que probabelmente era a máis famosa muller negra escritora de ciéncia-ficción finou na súa casa de Seattle o 25 de febreiro aos 58 anos.
[2:14 24/02/2006] A Warner Brothers está a planear xa as secuelas para Batman Begins e Superman Returns, cos seus respectivos directores Christopher Nolan e Bryan Singer dispostos para repetir, e iso que o filme do Home de Aceiro ainda está por se estrear. Os estudos xa contrataron a Jonah Nolan, o irmán de Christopher, para que escriba o guión da secuela de Batman, prevista para 2008, mentres que a de Superman vería a luz en 2009.
[22:07 06/03/2006] A nova entrega cinematográfica de Astérix, Astérix nos Xogos Olímpicos, que se rodará en xuño en Alicante (España), contará como convidados a Santiago Segura, quen interpretará o papel de Doctormabus e Elsa Pataky o de Danzarina. Nesta aventura, Astérix e Obélix deberán gañar os Xogos Olímpicos e permitir así que o xove Alafolix poida casar coa princesa Irina. Deste xeito, deberán loitar contra o terríbel Bruto, disposto a todo para gañar tamén os Xogos e desfacer-se de seu pai Xúlio César.
[13:51 05/03/2006] Unha imaxe de Spiderman 3 que foi publicada estes días pola Rede indica a posibilidade dunha muda no uniforme de Spidey, que pasaría do vermello ao negro. Tobey Maguire regresará como Peter Parker/Spiderman e Kirsten Dunst como a súa moza Mary Jane. A nova muller na vida de Peter será Bryce Dallas Howard como Gwen Stacy.
[13:50 05/03/2006] O escritor inglés de CF e fantasía Michael Moorcock ven de comentar nunha recente entrevista que a súa última novela, The Vengeance of Rome, non atopa un editor nos Estados Unidos por mor do seu protagonista, un embaucador, mentirán, xudeu antisemita e antiislámico, bisexual e simpatizanrte co feixismo, un persoaxe moi dificil de vender. Segundo Moorcok, a Random House, unha das suas habituais editoriais, renunciou a publicar o libro por "temor a unha reacción violenta dos fundamentalistas que non poderían aprezar a ironía que agocha o persoaxe".
[0:30 03/03/2006] Vários sítios da Internet están a espallar o rumor de que a vindeira película supersecreta do director James Cameron, Project 880, será, como se viña dicindo, unha versión modificada do seu antigo proxecto de ciéncia-ficción épica Avatar. O filme irá sobre un mundo álien no que hai un romance entre unha extra-terrestre e mais un ser humano.
[0:30 03/03/2006] Alfonso Cuaron, o director de Harry Potter e o Prisioneiro de Azkaban, dixo nunha recente entrevista que ainda non quere facer outro filme de Potter, pero que deixa a porta aberta para o futuro. Pois se segue agardando moito, se lle vai pasar a ocasión de repetir, porque xa quedan moi poucos libros sen película.A maldizón de Superman?
[13:26 21/02/2006] Robert Meyer Burnett, ún dos membros da equipa de rodaxe do filme de Bryan Singer Superman Returns, dixo nunha recente entrevista que foi atracado en Sydney á saída dun bar o ano pasado durante a produción da película, ficando con tres costelas rotas, pero negou que isto forme parte da "maldizón de Superman". Burnett dirixiu os blogs de produción de Singer e producirá a vindeira edición especial en DVD.
A maldizón é un rumor que corre en Hollywood por mor dos accidentes e outros percances sofridos por membros da equipa de rodaxe dos distintos filmes do Home de Aceiro dende que o Superman orixinal, George Reeves, resultou morto dun disparo, e incrementados despóis co accidente que deixou inválido a Christopher Reeve.
A produción de Singer estivo chea de accidentes: un membro da equipa caiu nuns chanzos de cemento e outro saiu voando a través dunha fiestra de vidro e resultou cun pulmón perforado, ainda que xa están recuperados. O realizador Bryan Singer quixo restar importáncia a esta maldizón: "coido que só se refire á traxédia de George Reeves e ao accidente de Christopher Reeve, e coido que hai outros filmes que tiveron moitas máis mortes ao seu redor que Superman".
[1:12 09/03/2006] A revista TV Guide Magazine e mais o SCI FI Channel veñen de anunciar unha oferta pola que permitirán un máximo de 1.400.000 descargas gratuitas dun episódio da série Battlestar Galactica. Para elo os interesados deberán mercar o número desta semana da revista e facerse co cupón que lles permitirá facer a descarga completamente legal dende o iTunes. O episódio leva por título precisamente Downloaded, e conta como estrela convidada a Lucy Lawless.
[22:07 06/03/2006] A novela Air de Geoff Ryman foi a vencedora na edición deste ano do prestixioso Prémio Tiptree. Os outros finalistas foran Aimee Bender, por Willful Creatures, Margo Lanagan, por Wooden Bride, Vonda N. McIntyre, por Little Faces, Wen Spencer, por A Brother’s Price, Wesley Stace, por Misfortune e Mark W. Tiedemann, por Remains
Chega Harry Potter... e non en galego
[12:15 22/02/2006] As librarías de toda España recibirán mañán xoves a partir das seis e média do serán unha máis ca probábel avalancha de milleiros de rapaces e de pais, todos fans de Harry Potter. A esa hora porán-se á venda simultáneamente máis dun millón de exemplares en español da sexta e penúltima entrega da série da escritora inglesa J.K. Rowling, Harry Potter y el mistério del príncipe, tradución ao español de Harry Potter and the half-blood prince, editado por Ediciones Salamandra.
Dende hai xa quince días a meirande parte das librarías galegas exhiben nos seus escaparates un cartace que vai marcando a conta atrás xunto con outros que reproducen a figura de Potter. Para o xoves pola tarde, e coincidindo co comezo das festas do Entroido, numerosos establecementos organizaron concursos de disfraces e de deseño de portada, e ademáis contrataron actores que disfrazados dos persoaxes da série acompañarán e xogarán co lectores da obra de J.K. Rowling.
Na Casa do libro en Vigo celébra-se o Mes Harry Potter. O xoves 23 dende as 17:30 un meigo fará distintos trucos, e ás 18:30 erguerá-se a saba que cubre os libros. Está previsto un taller onde se pintará a famosa cicatriz no fronte de Harry Potter aos nenos, se lles fará unha foto e logo será enviada por correio.
Pola súa banda, a libraría Abraxas de Compostela terá o xoves un concurso de preguntas sobre Harry Potter, unha merenda con pastel "Harry Potter" e haberá bebidas máxicas.
Ainda que o libro aparecerá simultáneamente en catalán (Harry Potter i el misteri del Princep) polo de agora non existe nin a máis mínima previsión para a tradución ao galego desta sexta entrega da popular saga, nin ningunha editorial aparentemente interesada en publicala na nosa língua. En portugués si que hai xa tradución (Harry Potter e o Enigma do Príncipe) dende o pasado 26 de novembro, pero só se pode atopar en Brasil, ainda que pode mercar-se doadamente pola Internet a tan só 13 euros, menos da metade do que costa en España.
[1:12 09/03/2006] Seica a New Line Cinema proxecta un filme sobrenatural sobre Peter Pan, quen será un ladrón perseguido por un capitán de policía de nome Hook. O guión é de Ben Magid e a película chamará-se Pan.
[1:12 09/03/2006] As produtoras Sony e MGM están a planificar o que podería ser a terceira entrega de Jeeper Creepers. O guión foi ofrecido ao director Víctor Salva e a produción a Francis Ford Coppola.
[1:12 09/03/2006] Jaume García Arija, protagonista de Zulo, ven de obter o prémio ao Millor Actor na 25ª edición do Fantasporto. A película, dirixida por Carlos Martín Ferrera, producida por Discóbolo Films, vai sobre "un home calquera cunha vida calquera" que é secuestrado sen saber por qué. Este thriller psicolóxico tamén participara en Sitges 2005, onde recibiu a Mención Especial do Xurado.
O Fantasporto comezou xa
[1:28 15/02/2006] O millor cinema fantástico regresou ao Porto durante as dúas semanas de duración dun dos eventos do xénero máis importantes de cantos se celebran en Europa. O Fantasporto, Festival Internacional de Cinema do Porto, escomezou este luns e por primeira vez na súa história cun filme portugués: Coisa Ruim, de Tiago Guedes e Frederico Serra. O certame conta este ano coa única presencia galega do realizador vigués Juan Pinzás. O Fantasporto 2006, que se desenvolverá até o 5 de marzo tendo como sé principal o Rívoli Teatro Municipal, seleccionou a súa fita O desenlace para competir na sección "Director's Week". O realizador galego viaxará á cidade lusa para presentar o vindeiro 1 de marzo este filme, protagonizado por Pepe Sancho, Beatriz Rico e Javier Gurruchaga. Ademáis, a última película de Jaume Balagueró, Fráxiles, clausurará o certame o 4 de marzo.
O festival comezou a sua história como un evento non competitivo, pero agora xa conta cunha sección oficial para as producións de xénero fantástico e a Semana dos Directores para cinema que non encaixa nesta categoría. Na primera, ademáis de Coisa Ruim, está a coprodución lusofrancesa Animal, de Roselyne Bosch; a película sueca de vampiros Frostbiten , de Anders Banke, a primeira produción irlandesa de zombis, Dead Meat, de Conor McMahon; a canadiana Saints Martyrs des Damnés, de Robin Auber, e a brasileira Um Lobisomem na Amazônia, de Ivan Cardoso, un filme de baixísimo orzamento, que conta cun guión de pésima calidade pero con Paul Naschy entre os actores.
Unha tradición consolidada deste encontro coa fantasía é o Baile dos vampiros, a festa de clausura, que nesta ocasión albergará a madrugada do próximo sábado no Teatro Sá da Bandeira as actuacións de vários grupos e DJs nun ambiente que promete ser terrorífico.
[23:46 14/03/2006] Os fans de Star Trek xa teñen unha nova modalidade de atopar semellantes: unha empresa de Internet chamada TrekPassions.com ven de crear un sítio web de citas no que os fans poderán atopar outros supostos friquis coma eles. O sítio web asegura que non será só para os fans da famosa série de ciéncia-ficción, senón para todos os que gostan das películas e libros do xénero.
[23:46 14/03/2006] O museu da Ciéncia-Ficción e Salón da Fama anunciou onte as persoalidades que entrarán no Salón da Fama este ano 2006. George Lucas, Frank Herbert, Anne McCaffrey e Frank Kelly Freas serán homenaxeados durante a cerimónia de ingreso o vindeiro 17 de xuño. O escritor Neil Gaiman será o mestre de cerimónias para a ocasión. Este acto é só ún máis dentro do fin de semana dos Prémios Locus, presentados por Connie Willis.
[0:33 13/03/2006] Os Centros Socioculturais do Concello de Santiago de Compostela veñen de convocar os Certames Literários "José Saramago" de Relato curto e mais o Certame de Poesía "Aurelio Aguirre". Para os interesados, podedes consultar as bases completas en formato PDF nesta ligazón. Máis información nos Centros Socioculturais de Compostela, teléfone 981 528 740, e no correio electrónico bibliotecacsc@aytocompostela.es.
[19:44 12/03/2006] A Conferéncia episcopal dos Estados Unidos ven de lanzar un "contraataque" por Internet contra o seu odiado O Código da Vinci, a película que será estreada en maio baseada no famoso best-seller. Os bispos americanos veñen de crear un sítio web no que tentan "explicar" os seus motivos para se opoñeren tan furibundamente á novela de Dan Brown e ao filme: "O Código Da Vinci é un desastre, un conxunto de erros risíbeis e sérios. Case cada páxina contén ún", escribiron os bispos en Jesusdecoded.com.
[19:44 12/03/2006] O actor Sean Connery, intérprete de moitos persoaxes de xénero, coma James Bond ou o pai de Indiana Jones, ven de superar unha complicada operación para lle estirpar un ril hai catro semanas nun hospital privado de New York, ainda que anúncian que xa está pleamente recuperado. Sir Sean esá xa de volta na súa casa nas Bahamas e retomará axiña o seu traballo, que é gravar un vídeo para o Partido Nacionalista Escocés.
[1:12 09/03/2006] A editorial americana Dark Horse comenzará a publicar os tomos recopilatórios do cómic coas histórias de Star Wars: As Guerras Clon en español en xuño.
[1:12 09/03/2006] A novela Stardust de Neil Gaiman será levada ao cinema baixo a dirección de Matthew Vaughn, con guión do mesmo Matthew e mais de Jane Goldman. Stardust é a segunda novela de Gaiman, e vai sobre o xove Tristran Thorn, produto do cruce entre un humano e unha elfa. Tristran fai a promesa á rapaza máis fermosa da vila de lle traer unha estrela fugaz caída, para o que deberá entrar no mundo máxico que linda coa vila. Para o reparto soan actores coma Robert de Niro, Michelle Pfeiffer, Claire Danes, Sienna Miller e Charlie Coxx.
Amnistía Internacional contra os videoxogos
[23:54 25/02/2006] "A protección dos dereitos da infáncia está nas mans da voluntariedade das empresas que comercializan os videoxogos". Con esta rotunda frase arrinca o informe da sección española de Amnistía Internacional contra os videoxogos. Xa nun informe anterior defenderan que Warcraft III é un xogo racista porque a raza humana aniquila á raza dos urcos. E tamén criticaran outros coma September 12th – un videoxogo pacifista que é unha explicación das consecuéncias da guerra contra o terrorismo de Bush – por considerar que "normaliza os ataques á povoación civil".
Nunha nova edición do seu clásico informe anual, Amnistía segue a facer comentários tan abraiantes coma eses: grande parte das críticas desta ONG dirixen-se esta vez ás revistas e webs especializadas. Amnistía arremete contra elas por publicar anúncios de videoxogos recomendados para maiores de 18 anos mália que a Internet é un médio para todos os públicos.
Amnistía queixa-se tamén de que a autorregulación do sector – que etiqueta os videoxogos con adverténcias claras sobre a idade recomendada e o tipo de contidos – non é abondo. Piden que o Governo interveña e faga obrigatória esta regulación: "Os pontos de venda no Estado español non dispoñen de medidas para controlar o acceso dos menores de idade a estes videoxogos", segundo o seu disparatado informe.
[23:58 16/03/2006] A editorial Galáxia ven de abrir a súa renovada páxina web na Internet. No enderezo editorialgalaxia.es é posíbel acceder a información sobre a actividade do veterán selo, desde as biografías dos seus autores, o catálogo e novidades, ata datos en cifras; con estes últimos sabemos, por exemplo, que Galaxia publicou dende a súa constitución 2.294 títulos ou que a obra que máis ventas tivo o ano pasado foi Merlín e familia, de Álvaro Cunqueiro. Este libro ten un apartado especial, xa que a web inclúe información sobre a exposición que se lle dedicou á obra de Cunqueiro co gallo do seu cincuenta aniversário.
[23:46 14/03/2006] O pasado día 10, no marco das Trobadas de Matarò, entregou-se o Prémio Manuel de Pedrolo deste ano. Teresa Udina Abelló e Vladimir Hernández Pacín levaron o prémio na categoría de Novela Curta e Jordi Munnshe Colomé na de Relato. O prémio de novela ten unha dotacións de 3.000 euros, e o de relato de 1.200 euros.
[23:46 14/03/2006] O actor John Cusack protagonizará a adaptación á pantalla grande do conto de Stephen King 1408, que dirixirá o director de Sen control, Mikael Hafstrom. A película contará la história dun home que comeza a sufrir situacións paranormais cando se rexistra na habitación 1408 dun Hotel.
[23:46 14/03/2006] O luns anunciáron-se os candidatos aos prémios Lambda que prémian ao millor da literatura lesbiana, gai, bisexual e transexual aparecida en 2005 en múltiples xéneros. Dentro da literatura fantástica os nominados son: Fledgling da recentemente finada Octavia Butler, Shapers of Darkness de David B. Coe, Temple Landfall de Jane Fletcher, Daughters of an Emerald Dusk de Katherine Forrest e No Sister of Mine de Jeanne G’Fellers.
[23:46 14/03/2006] A actriz gañadora dun Oscar e dun Tony Maureen Stapleton, famosa entre os afeccionados ao xénero fantástico pola súa actuación en Cocoon, morreu o luns na súa casa de Lenox, Massachusetts, aos 80 anos por mor de causas naturais, segundo anunciou Ned Roche, director da axencia funerária de Lenox.
[23:46 14/03/2006] O filme King Kong de Peter Jackson foi nomeado como millor película do ano 2005 pola revista "Empire Magazine" no decurso da gala de entrega dos seus prémios. O cinema de xénero tamén tivo gañadores nas persoas de Johnny Depp pola súa actuación en Charlie e a fábrica de chocolate, mentres que o reparto dos filmes de Harry Potter foi honrado pola súa contribución salientábel á indústria cinematográfica inglesa.
Os cronocrimes interesan a Ridley Scott
[0:35 01/03/2006] Seica a produtora de Ridley e Tony Scott está interesada na primeira película de Nacho Vigalondo, director da curtametraxe 7:35 de la mañana, nominada o pasado ano aos Oscar. O argumento que nutrirá Los cronocrímenes está enchido de mistérios, fantasías e tolémia. A semana pasada desvearon-se algúns dos detalles que rodearán a primera película de Nacho Vigalondo, envolta do mesmo mistério que a sua trama.
A longametraxe comezará-se a rodar o 29 de maio en Cantábria (norde de España), durará ao redor de oito semanas e contará cunha financiación de 266.000 euros por parte do Governo rexional, o que supón un 10% do orzamento.
A estrea está prevista para o primeiro trimestre de 2007, ainda que a decisión final dependerá dos distribuidores e de se se pecha un acordo coa produtora dos irmáns Ridley e Tony Scott, coa que o cineasta cántabro e os seus produtores axuntarán-se en Los Angeles a vindeira semana. De que o proxecto logre esa importante dimensión internacional dependerá tamén o reparto da película e o idioma na que se rodará. Seica a decisión está máis preto de utilizar o inglés que o español, o que apunta á presenza dun importante actor americano como protagonista, ao que dará réplica o mesmo Vigalondo, quen reservou-se un papel importante.
Como xa adiantara NOVA fantasia hai meses, Los cronocrímenes é unha película de ciéncia-ficción pero sen efectos especiais, que se centrará en algo que a Nacho Vigalondo sempre lle interesou: as viajes no tempo. O seu protagonista é un home que emprende esa viaxe cara atrás pero só faino pouco menos dunha hora, para se topar consigo mesmo sesenta minutos antes, e aí empeza un lío que se irá complicando con xiros inesperados.
Finalistas dos Prémios Nebula
[19:30 26/02/2006] Veñen de se anunciar os finalistas dos prémios Nebula de 2005, uns galardóns que son votados e propostos polos miembros da Science Fiction and Fantasy Writers of America (SFWA). Os prémios anunciarán-se no decurso dunha cea de gala que terá lugar en Tempe, Arizona, o vindeiro 6 de maio. Os finalistas son:
- Novela
- Air, de Geoff Ryman
- Camouflage, de Joe Haldeman
- Going Postal, de Terry Pratchett
- Jonathan Strange and Mr Norrell, de Susanna Clarke
- Polaris, de Jack McDevitt
- Orphans of Chaos, de John C. Wright
- Novela Curta
- Clay´s Pride, de Bud Sparhawk
- Identity Theft, de Robert J. Sawyer
- Left of the Dial, de Paul Witcover
- Magic for Beginners, de Kelly Link
- The Tribes of Bela, de Albert Cowdrey
- Relato longo
- The Faery Handbag, de Kelly Link
- Flat Diane, de Daniel Abraham
- Men are Trouble, de Jim Kelly
- Nirvana High, de Eileen Gunn and Leslie What
- The People of Sand and Slag, de Paolo Bacigalupi
- Relato Curto
- Born-Again, de K.D. Wentworth
- The End of the World as We Know It, de Dale Bailey
- I Live With You, de Carol Emshwiller
- My Mother, Dancing, de Nancy Kress
- Singing Down My Sister, de Margo Lanagan
- Still Life With Boobs, de Anne Harris
- There´s a Hole in the City, de Richard Bowes
- Guión
- Act of Contrition/You Can´t Go Home Again, de Carla Robinson, Bradley Thompson e David Weddle (episódio de Battlestar: Galactica)
- Serenity, de Joss Whedon
- Prémio Andre Norton
- Amethyst Road, de Louise Spiegler
- Siberia, de Ann Halam
- Stormwitch, de Susan Vaught
- Valiant: A Modern Tale of Faerie, de Holly Black
Proibidos os homosexuais en World of Warcraft
[0:01 26/02/2006] Blizzard, a compañía proprietária de World of Warcraft, o xogo de rol masivo en rede de mais éxito arestora, vetou a creación de grémios virtuais de usuários baseados en sexo, política ou relixión alegando que "os aspectos relacionados con temas sensíbeis do mundo real, como a relixión, a sexualidade ou a política, tenden a provocar relazóns entre xogadores que acaban en acoso".
A decisión da Blizzard saltou do universo virtual ao mundo real ao proibir a iniciativa de Sara Andrews, unha xogadora de World of Warcraft que pretendia crear un grémio exclusivo para homosexuais e bisexuais.
A Blizzard basea a sua decisión nun contravimento do contrato de uso do título por parte de Andrews, en concreto no apartado adicado ao tratamento da orientación sexual. A compañía alega que "ainda que a linguaxe en si mesma pode que non sexa ofensiva, si pode incitar determinadas respostas noutros xogadores que permitirán discusions que non consideramos adecuadas no noso xogo".
Organizacións para a defensa dos gais e lesbianas disenten desta política, que consideran discriminatória. Unha delas, Stonewall, afirma que iniciativas como a de Andrews deberían ser benvidas e non proibidas.
En declaracións a Games Industry, Jonathan Finney, voceiro da organización, anima a Blizzard a que "revise a sua política, para que se aplique onde debe aplicar-se en realidade" e non en actos inofensivos como o de Andrews.
A Blizzard practicamente veu dicir que a palabra "homosexual" en si mesma é un insulto, ao afirmar que "moita xente sínte-se insultada pola palabra homosexual ou calquera outra sobre a orientación sexual", para xustificar a sua decisión, e engadiu que a creación dun grémio destas características é en si mesma unha discriminación dos usuários segundo a sua orientación sexual. Andrews defende-se alegando que o grémio non excluiría a ninguén e que admitiría a calquera persoa independentemente das suas preferéncias sexuais.
Polo de agora a Blizzard non mudou a sua postura e segue a proibir este tipo de asociacións nunha comunidade que xa supera o millón de usuários só en Europa. World of Warcraft é un xogo de rol de fantasía e ten cinco millóns de afeizoados, que deben pagar 15 dólares ao mes para participar nas batallas multitudinárias a través da Internet.
[23:58 16/03/2006] Seica Tina Turner podería ser a encargada de compoñer a música para a cabeceira do novo filme de 007, Casino Royale. A estrela do rock, de 66 anos, xa gravara en 1995 a canzón orixinal do filme GoldenEye, e os produtores queren convencela para que repita.
[23:58 16/03/2006] O guionista de X-Men, Simon Kinberg, revelou nun encontro virtual cos fans que está a desenvolver actualmente o que podería ser unha película con Lanterna Verde de protagonista, e que mesmo está a pensar unha triloxía sobre o popular personaxe da DC Comics.
[23:58 16/03/2006] Novas declaracións de Harrison Ford ao respecto da tantas veces adiada cuarta entrega de Indiana Jones: "Steven Spielberg e mais eu xa temos un guión que nos gusta, dixo a unha revista alemá. "Coido que podemos escomezar coa rodaxe axiña". Non sabemos se o título do filme, a estas alturas, xa terá que ser Indiana Jones e a Xubilación.
[19:06 19/03/2006] Segundo o avogado da defensa no xuizo polo Código da Vinci en Londres, a demanda dos escritores Michael Baigent e Richard Leigh está "en farrapos". O xuizo ficou listo para sentenza o pasado venres e o veredicto agárda-se para a vindeira semana.
[23:58 16/03/2006] A Cartoon Network ven de pechar un trato polo que emitirá en exclusiva a nova série de debuxos animados sobre Os Catro Fantásticos, con episódios de média hora de duración cada ún. A série seré estreada en outono nos Estados Unidos.
[23:58 16/03/2006] O escritor de ciéncia-ficción Ronald Anthony Cross, famoso pola súa saga de novelas dos Gardiáns Eternos, aparecida por primera vez en 1994, finou o pasado 1 de marzo por mor dun ataque ao corazón na súa casa de Sherman Oaks, Califórnia, aos 68 anos de idade.
Unha biblioteca síria levará o nome de Cunqueiro
[0:35 01/03/2006] O responsábel do Instituto Cervantes, César Antonio Molina, ven de anunciar que nos vindeiros meses se inaugurará en Damasco, nun grande edifício, unha biblioteca que levará o nome de Álvaro Cunqueiro e que constituirá o referente da cultura galega para a rede de institutos que dirixe en todo o mundo.
Molina presentou hoxe en Mondoñedo, acompañado do presidente da Xunta, a primeira tradución ao árabe dun libro do polifacético escritor dunha das suas máis célebres novelas, Se o vello Sinbad volvese ás illas, que para o xefe do Executivo galego constitúe un "símbolo de paz".
A Xunta de Galiza, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e o Instituto Cervantes impulsaron a publicación do libro en árabe, a cargo da editorial marroquina Marsam e da que é autor o tradutor Larbi-el-Harti.
O Presidente galego, que redía homenaxe a Cunqueiro no 25º aniversário do seu pasamento, nun acto ao que asistiu a corporación de Mondoñedo e o César Cunqueiro, fillo do escritor, expresou que a tradución ao árabe da obra do xenial mindoniense constitúe "un convite ao diálogo e á amizade" porque leva consigo "unha mensaxe de paz e de toleráncia".
Pola sua banda, César Antonio Molina, director do Cervantes, que falou en galego, dixo que só lle quedaba este cargo para "axudar a que a sua grandísima literatura atravesase definitivamente as fronteiras de España", ao que se trata de contribuir coa tradución do seu libro ao árabe. "Sabedor do moito que lle interesaba o mundo e os mitos de oriente, a maior homenaxe que se lle podería rendir a el e á língua galega era poñer o seu nome á Biblioteca do Instituto Cervantes de Damasco, que inauguraremos nos vindeiros meses nun grande edifício", manifestou.
César Antonio Molina tamén lembrou que se publicou no centro virtual Cervantes unha extensa bibliografía e biografía sobre Cunqueiro, que recibiu nos últimos anos a visita de máis de 40 millóns de internautas de todo o mundo.
O pior do ano en Hollywood
[13:52 05/03/2006] Este ano o xénero fantástico saiu bastante indemne da 26ª gala dos prémios Razzie, celebrada esta noite no Ivar Theatre en Hollywood coma sempre xusto 24 horas antes dos Oscars, e foi o filme Dirty Love o grande protagonista dos galardóns da Golden Raspberry Foundation, que se outorgan ás piores producións do ano.
O actor Tom Cruise, nominado polo seu papel en A guerra dos mundos para o Razzie ao pior intérprete principal, librou-se de recibir un prémio que recaiu en Rob Schneider. Porén, Cruise si gañou nunha categoría recén creada, a do famoso máis pelma, por mor do exceso de publicidade do seu romance con Katie Holmes.
A multimillonária París Hilton foi a gañadora ao prémio á pior actriz secundária pola sua interpretación en House of Wax, do director catalán Jaume Collet-Serra.
Ademáis, Nicole Kidman e Will Ferrell foron seleccionados como a pior parella cinematográfica polo seu papel en Bewitched, mentres que Hayden Christensen levou o galardón ao pior actor secundário por A Vinganza do Sith.
Xuizo ao Código da Vinci
[0:35 01/03/2006] O escritor americano Dan Brown negou que plaxiara o seu famoso libro O Código da Vinci, do que xa vendeu máis de 30 millóns de cópias. Perante un tribunal inglés, Brown respondeu así ás acusacións de pláxio nunha demanda presentada por dous historiadores británicos que sosteñen que Brown copiou un dos seus ensaios.
Prevé-se que o xuizo, que comezou o luns, dure unhas dúas semanas, se é que antes non se chega a un acordo entre as partes. Brown sentou-se no banco dos demandados, enfrontándo-se a Michael Baigent e Richard Leigh, quen o acusan de "roubar a ideia" para a sua novela de conspiración clerical e asasinato de The Holy Blood and the Holy Grail, un libro de non-ficción que publicaron en 1982.
A demanda por violación de propiedade intelectual presentada polos historiadores está dirixida contra a editorial Random House, que publicou O código da Vinci, co que Brown gañou 80 millóns de dólares en só un ano.
A teoría prantexada polo libro de Baigent e Leigh é que Xesús casó con María Magdalena e que ambos tiveron un fillo cuxos descendentes chegaron até o presente. Traducido a más de 40 idiomas, O Código Da Vinci conta a história de como a Igrexa Católica intenta evitar que se revele o coñecemento dos descendentes de Xesús.
O avogado dos dous historiadores, Jonathan Rayner-James, afirmou no tribunal que "toda a ideia" e mais "a arquitectura" conspirativa do libro de Brown provén de The HolyBlood and the Holy Grail, que irónicamente, foi publicado tamén pola editorial Random House.
Brown "apropiou-se do tema central" do libro dos británicos, que "investiron moitos anos", de 1976 a 1981, na investigación desta obra, afirmou Rayner-James, observando que no só os seus clientes coidan que Brown plaxiou The Holy Blood and the Holy Grail, senón "moita xente no mundo".
A defensa alegou que a acusación refíre-se a ideais moi xerais, que non están protexidas pola propiedade intelectual. Brown admitiu que consultara o libro dos historiadores, pero dixo que non sabía nin sequera que existía até que o mirou mencionado noutros libros, cando estaba investigando para a sua novela. Brown cita The Holy Blood and the Holy Grail como fonte, así como fixo con outros libros, pero non-o copiou, segundo o avogado da defensa.
[16:03 21/03/2006] Bungie Studios, unha división de Microsoft, anunciou que xunto coa Marvel Comics vai publicar unha novela gráfica baseada no videoxogo Halo. O cómic terá 128 páxinas e sairá nos quiosques americanos en xullo.
[16:03 21/03/2006] O filme V de Vendetta acadou no seu debut chegar ao primeiro posto nas listaxes de filmes máis vistos nos Estados Unidos, con 26,1 millóns de dólares de recadación. The Shaggy Dog caiu até o terceiro posto, e The Hills Have Eyes tivo que seconformar co quinto lugar.
[16:03 21/03/2006] O cantante Isaac Hayes negou que renunciara ao seu traballo nas labouras de dobraxe na série South park por mor da súa pertenza á seita da Ciencioloxía, e dixo que foi porque ven de sofrir un ataque ao corazón. As novas destes días indicaban que Hayes renunciara porque nun episódio da popular série de debuxos animados criticába-se á seita á que tamén pertence Tom Cruise.
[19:06 19/03/2006] O sócio de George Lucas nas labouras de produción, Rick McCallum, dixo nunha recente entrevista á BBC que a vindeira série de televisión sobre a Guerra das Galáxias durará alomenos 100 episódios. O proxecto comezará a rodaxe en 2008 e estará xa listo ese mesmo ano. A série estará ambientada entre os episódios III e IV da saga e cobrirá os 20 anos da vida de Luke Skywalker mentres vai medrando.
[19:06 19/03/2006] A decisión da canle Comedy Central pola que pensan emitir de novo o episódio de South Park polo que o chef presentou a súa demisión, porque nel hai críticas á ciencioloxía, seita á que pertence o actor que dobraba a voz do Chef, ven de causar a ira de Tom Cruise, o máis salientábel membro da devandita seita. Cruise ameazou á produtora con non promocionar nas súas canles a película Misión Imposíbel III. Os creadores da série emitiron un comunicado no que din "Ciencioloxía, pode que gañaras esta batalla, pero a guerra dun millón de anos polo control da Terra ven de escomezar!".
E o gañador é... King Kong!
[22:04 06/03/2006] King Kong foi a abraiante gañadora na 78º gala dos Oscars celebrada esta noite en Los Angeles, con tres prémios que a fixeron empatar co outro filme protagonista da velada, Brokeback Mountain.
O filme de Peter Jackson, King Kong obtivo os prémios aos millores efectos visuais, á millor edición de són e aos millores efectos de mistura de són. Tráta-se obviamente de tres Oscars técnicos, dos considerados "menores", pero que tamén se teñen presentes á hora de facer o reconto.
Entre os filmes fantásticos, tamén houbo outros vencedores: As Crónicas de Nárnia levou o Oscar á millor maquillaxe, e Wallace e Gromit: a maldizón da lebre-lobo levou o prémio á millor película de debuxos animados.
Pola súa banda, A Vinganza do Sith, A Guerra dos Mundos, Harry Potter e o Cáliz de Lume, A Noiva Cadáver de Tim Burton e Howl's Moving Castle, ainda que estaban nominadas en distintas categorías, non levaron ren.
A gala deste ano foi a segunda menos vista da história dos Oscar, debido ao baixo interese que para o público americano teñen as películas que, paradoxalmente, interesan ou gostan máis á crítica especializada.
[16:04 21/03/2006] Comezou a rodaxe da comédia fantástica Evan Almighty, protagonizada por Steve Carell, Morgan Freeman e Lauren Graham, segundo anunciou a Universal Pictures. O filme será rodado en Los Angeles, Washington e partes de Virxínia. Esta película é a secuela de Coma Deus, que protagonizou en 2001 o cómico Jim Carrey e está dirixida polo mesmo realizador daquela, Tom Shadyac.
[16:04 21/03/2006] A Paramount Pictures ven de adquirir os dereitos sobre Stoneheart, a primeira entrega dunha proxectada triloxía de filmes que irán sobre estátuas antigas que cobran vida en Londres. Scott Rudin e Lorenzo di Bonaventura serán os produtores, e Charlie Fletcher escribirá o guión a partir da novela orixinal.
Finou a viuva de Chistopher Reeve
[22:37 07/03/2006] Dana Reeve, a viúva do actor Christopher Reeve, finou o luns aos 44 anos, vítima do cancro de pulmón que padecía. A que foi esposa do desaparecido Superman morreu tan só sete meses despóis de facer público que sufría esta enfermidade.
Dana atendeu ao seu home durante oito anos e apoiouno na procura dun tratamento para superar a sua parálise. "Estamos moi tristes pola muerte de Dana Reeve, a quen sempre lembraremos pola sua paixón, forza e coraxe", expresó nun comunicado Kathy Lewis, presidenta da Fundación Christopher Reeve.
O pasado agosto, Dana Reeve, que non era fumadora, anunciou que se lle diagnosticara a enfermidade e que estaba en tratamento. "Agora, máis ca nunca, sento que Chris está comigo ao facer fronte a este desafío. Coma sempre, véxoo como o millor exemplo de oposición á adversidade con forza, coraxe e esperanza", dixera daquela nun comunicado a tamén actriz.
Dana Reeve respaldou ao seu home, co que tiña dous fillos, cando unha caída dun cabalo deixouno postrado nunha cadeira de rodas durante oito anos.
Christopher Reeve morreu o 10 de outubro de 2004 e a sua viúva empezou a cobrar protagonismo a través da fundación para o tratamento da parálise e a sua aposta pola investigación con células nai.
[21:42 22/03/2006] O creador de V For Vendetta, o guionista de comics Alan Moore. está desesperado por separar o seu nome da película que se fixo baseada na súa obra, e está a supricar aos produtores que borren o seu nome do filme. Moore afirma que lle gostaría que non lle deran cartos por este filme, que segundo el "traviste, dilúe e deturpa" os seus personaxes e os seus diálogos.
[21:42 22/03/2006] Gary Oldman regresará definitivamente como Sirius Black na vindeira entrega da saga de Harry Potter, Harry Potter e a Orde do Fénix, segundo anunciaron os seus managers hoxe. Oldman aparecera na terceira e cuarta partes, pero no comezo da rodaxe da quinta ainda non estaba claro se o popular actor podería repetir o seu papel.
[16:04 21/03/2006] Na gala de entrega dos Prémios Mestre Mateo 2005 que se celebrou o domingo no Pazo de Exposicións da Coruña o sector audiovisual galego concedeu-se os seus galardóns anuais, que coma é habitual. deixan de lado ao xénero fantástico. Tan só O soño dunha noite de Sanxoán levou os de millor són, millor banda sonora e millor montaxe, ainda que este último compartido con outro filme.
[16:04 21/03/2006] A actriz Rosario Dawson ven de confirmar que Angelina Jolie asinará para facer a secuela de Sin City, ainda que a rodaxe comezará despóis de que dea a luz o fillo que espera de Brad Pitt. Esta segunda parte estará baseada nas novelas gráficas de Frank Miller A Dame to Kill For e Lost, Lonely and Lethal.
[16:04 21/03/2006] O realizador Brett Ratner está a negociar a súa incorporación á secuela mutante da saga de X-Men Wolverine [Lobeto], após de que seica impreionara aos produtores polo seu traballo en X-Men: The Last Stand. O director quere que Hugh Jackman repita o seu papel como superheroe neste proxecto, no que tamén entraría no papel de Juggernaut o actor Vinnie Jones.
Superman chegará antes aos comics
[23:55 16/03/2006] A DC Comics e mais a Warner Brothers Pictures veñen de anunciar que o director de Superman Returns, Bryan Singer, e mais os guionistas Michael Dougherty e Dan Harris fornecerán os argumentos para unha série de catro cómics que servirán como ponte entre a primeira película de Superman, de 1978, e a actual de Singer. Os cómics, de 40 páxinas, serán publicados o mesmo mes de xuño, cando sexa estreada o filme.
Os catro cómics comezarán con Superman Returns: Krypton to Earth, cunha história de Singer, Dougherty e Harris; guión de Jimmy Palmiotti e Justin Gray e portada de Adam Hughes. O cómic falará sobre as orixes do home de aceiro e amosa como mudou o mundo por mor da auséncia de Superman.
Superman Returns: Ma Kent será o seguinte, cunha história de Singer, Dougherty e Harris; guión de Marc Andreyko; debuxo de Karl Kerschl e capa de Hughes. Tratará sobre a vida da muller que criou a Clark e explora como sobreviviu nun mundo sen Superman.
O terceiro título será Superman Returns: Lex Luthor, con história de Singer, Dougherty e Harris; guión de Palmiotti e Gray; debuxo de Rick Leonardi e capa de Hughes. Centrará-se no malvado Luthor, quen sempre soñou cun mundo sen Superman.
E a cuarta entrega será Superman Returns: Lois Lane, con argumento de Singer, Dougherty e Harris; guión de Andreyko; debuxo de Wellington Dias e capa de Hughes. Irá sobre o verdadeiro amor de Superman, Lois Lane.
Dan Brown nega as acusacións de pláxio
[23:42 14/03/2006] O novelista americano Dan Brown amousou-se abraiado polas acusacións de pláxio verquidas por outros dous escritores contra a sua exitosa novela O código da Vinci, ún dos maiores éxitos de vendas das últimas décadas.
Nun comunicado difundido onte antes de prestar declaración perante un tribunal de Londres, o escritor asegurou que é "absurdo suxerir que eu organicei" os capítulos da novela "e presentéina dacordo aos mesmos princípios xerais" do libro de 1982 The Holy Blood and the Holy Grail.
Os autores Michael Baigent e Richard Leigh presentaron unha demanda contra a casa editorial Random House - que publicou en inglés O código da Vinci-, por violación dos derechos de propiedade intelectual. Na demanda, Baigent e Leigh acusan a Brown de "se apoderar da arquitectura" do seu libro.
En ambos traballos discúte-se a teoría de que Xesús casou con María Magdalena, que a pareja tivo un fillo e que esta liña sanguínea sobrevive até o presente.
Na declaración de 69 páxinas onde describe a creación da sua novela, Brown afirma que Baigent e Leigh "son só dous dunha série de autores que escribiron acerca da história da liña sanguínea e, nombergantes, fixen todo o posíbel para menciona-los por seren quen lograron atraer a atención do público en xeral" cara a dita hipótese, indicou o escritor. "Sínto-me abraiado pola reacción de Baigent e Leigh. Ademáis, non-a entendo", engadiu Brown na sua declaración escrita.
Os avogados de Random House sinalan que as ideais en disputa son tan xerais que no nestán protexidas polos derechos de propiedade intelectual. Tamén din que moitas das ideais presentes en The Holy Blood and the Holy Grail non aparecen na novela de Brown.
Demanda inchada de mais?
[1:10 09/03/2006] Un dos escritores que demandaron á editorial Random House pola publicación do superéxito O Código da Vinci ven de admitir no xuizo que se está a desenvolver nun tribunal de Londres que esaxerou deliberadamente as súas reclamacións na súa demanda, na que afirma que a novela é un pláxio da súa própria obra.
Os escritores Michael Baigent e Richard Leigh afirman que o núcleo central da súa novela de 1982 The Holy Blood and the Holy Grail (que por certo agora tentan facer pasar por "obra de non-ficción") foi plaxiado por Dan Brown ao crear a súa novela, que leva vendidos 40 millóns de exemplares en todo o mundo e foi convertida na película que axiña será estreada nos cinemas.
Baigent, en respostas ao avogado James Baldwin da Random House, contestou o martes perante o xuiz que 15 puntos centrais da súa novela foran plaxiados por Brown, pero despóis dixo que baseara a súa reclamación nas críticas literárias publicadas pola prensa sobre a novela O Código da Vinci. Cando o avogado lle dixo "iso é simplemente falso", suxerindo que moitas desas críticas non falan dos temas que el afirma que foron copiados da súa obra, Baigent respondeu: Nese caso, ten vostede razón... coido que as miñas verbas foron desafortunadas e teño que estar de acordo con vostede niso".
Após de que Baigent concedera que moitas das súas reclamacións poderían ser incorrectas, o xuiz Peter Smith preguntou-lle como é que se retractaba de algo que asinara tan só unhas horas antes. "Non lin as críticas coa asiduidade correcta como debería ter feito", dixo Baigent.
Os avogados da Random House afirman que as ideias sobre a vida e os herdeiros de Xesús Cristo son tan xerais que non poden ser protexidas polos dereitos de autor. Este libroi xa fora xulgado polo mesmo motivo o ano pasado nos Estados Unidos, e daquela un xuiz de New York estimou que a novela non infrinxe ningún copyright.
Agárda-se que Dan Brown testifique a finais desta semana.
[11:43 28/03/2006] John Malkovich interpretará a un magnate das finanzas do século XXIII xunto a Thomas Jane no vindeiro thriller de ciéncia-ficción de Simon Hunter, The Mutant Chronicles. O persoaxe de Malkovich, Constantine, será o xefe dun consello de catro megacorporacións que controlan todos os recursos naturais do planeta Terra.
[18:36 26/03/2006] A protagonista de Herbie: Fully Loaded, Lindsay Lohan, está desesperada por interpretar a Wonder Woman na vindeira versión para o cinema da clásica superheroina dos comics. A actriz, de 19 anos, que tamén protagonzara Freaky Friday, admite que o que lle gustaría é poder amosar o seu talento para outro tipo de públicos que non sexan o infantil e o adolescente: "Wonder Woman sería guai. Estou tentando atopar papeis que sexan distintos a calquera das cousas que fixen antes para poder amosar as miñas habilidades".
[18:36 26/03/2006] O pasado día 24 finou o director de cinema basco Eloy de la Iglesia, quen con 20 anos xa escribira, dirixira ou producira case cincuenta títulos para o médio televisivo. A súa única incursión no xénero fantástico foi a súa primeira película, unha triloxía composta por La doncella del mar, Los tres pelos del diablo e El mago de Oz, textos que formaron a sua primeira longametraxe Fantasía (1966), pero despóis daquela, xa non regresaría nunca ao fantástico.
[21:42 22/03/2006] A Universal Pictures ven de adquirir os dereitos para facer unha película coa clásica novela de ciéncia-ficción de 1955 As estrelas, o meu destino, de Alfred Bester. O libro vai sobre o supervivinte dunha nave espacial avariada que vai perdida polo espazo profundo. Cando unha nave que pasa por alí ignora o seu sinal de rescate, o náufrago comeza a tramar unha vinganza que mudará o decurso da história. Lorenzo Di Bonaventura e Raymond Wagner producirán o filme.
[21:42 22/03/2006] Kirstie Alley, outra famosa ciencióloga, ven de declarar que a revista Rolling Stone (que publicou no seu último número un artigo de investigación sobre a seita da ciencioloxía) "debería avergoñar-se" e que "caiu moi baixo". Janet Reitman, a reporteira que escribiu o artigo após de nove meses de investigación, dixo que a carta de Alley "exemplifica por que a igrexa da ciencioloxía ten un problema de imaxe".
[21:42 22/03/2006] A produtora da saga de James Bond, Barbara Broccoli, está tan segura de que Daniel Craig terá éxito interpretando a 007 que xa comezou a traballar nunha secuela para Casino Royale. O filme que está ainda en fase de rodaxe non se rematará até finais deste ano.
Xa está listo Gisaku
[23:55 16/03/2006] A primeira película anime española inclúe, entre outros, a catedral de Santiago como escenário. Os ollos de Yohei, un xove e valente samurai do século VII que após dun enmeigamento centeário acorda na España actual, percorren lugares tan emblemáticos coma a catedral de Santiago, a Xiralda, o Museu do Prado, a Sagrada Família, e mesmo o Guggenheim, e a Cidade das Artes de València.
Gisaku, ópera prima do catalán Baltasar Pedrosa, narra a história dunha loita entre o bien e o mal na que un grupo de persoaxes axunta as suas forzas para detér a Gorkan, amo da escuridade, no seu obxectivo de invadir o mundo coas suas hordas demoníacas. Para elo, Yohei e a sua tropa tratarán de protexer a Chave de Izanagi do mal. Un poderoso metal que pecha a porta que conduce ao umbral do mundo, e que, tras dunha batalla en Xapón hai 385 anos, fragmentou-se en cinco anacos que Yohai agochou en distintas partes dun país descoñecido e afastado: España.
Gisaku, producida pola Filmax Animation e a Sociedade Estatal para Exposicións Internacionais (SEEI), na que interviñeron 434 persons e 21 estudos de animación internacionais, además do estudo 3D de Santiago de Compostela, ún dos máis avanzados de Europa, tivo unha excelente acollida en Xapón.
O dragonciño vigués
[15:49 02/04/2006] O escultor Xaime Quessada asistiu antonte á inauguración da primera escultura súa que lucirá na cidade de Vigo, unha obra que, cando se lle preguntou, non dubidou en batizar coma "un dragonciño vigués". O conxunto escultórico, realizado en bronce con pátina verde, representa a unha fada que, ás carranchas dun dragón, sostén dúas frautas. Está orientada cara a bocana da Ría, en pleo mirador do paseo de Afonso XII, e repousa sobre unha columna de granito pulido de catro metros de altura. En total, a escultura érguese 5,5 metros sobre o chan.
Quessada, quen estivo acompañado no acto pola alcaldesa, polos seus irmáns e por amigos, familiares e representantes da política, cultura e sociedade viguesas, agradeceu ao Concello "o sítio tan fermoso" que escolleu para o emprazamento da sua "obra fantástica", a tan só quince metros da oliveira simbólica da cidade.
A obra de Quessada, fundida no taller Arte-Bronce de Goián, está adicada a Martín Códax, Pero Meogo, Mendinho e Paio Gómez Charino, rapsodas que cantaron as exceléncias do mar de Vigo.
No seu discurso, o artista ourensano defendeu "la fantástica cultura oral" de Galiza, "cuxa mitoloxía foi esmagada e marxinada" durante "a época escura da Guerra Civil". Asegureu que este dragonciño, "duns 5 millóns de anos" e carácter "moi tímido", probabelmente foi "visto polo capitán Nemo cando describiu a bahía de Vigo coma a máis fermosa do mundo". Sobre a fada -"que non é ninfa", precisou-, dixo que "canta á lírica galega".
Estréa-se Tirante o Branco
[22:45 30/03/2006] O director Vicente Aranda estreou hoxe a súa última película, Tirante el Blanco, na que puido adaptar á linguaxe cinematográfica o estilo e mais o argumento da novela homónima do século XV de Joanot Martorell.
Aranda definiu como "plaxiario" ao escritor valenciano na rolda de prensa ofrecida no Instituto Valenciano de Arte Moderno (IVAM) con motivo da estrea mundial da película, que tivo lugar esta noite no Palau de les Arts Reina Sofía. A versión deste primeiro pase oficial foi en catalán, mentres que la castelá terá mañán a sua primeira exhibición pública en Castellón, prévia á estrea en toda España o vindeiro 7 de abril. A versión orixinal da rodaxe, a inglesa, poderá verse no Festival de Cinema de Cannes, previsibelmente o 22 de maio.
Aranda estivo acompañado polo actor inglés que encarna a Tirante, Caspar Zafer, e polo bailarín español Rafael Amargo, que personifica ao Grande Sultán e inimigo do emperador de Bizáncio, que interpreta o italiano Giancarlo Giannini. Tamén asistiron as actrices Esther Nubiola (Carmesina, o amor virxinal do heroe) e Ingrid Rubio, a doncela Estefanía.
O guión foi escrito a partir da versión castelá de 1511, ainda que Aranda suliñou que o orixinal, escrito por Martorell en catalán e publicado en 1490, é máis rico en matices e vocabulário. Na rolda de prensa, Aranda comparou a Martorell con Cervantes, Borges, Stendhal e outros grandes escritores, e dixo que Martorell "sabíao todo" na sua época, que posuía "unha cultura inmensa" e que chegou ser "un plaxista xenial.
Este filme de aventuras eróticas custou 14 millóns de euros e é unha coprodución hispano-británica onde as produtoras Carolina Film, DeaPlaneta, Talen Films e Future Films contaron finalmente coa subvención da Generalitat valenciana de 100.000 euros e da Radiotelevisión Valenciana con 150.000 euros. A rodaxe transcurriu entre Madrid, Estambul, Palermo, Granada, Huelva, Barcelona e València ao largo dun total de 20 meses.
Finou Stanislaw Lem
[11:30 28/03/2006] Stanislaw Lem, ún dos principais mestres mundiais da ciéncia-ficción e autor de clásicos inesquecíbeis coma Solaris, ven de finar aos 84 anos na súa vila de Cracóvia (Polónia) após de anos loitando contra unha enfermidade coronária. O escritor levaba xa ingresado várias semanas na Clínica de Cardioloxía de Cracóvia.
Nado o 12 de setembro de 1921, Lem foi un escritor satírico, filosófico e de ciéncia-ficción. Os seus libros traducíran-se a 40 línguas e vendeu máis de 27 millóns de exemplares. É ún dos poucos escritores do xénero que mália non escribir en inglés goza de fama mundial.
Stanislaw Lem naceu en Lwów, Polónia (agora Lviv, Ucraina), fillo dun médico. Estudiou medicina na Universidade de Lwów pero a Segunda Guerra Mundial interrumpiu os seus estudos. Durante a guerra foi membro da resistenza (a sua família, de ascendéncia xudea, salvou-se do Holocausto grazas a unha documentación falsa que agochaba a súa orixe).
Co fin da Guerra, Polónia pasou para o control da Unión Soviética, unha situación que duraría mais de cincuenta anos. Para evitar ter que vivir baixo a dominación rusa, Lem mudou-se para Cracóvia, onde rematou os seus estudos na Universidade de Jagiellonianainda que non se presentou aos exames finais para evitar converter-se en médico militar e só recibiu un certificado de remate de estudos. Máis tarde recibiría gradacións honorárias do Politécnico de Wroclaw e das universidades de Opole, Lwów e Jagiellonian. Traballou como axudante de investigación nunha institución científica e comenzou a escribir narraciónes breves no seu tempo de lecer.
Nos anos 50 xurden as suas primeiras tentativas sérias no campo da ciéncia-ficción, coa publicación de Astronauci [Astronautas - 1951], Oblok Magelana [A Nube de Magallaes - 1955], e Edén, en 1959.
As suas primeiras novelas reflicten as responsabilidades do indíviduo cara ao progreso tecnolóxico e científico, pero non tardou moito en atopar campos cada vez mais experimentais, e axiña as suas visións, baixo a apariéncia de vivas fantasías, agochaban críticas incisivas e radicais ao réxime totalitário comunista. Nos anos 60 Lem viu nacer algunhas das súas millores obras: Memórias atopadas nunha bañeira, Regreso das Estrelas e Cyberiad .
Nos anos 70, creou o heroe dalgunhas das súas vindeiras novelas, o astronauta Ijon Tichy, que xurde en Dzienniki Gwiazdowe [Diários das Estrelas] e Congreso Futurolóxico, entre outros, e ven a amosar as suas capacidades para o misterioso e mais o humor negro.
Membro honorario da SFWA (asociación de escritores americanos de ciéncia-ficción) dende 1973, foi expulsado en 1976 após de expresar as súas críticas pola literatura dese xénero nos Estados Unidos. Daquela, a sua decepción coa ciéncia-ficción comeza a lle xerar problemas, relacionados co desprezo que sentia pola literatura americana e pola que sempre emitiu opinións moi negativas, o cal lle fixo ser de novo recoñecido e admirado polo réxime comunista soviético. O seu prémio foi precisamente a adaptación de Solaris ao cinema, a única vez que o cinema soviético fixo unha película de ciéncia-ficción.
Solaris, publicado en 1961, é a sua obra mais popular e a que o fixo ser internacionalmente recoñecido, especialmente por mor das súas dúas adaptacións cinematográficas; a primeira de Andrei Tarkovsky (1972) e a segunda realizada mais recentemente por Steven Soderbergh, en 2002. Ambas versións centran-se en aspectos particulares da obra, pero ningunha captou en toda a súa extensión a magnitude da novela.
Após da caída do comunismo en 1989, Lem deixou de escribir ciéncia-ficción e adicou-se a escribir estraños informes con predicións para o futuro próximo para governos e diferentes organizacións, que eran motivo de burlas sobre a súa saúde mental e que non contribuiron en absoluto a lle facer popular a el nin á ciéncia-ficción non americana. Ademáis, escribiu ensaios sobre crimes cibernéticos, así como sobre os problemas éticos e tecnolóxicos prantexados pola expansión da Internet.
Stanislaw Lem foi un escritor deses que fan que a ciéncia-ficción sexa considerada un xénero literário de verdade. Os seus temas foron realmente a filosofía, a cultura e a história, a crítica do antropocentrismo e a evolución biolóxica. Todo isto agochouno baixo unha face de fantasía e de futuro cuxa lectura non deixa nunca indiferente. Admirado por uns e considerado demasiado filosófico por outros, Lem foi-se nos seus anos máis escuros, sen recibir a homenaxe que o xénero fantástico lle debía.
Nominados aos Hugo
[21:45 22/03/2006] Veñen de se anunciar os nominados para os prémios Hugo e John W. Campbell deste ano. Os galardóns serán entregados no decurso da L.A.con IV, a 64ª convención mundial de ciéncia-ficción que terá lugar en Anaheim, Califórnia, do 23 ao 27 de agosto. De seguido presentámos-vos a listaxe completa de candidatos:
- Millor Novela:
- Learning the World, de Ken MacLeod
- A Feast for Crows, de George R.R. Martin
- Old Man´s War, de John Scalzi
- Accelerando, de Charles Stross
- Spin, de Robert Charles Wilson
- Novela Curta:
- Burn, de James Patrick Kelly
- Magic for Beginners, de Kelly Link
- The Little Goddess, de Ian McDonald
- Identity Theft, de Robert J. Sawyer
- Inside Job, de Connie Willis
- Relato Longo:
- The Calorie Man, de Paolo Bacigalupi
- Two Hearts, de Peter S. Beagle
- TelePresence, de Michael A. Burstein
- I, Robot, de Cory Doctorow
- The King of Where-I-Go, de Howard Waldrop
- Relato Curto:
- Seventy-Five Years, de Michael A. Burstein
- The Clockwork Atom Bomb, de Dominic Green
- Singing My Sister Down, de Margo Lanagan
- Tk´tk´tk, de David D. Levine
- Down Memory Lane, de Mike Resnick
- Millor ensáio:
- Transformations: The Story of the Science Fiction Magazines from 1950 to 1970, de Mike Ashley
- The SEX Column and Other Misprints, de David Langford
- Science Fiction Quotations, de Gary Westfahl
- Storyteller: Writing Lessons and More from 27 Years of the Clarion Writers´ Workshop, de Kate Wilhelm
- Soundings: Reviews 1992-1996, de Gary K. Wolfe
- Millor película:
- Batman Begins
- As crónicas de Nárnia
- Harry Potter e o cáliz de lume
- Serenity
- Wallace e Gromit na maldición das verduras
- Millor curto ou episódio dunha série de TV:
- Battlestar Galactica, episódio Pegasus
- O Doutor Who, episódio Dalek
- O Doutor Who, episódios The Empty Child e The Doctor Dances
- O Doutor Who, episódio Father´s Day
- Jack-Jack Attack
- Lucas Back in Anger
- Gala de retransmisión dos prémios Victor Hugo
- Millor Editor Profesional:
- Ellen Datlow
- David G. Hartwell
- Stanley Schmidt
- Gordon Van Gelder
- Sheila Williams
- Millor ilustrador profesional:
- Jim Burns
- Bob Eggleton
- Donato Giancola
- Stephan Martiniere
- John Picacio
- Michael Whelan
- Millor Semiprozine:
- Ansible, de Dave Langford
- Emerald City, de Cheryl Morgan
- Interzone, de Andy Cox
- Locus, de Charles N. Brown, Kirsten Gong-Wong e Liza Groen Trombi
- The New York Review of Science Fiction, de Kathryn Cramer, David G. Hartwell e Kevin J. Maroney
- Millor Fanzine:
- Banana Wings, de Claire Brialey e Mark Plummer
- Challenger, de Guy H. Lillian III
- Chunga, de Andy Hooper, Randy Byers e Carl Juarez
- File 770, de Mike Glyer
- Plokta, de Alison Scott, Steve Davies e Mike Scott
- Millor escritor afeccionado:
- Claire Brialey
- John Hertz
- Dave Langford
- Cheryl Morgan
- Steven H Silver
- Millor ilustrador afeccionado:
- Brad Foster
- Teddy Harvia
- Sue Mason
- Steve Stiles
- Frank Wu
- Prémio John W. Campbell ao millor escritor novel:
- K.J. Bishop (2º ano de elixibilidade)
- Sarah Monette (2º ano de elixibilidade)
- Chris Roberson (2º ano de elixibilidade)
- Brandon Sanderson (1º ano de elixibilidade)
- John Scalzi (1º ano de elixibilidade)
- Steph Swainston (2º ano de elixibilidade)
A categoría recén creada este ano de Millor Videoxogo Interactivo finalmente foi cancelada porque non houbo votos abondo para poder establecer segundo o regulamento as candidaturas precisas para facer un reconto.
Regresa o lobishome
[23:55 16/03/2006] A Universal Pictures está a desenvolver unha nova versión do seu clásico do terror O Lobishome, con Benicio Del Toro interpretando ao protagonista central. O guionista de Seven, Andrew Kevin Walker, comezou a escribir o libreto, e Scott Stuber, Rick Yorn, Mary Parent e o mesmo Del Toro producirán. Os estudos posúen os dereitos sobre o persoaxe.
O mesmo có orixinal de 1941 que protagonizara Lon Chaney Jr., a nova película estará ambientada na Inglaterra victoriana. Del Toro interpretará a un home que regresa dende America até o fogar dos seus devanceiros, onde é trabado por un lobishome que lle fai comezar unha existéncia peluda baixo a luz da lúia chea.
O trato pechou-se após dunha série de xuntanzas entre os produtores, Walker e Del Toro, quen é un coleccionista de artigos relacionados co lobishome.
Walker pasou vários meses traballando nalgúns novos xiros no argumento, para lle dar un toque familiar acorde cos novos rtempos que corren en Hollywood, engadindo novos persoaxes e tentando tirar vantaxe dos novos efectos visuais do século XXI.
Walker terá listo o primeiro esbozo do guión en primaveira, polo que os produtores e mais o estudo son optimistas para que a rodaxe comece a primeiros de 2007 e que a estrea se produza contra o verán de 2008.
[23:05 30/03/2006] Un dos dobres de Tom Cruise na película Misión Imposíbel 3 vai demandar ao actor por mor do accidente que sofriu no plató de rodaxe, con queimaduras e curtes no 60% do seu corpo. Segundo a demanda, as equipas de seguridade fallaron e unha bomba de gasolina estourou, enchendo o seu corpo de lume. O dobre e mais a súa muller acusan á compañía de Cruise de neglixéncia e piden ser compensados por unha cantidade ainda non especificada, entre outras cousas porque xa non poden manter "relacións matrimoniais".
[11:43 28/03/2006] O cantante de soul Isaac Hayes nega agora que deixara o seu posto na série South Park por cuestións de saúde relacionadas cun ataque ao corazón, coma se dixo dende o seu entorno para tratar de protexelo. Hayes dixo que todo é certo: que deixou a série porque non está de acordo coas ataques á ciencioloxía, unha seita que el considera demasiado sagrada como para poder facer burla dela.
[11:43 28/03/2006] Richard Fleischer, realizador que dirixiu moitos filmes de ciéncia-ficción coma 20.000 Légoas baixo o mar, Viaxe Fantástica, Conan o Destrutor, Red Sonja, Doutor Doolittle e Soylent Green finou o pasado día 25 por mor de causas naturais en Woodland Hills, Califórnia, aos 89 anos. O seu pai, Max Fleischer e mais o seus tíos Dave e Louis foron pioneiros do cinema nos anos 20 e 30 e chegaron a rivalizar con Walt Disney facendo os debuxos animados de Betty Boop e Popeye o Mariño.Freddy vs. Jason vs. Carpenter?
[23:06 05/04/2006] Robert Englund, o actor que dera vida ao persoaxe de Freddy Krueger na saga de filmes Pesadelo en Elm Street, dixo nunha recente entrevista que está a manter conversas con John Carpenter, director e guionista doutra saga de filmes de terror, Halloween, para facer unha secuela do éxito de 2003 Freddy vs. Jason, pero esta vez engadindo ao "malo" de Halloween, Michael Myers.
Englund dixo que xa ten ideias de seu para o argumento e que lle gostaría sentar coa actriz Jamie Lee Curtis (a de Halloween) e co produtor Jeff Katz para discutilas: "a miña ideia tería lugar por suposto antes de que maten ao persoaxe de Jamie Lee en Halloween VIII", comentou.
Ademáis, Englund tamén confirmou que está a facer unha precuela de Pesadelo en Elm Street, que será dirixida por John McNaughton (o de Henry, retrato dun asasino). "Coido que debería ir na liña de C.S.I. e ser unha espécie de docudrama que mostre os seus crimes contra os nenos", bromeou Englund. "Logo contrataría a dous dos meirandes actores que poidas atopar para interpretar aos avogados que os ceiben. Iso, por suposto, salvaría a Freddy de ser queimado vivo".
Smallville en perigo
[23:05 05/04/2006] Un xuiz federal en Los Angeles considera que a série de televisión Smallville podería estar a infrinxir os de reitos de autor que posúen a viúva e mais a filla do creador de Superboy, Jerome Siegel, quen ideiou ao célebre persoaxe para a DC Comics nos anos 30. O xuizo prévio celebrado o pasado 23 de marzo confirmou que Joanne Siegel e Laura Siegel Larson sons os lexítimos proprietários do copyright sobre Superboy.
A sentenza deixa no aire polo tanto se se poden o u non seguir facendo episódios de Smallville, que está baseada nas histórias de Superman cando era un adolescente (Superboy). O xuiz negou o requerimento da Time Warner, da Warner Brothers e da DC Comics, que dicían que Smallville non infrinxe os dereitos de autor sobre Superboy. A Warner Brothers dixo en resposta que "está respectuosamente en desacordo" coa sentenza e que vai apelala.
Todo este asunto terá moita importáncia sobre a série Smallville, da que ainda non se sabe se poderá seguir emitíndose ou se se poderán rodar novos episódios. Actualmente atópa-se na súa quinta tempada e o xuizo podería demorarse ao longo dos vindeiros anos.
Un Cannes moi fantástico
[23:05 05/04/2006] O 59º festival anual de cinema de Cannes incluirá un pase da vindeira película de superheroes mutantes X-Men: The Last Stand e ademáis servirá para estrear The Fountain, protagonizadas por Hugh Jackman. X-Men III será estreada nos Estados Unidos o 26 de maio, durante a segunda semana do festival francés. The Fountain, do director Darren Aronofsky ainda non ten data de estrea fixada.
O festival abrirá-se o 17 de maio coa película de Ron Howard O Código da Vinci, protagonizado por Tom Hanks, Audrey Tautou e Jean Reno. Durante o festival tamén haberá ocasión de ver Over the Hedge, a última película de debuxos animados da factoría DreamWorks, coas voces orixinais de Bruce Willis, Garry Shandling e Steve Carell no papel de animais falantes.
[15:53 02/04/2006] A Paramount Pictures ven de adquirir os dereitos sobre H.I.V.E., unha novela para xoves adultos do escritor inglés Mark Walden que será producida por Lynda Obst. O título é o acrónimo de "Higher Institute of Villainous Education" (Instituto Superior de Educación Criminal), unha escola onde os rapaces con superpoderes reciben clases de como se converteren en supercriminais para loitar contra os superherois.
[15:53 02/04/2006] Robert Englund, coñecido como Freddie Krueger na popular franquícia de terror cómico Pesadelo en Elm Street, será o director de Killer Pad, unha comédia de terror producida por Wayne Rice e Avi Chesed. Agárda-se que o comezo da rodaxe sexa a finais do mes que ven en Los Angeles. Dan Stoller é o guionista deste filme, interpretado por Shane McRae, Eric Jungman e Daniel Franzese, con banda sonora do rapeiro Master P. A história vai sobre tres amigos que utilizan os cartos dun seguro para marchar da casa de seus pais e ir a vivir a unha casa enmeigada en Hollywood Hills.
[23:06 30/03/2006] Os plans da família do actor de Star Trek James Doohan de enviar as súas cinzas ao espazo foron novamente botados para atrás porque o foguete que debía levalo non despeagará en breve, após de que outro foguete semellante da mesma compañía, o consórcio Space X, tivera unha perda de combustíbel, estoupara e caira ao océano Pacífico.
[23:05 30/03/2006] Cada vez toman máis forza os rumores de que a moza de Tom Cruise, a tamén actriz Katie Holmes, está a asistir a clases onde lle aprenderán como ter un parto en absoluto silenzo. Segundo a doutriña da igrexa da Ciencioloxía, os nenos deben nacer sen ruidos exteriores, polo que teñen prohibido ás nais que digan nin unha soa verba durante o doroso proceso de dar a luz a un fillo, a fin de non "traumatizar" ao recén nacido.
[23:05 30/03/2006] Frank Coraci foi contratado para dirixir Hawaiian Dick, un thriller sobrenatural sobre un detective privado ambientado no Hawaii de 1953. Este detective fica atrapado no caso de secuestro dunha rapaza que seica estaba morta.
[23:05 30/03/2006] O pasado dia 28 finou o escritor de ciéncia-ficción española Pascual Enguidanos Usach no Hospital Arnau de València. Pascual Enguídanos (1923-2006) era o decano dos escritores españoles de ciéncia-ficción e co seu alcume de George H. White fíxose famoso ao crear a Saga dos Aznar, un conxunto de 51 novelas coas que recebiu o Prémio á Millor Série Europea de Ciéncia-Ficción na EuroCon de Bruxelas de 1978.
[23:05 30/03/2006] O produtor e director televisivo Dan Curtis finou aos 77 anos por mor dun tumor cerebral do que foi diagnosticado hai catro meses e tan só 20 días despóis de que a súa esposa morrera tamén, ela por un ataque ao corazón. O director será relembrado entre os afeccionados ao xénero fantástico polas súas películas de terror, como Burnt Offerings, Trilogy of Terror e Shadow Of Fear.
[23:05 30/03/2006] Brad Kern, o produtor executivo da série Charmed [Encantadas, na súa versión española], dixo nunha recente entrevista que non ten a menor intención de chamar a Shannen Doherty para facer un episódio especial no que aparecerían todas as irmás protagonistas desta série. O persoaxe de Doherty, Prue Halliwell, foi asasinado en 2001, após de que xurdiran fortes rifas entre a actriz e mais o produtor. Kern dixo que "hai moitos motivos polos que non vou pedir a Shannen que volva".Rexeitada a demanda contra O Código da Vinci
[0:55 08/04/2006] Un xuiz do Tribunal Superior de Londres rexeitou hoxe a demanda de pláxio presentada contra a famosa novela O Código da Vinci (2003), de Dan Brown. Os demandantes consideraban que o escritor copiara as suas investigacións sobre un hipotético matrimónio de Xesús Cristo e María Magdalena.
Os autores Michael Baigent e Richard Leigh demandaran á Random House, editorial de O Código da Vinci, ao considerar que Brown copiara ideas do seu libro The Holy Blood and the Holy Grail (1982), publicada pola mesma casa.
Tras se coñecer o fallo, Dan Brown sinalou que as imputacións de Baigent e Leigh "non tiñan ningunha validez", e engadiu: "Ainda estou estupefacto polo feito de que estes autores decidisen apresentar a sua demanda".
Random House declarou que o dictame xudicial "garante que os novelistas seguen a ser libres para incorporar ideais e investigación histórica". Ambos libros abordan a tese de que Xesús Cristo e María Magdalena casaron, tiveron un fillo e a sua descéncia prolongou-se até a actualidade.
Baigent e Leigh argumentan que empregaron cinco anos de investigacións para escreber o seu libro e acusan a Brown de copiar as suas ideias co fin de evitar facer as suas próprias averiguacións para O Código da Vinci.
Nembergantes, Brown, que testemuñou durante o xuízo de tres semanas, tildou as acusacións de "rocambolescas". De dar o xuiz a razón aos litigantes, ese fallo poderia acarrear como consecuéncia a paralización da venda de O Código da Vinci e a estrea do filme baseado nesa obra no Reino Unido, previsto para o mes próximo.
A novela, da que se venderon mais de corenta millóns de exemplares en todo o mundo, reportou a Brown uns ingresos superiores aos 360 millóns de euros desde a sua publicazón en 2003, o que converteu ao autor americano no escritor mellor pagado da História.
[15:53 02/04/2006] O lendário gurú dos efectos especiais Ray Harryhausen recebirá o prémio Memorial George Pal na vindeira 32ª gala dos prémios Saturno que outorga a Académia de Cinema de Ciéncia-Ficción, Fantasía e Terror. Harryhausen é o realizador que fixo filmes coma Xasón e os Argonautas, A séptima viaxe de Simbad e Choque de Titáns.
Nominados aos Stoker
[11:48 12/04/2006] A Horror Writers Association (Asociación de Escritores de Terror) ven de anunciar os nominados para os prémios Bram Stoker 2005. Estes galardóns, que levan o nome do autor de Dracula, serven para premiar aos millores no eido da literatura de terror ao longo do ano. Os gañadores serán dados a coñecer no decurso do banquete de gala que terá lugar na conferéncia anual da HWA, que este ano se celebra en Newark, New Jersey, o vindeiro 17 de xuño.
A listaxe completa cos nominados vai de seguido:
- Millor Novela: Creepers, por David Morrell, Dread in the Beast, por Charlee Jacob, Keepers, por Gary Braunbeck, November Mourns, por Tom Piccirilli
- Millor Primeira Novela: The Hides, por Kealan Patrick Burke, Scarecrow Gods, por Weston Ochse, Siren Promised, por Alan M. Clark e Jeremy Robert Johnson
- Millor relato longo: Best New Horror, por Joe Hill, In the Midnight Museum, por Gary Braunbeck, Some Zombie Contingency Plans, por Kelly Link, The Things They Left Behind, por Stephen King
- Millor relato curto: As Others See Us, por Mort Castle, Haeckel's Tale, por Clive Barker, Times of Atonement, por Yvonne Navarro, We Now Pause for Station Identification, por Gary Braunbeck, Invisible, por Steve Rasnic Tem
- Millor Antoloxía: Corpse Blossoms, por Julia e R.J. Sevin, Dark Delicacies: Original Tales of Terror and the Macabre, por Del Howison e Jeff Gelb, Outsiders, por Nancy Holder e Nancy Kilpatrick, Weird Shadows Over Innsmouth, por Stephen Jones
- Millor Colección de Ficción: Haunted, por Chuck Palahniuk, Looking for Jake, por China Mieville, Magic for Beginners, por Kelly Link, Twentieth Century Ghosts, por Joe Hill
- Millor obra de non-ficción: The Bradbury Chronicle, por Sam Weller, Horror: Another 100 Best Books, por Stephen Jones e Kim Newman, Morbid Curiosity number nine, por Loren Rhoads, More Giants of the Genre, por Michael McCarty, Why Buffy Matters: The Art of Buffy the Vampire Slayer, por Rhonda Wilcox
- Millor obra Poética: Freakcidents, por Michael A. Arnzen, Seasons: A Series of Poems Based on the Life and Death of Edgar Allan Poe, por Daniel Shields, The Shadow City, por Gary W. Crawford, Sineater, por Charlee Jacob
Ghyslain "Maul" Raza, compensado
[11:48 12/04/2006] De certo que relembrades aquel vídeo dun rapaz gordecho canadiano xogando cun pau imitando a Darth Maul (o de A Ameaza Pantasma) frente a unha cámara. Catro anos despóis de ser gravado por primeira vez na Internet, e após de centos de versións cargadas de humor, o xove "protagonista" do vídeo, Ghyslain Raza, ven de aceptar un acordo económico polo que non demandará aos seus tres ex-compañeiros de clase que distribuíron as imaxes.
Raza e mais os seus pais escomezaran hai tres anos accións xudiciais contra os tres responsábeis de que o devandito vídeo fose distribuido. Solicitaban en total unha cantidade de 351.000 dólares canadianos (uns 300.000 euros) en concepto de danos. Non obstante, non se especificou a suma que finalmente cobrará Ghyslain en virtude do acordo extraxudicial.
Este é ún dos casos de "ciber-bullying" máis coñecidos, extendidos e publicitados até agora, xa que as sucesivas modificacións ridiculizaban máis e máis ao rapaz. Ainda que por suposto é tamén ún dos casos de popularidade na Internet máis notábeis que se relembran.
Os pais de Raza alegan a presión aturada polo seu fillo após de ser ridiculizado en todo o mundo a través da Rede, o que lle conduciu incluso a ser internado nunha institución psiquiátrica.
Nas imaxes orixinais, Ghyslain Raza, un rapaz gordecho, saía imitando ao persoaxe da Guerra das Galáxias Darth Maul co pau dun remo mentres danzaba e xiraba con certa torpeza. A partir daí, comezaron as modificacións do vídeo, ao que se lle engadiron efectos especiais, grazas ao traballo inicial de Bryan Dube.
Os vídeos baseados neste persoaxe son moi numerosos, e mesmo existe un videoxogo, Tony Hawk Underground 2, que lle fai unha chiscadela ao incluilo nunha das pantallas, mentres que foi proxectado en estádios e a CNET incluino no seu "Top 10" de temas máis populares da Rede. Tamén existe un episódio da série de debuxos animados Pai made in USA no que aparece o rapaz danzando nunha convención de "friquis" de ciéncia-ficción.
[15:54 02/04/2006] A encarnación humana de Lara Croft, Karima Adebibe, natural tamén de Londres, foi a estrela da presentación en España de Tomb Raider: Legend, primeiro episódio da saga con versión para consola de última xeración (Xbox 360) e portátil (PSP), ademáis de para PC, Xbox e PS2. Karima dixo rpresentar a un tipo de muller "sexi e feminina, pero un pouco rapazalo, coma min".
[15:54 02/04/2006] Ao redor de 20 minutos da vindeira Superman Returns serán unha "experiéncia IMAX 3D", segundo anunciaron a IMAX e mais a Warner Brothers. A versión IMAX do filme debutará o 30 de xuño, o mesmo día que o filme convencional de Bryan Singer chegue aos cinemas. "As escenas de proba que foron convertidas ao formato IMAX 3D, soan e semellan absolutamente abraiantes", dixo o director.
Trek 11 ainda respira
[22:37 17/04/2006] O guionista Erik Jendresen dixo nunha recente entrevista que a súa proposta de película Star Trek: The Beginning, a 11ª na popular saga trekkie, non está aínda morta, ainda que a Paramount tomou a decisión de non seguir adiante co filme.
O guión de Jendresen tería lugar despóis dos sucesos da série de TV Star Trek: Enterprise e antes dos da série orixinal, durante a guerra terrícola-romulá. O filme centraría-se nunha nave e nunha tripulación enteiramente novas, dirixidos por un capitán chamado Tiberius Chase. Este filme sería o primeiro dunha triloxía que remataría coa formación da Federación de Planetas Unidos.
"Queríamos revelar a verdadeira causa desa guerra, que foi abraiante para todos os implicados daquela", dixo Jendresen. "Simplemente queriamos revelar a verdade após dese alarmante incidente".
Jendresen era o encarregado de escribir un guión o ano pasado, pero daquela a franquícia caíu no esquecemento dos novos directivos, cando a compañía Paramount fusionou-se coa DreamWorks e mudou toda a equipa directiva. Polo de agora, a Paramount está ainda a evaluar o que facer coa súa saga máis produtiva e non saben se resucitarán o guión de Jendresen.
Cinema fantástico em Lisboa
[13:36 16/04/2006] Segundo informam os nossos amigos da Epica, para o final do mês de Abril, estão reservadas algumas boas surpresas para os cinéfilos de Lisboa. Dois festivais abrem as portas e são eles a III Edição do Indie Lisboa e o certame Fantasporto em Lisboa, uma selecção de alguns dos filmes que foram exibidos no último Fantasporto.
O Indie Lisboa vai