|
||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Por fin chegou ás nosas mans a segunda parte da Crónica de Feaglar. E se me pedides que vola resuma nunha frase, direi-vos que concordo que as segundas partes non son boas, neste caso, son mellores! Nesta segunda parte acabaron as presentacións e comeza a aventura sen mais dilacións. Cun desenrolo xa prácticamente liñal e mais lixeiro, a longa viaxe deica Goor vainos esclarecendo moitas das dúbidas ao redor dos personaxes principais, da súa verdadeira orixe e das súas motivacións. Pouco a pouco imos desfiando a madeixa, e imos comprobando como algunha das nosas suposicións eran certas, e tamén, imos sorprendéndo-nos con novas revelacións. É certo que existe o Draidex, e que cómpre acadalo antes de que caia nas mans de Calicíada, unha raiña cobizosa e sen escrúpulos, capaz do pior. Pero tamén é certo que a pesares das profecías, o consegui-lo dependerá da resolución dos homes. Porén, o Draidex é apenas a punta dun iceberg. Arredor del existe todo un mundo xa desaparecido pero que pode influir de forma decisiva no futuro do que xa coñecemos. Podemos facer duas lecturas diferentes: unha, as aventuras e desventuras duns homes coraxosos loitando por conservar o único mundo que coñecen, e outra, para min mais interesante aínda, as chaves da verdadeira natureza humana, capaz do mellor e do peor. O heroe por excelencia, Feaglar, revélase coma un home coas mesmas fraquezas que calquera outro, que falla ás suas mais férreas conviccións e promesas por ser apenas iso, un home. O ben e o mal nunca son absolutos, e personaxes que poden parecer abomináveis nun momento, conseguen gañar a nosa simpatía noutra altura simplemente porque no fondo, e todos sabemos iso, a vida pon-nos en situacións nas que nada do que creiamos é inmutábel. A grandeza da historia reside, ao meu parecer, neste punto. Porque é unha historia de seres humanos. Non é unha epopeia, é un reflexo do que podería pasar en calquera parte, se eliminásemos os elementos máxicos ou fantásticos. Non hai vitórias ou derrotas absolutas, e algunhas das vitórias son realmente amargas. Pero iso é algo que só lendo esta crónica pode ser descuberto. Dar mais detalles sería innecesário, coido eu, e podería mesmo romper a máxia da lectura. Polo tanto, amigos, facédeos cun exemplar e sacade as vosas próprias conclusións. Eu pola miña banda só podo dicir que fico coa mesma sensación que cando acabo un bo libro ou unha película: qué magoa que xa acabase, pero disfrutei tanto mentras... De novo, os nosos parabéns, Pedro e deica outra
Comentário de Maria Comesaña
Antes de vos presentar o meu parecer sobre a novela de Pedro Ventura, A Crónica de Goor, coido que deberia aclarar que non son una leitora habitual do xénero fantástico, o que fai que me encare ao texto dende unha perspectiva tal vez menos viciada. Tamén gostaría de facer unha louvanza á capa. Sei que o continente non é o mais importante, pero tamén por deformación profesional coido que ao ser a primeira percepción que temos do libro, esta debe ser boa, e neste caso, tráta-se dunha excelente presentación. En principio, cháma-me a atención o estilo narrativo, nada complicado e moi directo. Nada a ver có seu compatriota Saramago, por exemplo, pero estamos a falar de duas visións completamente diferentes da literatura, polo que as comparanzas sobran. Ainda que coido que os leitores agradecerán que Pedro non perda o tempo con filigranas estilísticas e pase a revelarnos mediante unha técnica concéntrica as chaves da história. E digo isto porque o que en principio poden parecer detalles sen importancia, a medida que transcurre a acción, imos decatándonos de que aquel episodio sobre o que pasa sen facer ruido, resulta revelador. Póren en conxunto debemos dicir que á vez que avanza a historia, o mistério que rodea ao Draidex, faise aínda mais intrincado, envolvendo todo o que se pasa nos Sete Reinos: Qué é o Draidex? Por que algo do que ninguén sabe se existe ou non convérte-se de súpeto en algo tan cobizado? Por que Feaglar, o rei dhorian vé-se case obrigado a saír na súa procura cando nin el mismo cré na súa existencia? Ainda que os ingredientes utilizados nesta novela son abundantes no xénero fantástico – un elemento máxico, a loita eterna entre o Ben e o Mal, unha viaxe iniciática, a aparición dun personaxe-talismán...- debo recoñecer que dá vontade de ler o libro dunha soa vez para atopar resposta a todas as preguntas que van xurdindo na nosa mente. Pode ser que ao comezo pareza unha história típica, pero como se adoita a dicir, engancha. Cando chegamos ao final desta primeira parte, o noso corazón xa está tamén pronto para viaxar có rei Feaglar, a súa enigmática muller Gar-Dena e o resto de valentes cára a Goor, a terra maldita, na procura do mítico Draidex antes de que caia nas mans erradas e mude para sempre o mundo coñecido polos homes. Agora, que Pedro Ventura consiga responder ás expectativas criadas na tan desexada 2ª parte, só depende da súa habilidade coma escritor. E despois do lido, non duvidamos de que o acadará. Bom sucesso, Pedro, e obrigados por esta história.
Comentário de Maria Comesaña
Ainda que xa non son novidades, traemos á palestra a esta triloxía escrita por ún dos autores máis salientábeis da fantasía a nivel mundial, David Eddings. Eddings acadou facerse un nome dentro do mundo do fantástico cunha série de dez libros, a Belgariada, con persoaxes memorábeis, diálogos frescos e acción a tope, pero cun argumento demasiado elemental e non moi orixinal. O seu éxito levouno a crear un novo mundo, cunha triloxía (os Elénios) que tamén resultou un éxito, ainda que non tan grande coma o anterior. A triloxía que vos presentamos hoxe é a dos Tamuli, a continuación dos Elénios. Dentro de España Eddings tivo que sofrir coma tantos outros a man dos tradutores. Para realizar esta revisión conxunta tiven a fortuna de poder ler dúas edicións distintas: un tomo en inglés orixinal (Cúpulas de Fogo), e outros dous coma traducións (A cidade agocha e Os fulxentes). Non sería xusto se non dixese que obviamente o primeiro é o máis recomendábel e por suposto o millor escrito. O argumento xira ao redor dun persoaxe ao que xa coñecemos os fans de Eddings: Sir Sparhawk, ou nunha das traducións prévias, a de Timun Mas, "o cabaleiro Falquián". É curioso como esa aberrante manía española de traducir os nomes non resulta nunha obra tan mala como cabería coidar: de feito, a tradución de Dolors Gallart para Timun Mas é das máis atraíntes, se cadra pola linguaxe empregada, adaptada a un lector de español. Pero por suposto, afastada da ideia orixinal. En calquera caso, nesta nova triloxía trasladámonos até o reino do Tamuli, no Leste dos reinos que xa coñeciamos da anterior triloxía de Sparhawk. O noso heroe, xa casado coa raíña Ehlana, e da que tivo como filla á deusa Afrael, ainda está baixo a disciplina da Orde dos Cabaleiros Pandións. Básicamente esta história é a mesma cá da anterior triloxía, pero cun escenário distinto e cun deus malvado distinto (esta vez moito pior có anterior, como corresponde a unha saga da que o creador das Bólas Máxicas se sentiría orgulloso). O afastado reino do Império Tamul corre un perigo grave: un malvado está a tentar invocar a un deus perigosísimo para que lle axude a se facer co control do império, pero nin este malvado sabe o risco que hai en facer tal cousa. Sparhawk, o vencedor do deus Azash e salvador dos Elénios, é chamado para axudar ao Emperador, polo que deberá viaxar a través du nenorme continente axudado pola deusa Afrael e acompañado de todos os persoaxes que xa nos son familiares, incluindo á súa mesma esposa, a caprichosa raíña Ehlana. Após de moitos perigos, Sparhawk chega á capital das cúpulas de fogo, onde deberá loitar contra insurreccións, confabulacións palacegas, e malvados de opereta aos que só lles falta a musiquiña sincopada para que nos decatemos de que son os inimigos aos que hai que derrotar. Nun escenário coma este, de falsa épica e tantos estereotipos xuntos, é o humor o que salva o conxunto. Hai que recoñecer que Eddings sabe escribir e que é quen de manter o suspense mália o evidente do resultado final, no que é a forza bruta e os puños os que sempre salvan a situación. Non podemos comentar moito máis para non desvelar as moitas sorpresas que deparan ao leitor, ainda que por motivos que nos sexan completamente alleos, abonda con lér a contracapa dos libros para saber exactamente o que acontece ao final de cada tomo! Así que xa sabedes, cómpre non ollar esa parte, arrincala, ou poñer-lle un papel por riba porque é un spoiler total. Máxia, aventuras, acción... nunha triloxía de libros que nunca has disfrutar tanto coma cando os leas por primeira vez. Literatura chicle, de usar e tirar? Se cadra si, pero mentres dura o sabor, o chicle sabe ben. Comentário de Fran Morell
Se a fantasía heróica en xeral e a épica en particular describíron-se decote polos críticos máis asisados coma xéneros pouco desenvolvidos no sentido histórico, La Cólera de Nébulos non será definitivamente a novela que nos faga mudar de opinión. Dende un punto de vista claramente épico, a obra do escritor murciano Francisco Javier Illán Vivas (1958) introdúce-nos na epopéia de dous persoaxes, ún principal (Eleazar) e outro secundário (Eostes), creados coma epígonos do clásico dúo señor – escudeiro, e no que polo tanto as novidades literárias son exíguas. Eleazar, fillo do deus Nébulos, introdúce-se xunto ao seu compañeiro na terra erma de Chandigarán, por motivos que nos son alleos, e por eses mesmos motivos resulta castigado polo seu pai celestial cunha maldición da que pouco se nos dí, agás que para erguela deberán pasar por unha série de probas. A relación dos feitos é pois a principal e case exclusiva história que se nos narra no libro, nunha edición sorprendentemente boa da Nausícaä. Respondendo ao senso clásico das cousas, os personaxes son estereotipados, nunca vai abraiarnos nada do que fagan. Nombergantes, son descritos dun xeito moi escueto en relación co rico, ás veces mesmo exuberante desfile de adxectivos, cun estilo que por veces tenta imitar ao lovecraftián, mentres que os feitos narrados son unha relación non sempre argumentada de acontecementos aos que non podemos cualificar como suxeitos á teórica da causa-efecto. A verdade é que o persoaxe millor logrado é o do meigo Barbarrabás, un indivíduo estremo pero que se cadra é por iso polo que se afasta do modelo arquetípico no que semellan encerrados os demáis. As paisaxes responden a un concepto moi jüngeniano das histórias, que non precisan moito siso para comprender á primeira se un persoaxe é bó ou malo, mesmo ás veces tan sólo polo seu nome. E é que o capítulo dos nomes debería ser un á parte nesta novela: recollendo toda a tradición mediterránea, o autor ofrécenos un auténtico desfile de culturas e tradicións agochas baixo cada nome de lugar, de persoa ou de cousa. Grécia, Roma, Israel, Ásia, e sen que falten tamén algunhas referéncias á Europa nórdica, pasan perante os nosos ollos nunha mistura non doada de descrifrar e sen que a primeira vista se poida establecer claramente a xeografía deste peculiar mundo. Esta aclaración á xusta curiosidade do lector sempre ficará pendente de se resolver para o vindeiro capítulo, así até rematar o libro, claramente escrito ao longo de moitos anos, o que nos deixa co mel nos beizos cando de súpeto remata sen nos dar explicación a case ningunha das moitas interrogantes deixadas no ár ao longo das súas case 300 páxinas. Libro recomendado para todas as idades (mália algúns esforzos moi inxénuos por falar de sexo nalgunhas escenas das que se podería ter sacado bastante máis), La cólera de Nébulos é unha desas histórias que che van atrapando sen outro fundamento que o de saber o que será o que aconteza na seguinte páxina.. e se por fin os nosos heroes van ser quen de amosar todo o seu poder nesta história de superheroes contra superfalcatruáns!
Ao acometer unha crítica literaria, el é preciso reparar no público ao que vai dirixida e fixar un obxectivo a transmitir a partir da lectura e análise da obra. Teño ante min a difícil tarefa de facer un comentario sobre unha novela do editor da revista na que vou publicar. Isto implica un primeiro lector da máxima relevancia que o vai someter a atención particular, pois que ten parte no asunto a tratar. E tamén que outros lectores poden entender que hai un certo condicionamento a favor, pois que o editor examina e acepta, ou non, o artigo. Certamente, este é un comentario laudatorio. E por iso, máis difícil vai ser convencer os lectores da miña obxectividade, independentemente do lugar de publicación ou do coñecemento previo que o comentarista ten do autor. Velaquí os meus obxectivos principais conforme a unha segmentación dos lectores:
Quixer, para comezar, lembrar un elemento que me parece importante no tocante a Fran Morell. Eu particularmente coñezo o seu traballo asociado ao mundo da aventura gráfico-conversacional: O día despois -había versión castelán que, por certo, fora seleccionada daquela para un concurso de aventuras en español- ten, para min, unha lembranza especial dentro dos xogos daquela época (hai 17 anos, coido): pertencía ao xénero de xogos dos que máis gostaba, estaba en galego e, ademais, tiña unha temática distinta ao predominante mundo máxico, influencia da Aventura Orixinal - a primeira do xénero, distribuída había daquela pouco en español - isto é, era verdadeiramente orixinal dentro da aínda limitada oferta de títulos dispoñibles. As limitacións gráficas obrigaban a un xogo textual, a descrición de escenarios e obxectos supuñan o principal atractivo. Un certo nivel -básico mais enxeñoso- de diálogo cos personaxes, completaban un modo de contar historias caracterizado pola concisión -non estenderse moito máis do que se podía ler na pantalla- e a non lineariedade -liberdade para moverse e interactuar. Así que o texto e habilidade descritiva do autor eran a principal ferramenta para facer unha aventura atractiva. Entendo que aqueles exercicios de enxeño influíron no estilo do autor. Os escenarios, personaxes, obxectos da historia na que o lector se vai desprazando (desta volta linealmente), conforman cadansúa unidade, para formaren un todo que permite resolver o puzzle. Non puiden evitar ler Charlie como se, outra vez, estivese a xogar unha aventura. Cando tiven a novela impresa - Fran tivo a deferencia de me enviar o orixinal en versión dixital ben antes de ser publicada - procedín a unha lectura máis completa. Aínda relín transcorridos catro meses, desta volta xa co bolígrafo e folios onde ía anotando características dos personaxes, escenarios e tempo. Charlie conseguira cautivar a miña atención ata o punto de merecer un estudio máis exhaustivo. Primeiramente hei de dicir que esta é unha novela de doada lectura, con doses de humor negro e intriga que a fan entretida desde as primeiras páxinas. E unha lectura apta para quen busque simplemente entretemento. Non ha defraudar. Pero hai máis. E dabondo, abofé. Charlie é unha de esas obras que descobre situacións e personaxes de unha realidade á que se permite un acceso privilexiado desde a literatura -ou a arte nas súas múltiples formas- como:
O protagonista, que lle dá título á novela, Charlie, vén presentado como un ser con tendencia á pusilanimidade, sen vontade para exercer os seus dereitos na vida laboral e privada, marcado por unha evocación constante á lembranza de súa nai que lle recrimina, unha vez si outra tamén, o que debe facer, e uns pensamentos de odio e exclusión de todos aqueles que son distintos -pola súa apariencia, o seu modo de ser ou de pensar-. E, el non obstante, o Charlie nomais prentede que levar unha vida acougada e independente. Non ten maiores aspiracións. A acción, de feito, transcorre no momento no que decide refacer a súa vida afastándose do ambiente no que vive. Un narrador omnisciente selectivo presenta os aspectos máis relevantes da biografía de Charlie ata o momento en que adquire unha vivenda no extrarradio de Nova Iorque e, co protagonista, vai descubríndolle ao lector o seu novo lugar de residencia e os seus habitantes. O uso de tipografías e formatos distintos aporta claridade e constitúe un elemento distintivo na novela: o estilo directo dos diálogos, o narrador omnisciente e as intercalacións de fontes escritas. Cada un coa súa propia tipografía -ou mesmo tipo pero uso de cursiva no caso dos diálogos. Habería que engadir o uso de paréntese para unha voz que interrompe os pensamentos de Charlie, aportando distintos puntos de vista e dando ordes, como un outro eu, ou un ente capaz de falar directamente desde a mente do personaxe principal. Recoñezo que non estou ao tanto da literatura contemporánea, nin son especialista en literatura, mais gosto de ler, e algo teño lido, e podo dicir que, no que a min respecta, non teño visto un uso tan bo dos tipos e estilos de letra, tan ben feito e tan determinante na propia lectura da novela como desde que, aínda adolescente, lera a Historia Interminable. E daquela, hai uns elementos de estilo que facilitan e enriquecen enormente a lectura: proporcionan variedade de puntos de vista - contrástase o que se di co que realmente se pensa, creando situacións irónicas de auténtica retranca - e doutra banda permiten, nos momentos de maior intensidade psicolóxica, a determinación da procedencia das voces -da mente de Charlie, dos personaxes externos ou de ambos os dous. Así el vai sendo presentado todo un grupo de personaxes secundarios caracterizados desde a perspectiva do protagonista, case decote de modo excluínte, carraxento e negativo. A intercalación de pensamentos en estilo directo cobra importancia segundo el vai avanzando a novela: el é o modo de coñecer a psicoloxía de Charlie, en constante contradicción co seu comportamento - aparentemente correcto, mesmo condescendente de máis. Charlie é discriminado ou rexeitado por diversos motivos: por avaricia, por apatía laboral, por ansia de cartos - do seu caseiro, do comercial inmobiliario, do garda, a bibliotecaria, o sherif, a cociñeira, o director do centro, os seus compañeiros de traballo... todos os personaxes parecen ter algo contra Charlie e de actuaren ao seu favor é pola convenencia que lles ten. Hai unha palabra en galego que entendo designa con precisión certo denominador común do proceder de estes individuos: teima. El é como se lle tiveran teima. Mais esta teima, aínda supondo unha conxunción de vontades a actuaren na súa contra, descoñecida para Charlie e por tanto tamén para o lector, non é abondo para explicar todo o que acontece. A parte máis importante da intriga consiste en desnovelar aquilo que é realidade e o que é producto da imaxinación - a metáfora paronomástica, case dou por certo, nalgún curruncho da miña memoria eu estou por dicir, que xa a eu lin de algún autor sen poder precisar cal. Sexa como for, eis que vén moito ao caso por canto o asunto é desfacer o enguedello que produz a novela, seguir o fio ata dar co punto inicial, coa solución, como se do labirinto do minotauro se tratar, como se a novela for verdadeiramente un novelo que nos permite atopar a saída, satisfacer finalmente a ansia de saber, poder explicar, entender o por qué dunha serie de feitos que chamaran a nosa atención. Acó, nesta obra, acada a sua verdadeira dimensión o sentido de desnovelar presentado suso. De contado prende o interese por descubrir, averiguar, como se formos detectives, nos clásicos do xénero, hai que resolver os puzzles. Agatha Christie, Conan Doyle son os mellores exemplos que coñezo e, xunto coa serie dos tres investigadores, supuxeron tantas horas de lectura agradable na miña infancia que inevitablemente condicionan aínda hoxe en día o meu modo de ler. Nestas novelas vanse presentando os datos de maneira que o lector poida deducir, por medio do razonamento, da lóxica, quen é o culpable - pois que de determinar culpabilidades é que se trata - e a, digámolo así, fonte de satisfacción, iso que produce o disfrute da lectura, (non atopo outro modo de describir o que me estou a referir, aguardo o lector me entenda, vou seguir tentándoo con un par de exemplos máis), o que hai de elevación, de ascensión intelectual, que as obras ben elaboradas poden proporcionar; prodúcese na medida en que a solución sexa o máis inesperada posible. Iso si, e moi importante, deducible a partir dos datos que nos foran presentados. Dáselle ao lector a oportunidade de anticiparse á solución. Desde a miña experiencia particular, ese é o principal atractivo do xénero. Ter a sensación de que como lector un pode averiguar a solución do misterio e, sen embargo, abraiarse da solución do autor. Estaba aí, era tan doado..., pensa un, cando xa rematou o libro. Por iso tamén, supoño, a ampla producción destes autores: cada obra parece que nos dá a chave para entendermos o seu esquema, podermos finalmente acadar a solución na seguinte entrega. Cada novela de Agatha Christie era, para min, pensar que agora, por fin, podía entender, de seguro na próxima había acertar coa solución antes de chegar á última páxina. Charlie tamén é isto. O lector pode estar certo de que se vai manter a intriga ata a última páxina. Pero hai tamén moitas diferencias co xénero detectivesco / policíaco. Unha vez máis, Fran Morell é orixinal. Digamos que ten de bo do policíaco, o que de mellor hai. A intriga procede en boa medida da incerteza do lector para determinar con exactitude os feitos, pois ve através de Charlie e ten como únicos elementos de contraste os personaxes que entran en contacto co protagonista ou aquela información que lle chega nas intercalacións de extractos de periódicos, revistas ou o diario do antigo inquilino. Hai un recurso ao soño, os relatos oníricos como modo de aumentar a dúbida - e a posibilidade de explicación racional do que está a acontecer. Progresivamente aumentan as situacións anormais -ou paranormais - de modo que medra a verosimilitude de que Charlie ten alucinacións. El non obstante, a propia referencia ao paranormal e a dúbida sobre o comportamento dos demais personaxes en diversas ocasións - desde o principio dá a sensación de ocultaren información e xérase ambigüidade sobre a súa veracidade e honestidade - pon o lector no dilema de situar a Charlie como un individuo san de xuízo, víctima de unha situación da que non se acada determinar toda a súa causalidade, inexplicable pero racional. Existe así outra explicación - outra posible solución - fronte á patoloxía psicolóxica - á que Charlie, finalmente, parece querer renderse - : hai un intento por racionalizar e levar o acontecido ao ámbito do paranormal ou trascendente: os extraterrestres, o home negro, rituais satánicos. "Ellos" en definitiva. O plural de pronome de terceira persoa como significante do indefinible e un uso de maiúscula inicial que lle confire un estatus de amplitude semántica cara ao reverenciable, un tratamento de respeto que en español apenas se lle outorga á pronominalización do divino. Por se for necesario. Deste modo temos diversas solucións posibles, planteadas en distintos momentos da novela, que presentan diferentes alternativas para a resolución do misterio. Utilizando un símil procedente do ámbito televisivo, un Expediente X con varias vías de investigación. Vaise desenvolvendo a acción ata provocar a dúbida sobre que opción é a máis correcta. O propio Charlie unha vez aceptada a patoloxía como explicación satisfactoria, ten de novo a necesidade de recorrer ao paranormal e, por fin, cando nun acto de desesperación solicita axuda a un deses personaxes aos que desprecia, hai unha posible solución, de constatación, cando menos, da existencia de "Ellos": a cociñeira fai referencia ao pronome de terceira plural - con maiúscula inicial - sen maiores explicitacións, para xustificar precisamente un comportamento indiferente - e de desprezo - cara a Charlie. Por fin alguén máis que o protagonista atribúe responsabilidades a unha causa esóxena. Como nas mellores novelas de intriga, sabemos que hai efectivamente unha causalidade nos feitos, malgré non podermos determinar a culpabilidade. Mais acto seguido, nun final aberto, excelentemente logrado, de novo a dúbida sobre a realidade, se é certo ou non o que vén de ser escoitado. Unha causalidade endóxena, procedente da mente de Charlie. É o lector quen finalmente debe decidir e buscar unha explicación. Velaquí, pois, a grande diferencia coas novelas de misterio. Nestas, hai un pacto establecido de que ten que haber solución. De novo eu teño apenas un coñecemento superficial do xénero, e falo por apreciacións persoais froito de aproximacións limitadas, mais paréceme que no terror, e no cinema, si é máis lugar común deixar un final aberto, pero, aínda así, previamente, hai unha solución ben lograda: nas películas de serie B, como estereotipo que son (e polo tanto cos ingredientes fundamentais), os herois (individuos normais, polo regular) logran salvarse e acaban co inimigo, aínda que é lícito, na escena final, se cadra xa despois dos créditos, que un bicho mutante latexe nun curruncho afastado mentres ao fondo a familia ou o que fica dun grupo inicialmente máis numeroso de adolescentes regresa, entre aloumiños e saloucos, á casa-. En Charlie, nin iso. Varias posibilidades sen que se decante por unha solución. Como cota máxima de compromiso, a posibilidade da constatación de que houber efectivamente unha responsabilidade e esta for coñecida por outros personaxes. Ergo, como conclusión da análise previa: resúltame difícil inserir a novela de Fran Morell dentro dun xénero concreto. Moitas veces é unha premisa á hora de adquirir unha novela, dado que o lector xa sabe o que vai atopar, hai un certo apriorismo de que vai gostar, que o vai entreter, que é do que se trata. Coido que ten o mellor de varios xéneros. E cumpre sobradamente as expectativas de quen se aproxime á súa lectura para, simplemente, ter unhas horas de entretemento. Iso si, non hai final feliz nin unha solución fechada aos variados elementos de intriga. É asunto do lector resolver en por si. Para finalizar, desexar que haxa unha pronta segunda edición -meréceo- con unha mellor calidade que a presente: na miña soltáronse varias follas de contado, iso tendo tino de non domegar especialmente o exemplar, algo que, por outra banda, gosto de poder facer con certo tipo de libros. Gostaría atopar un epílogo que resolva definitivamente a intriga. Ou mellor, tan pronto ou antes que a segunda edición, unha segunda novela, continuación da anterior, para, definitivamente, termos un final feliz e resolvermos o puzzle. Estou convencido de que boa parte dos que lean esta novela coincidirán comigo, cando menos, neste punto. Considero que Fran Morell ten dado mostras sobradas tanto da súa calidade como da capacidade para facer unha novela máis longa. Eu é outrosí do meu entendemento estarmos diante dun grande autor. Comentário de Afonso Xabier Canosa Rodríguez
Selmo é un rapaz, fillo do gardián da tribo dos Arxinas. Un día a súa aldea é destruída polos valecos, un povo inimigo, axudados misteriosamente polos Alibri, quen até ese intre foran aliados dos Arxinas. Acompañado por un representante de cada tribo e máis polo seu fiel lobo branco, Selmo terá a misión de pescudar o que aconteceu e de recuperar o Brindo de Ouro, o lendário corno máxico que infunde valor aos Arxinas e que foi roubado na invasión da aldea. Este argumento é o de O Brindo de Ouro, un libro pertencente ao xénero da Literatura fantástica na súa verquinte máis épica e aventureira, pero dirixida pola Editorial (así o confirma a concesión do Prémio Merlín) a un público xuvenil. Escrita cun vocabulário que de seguido nos impacta pola súa riqueza que semella case estudada a mantenta e polo seu contido case poético, a novela de á penas 230 páxinas fai-se curta de máis para un proxecto das súas pretensións, e é por iso polo que leva o subtítulo de I. A Chamada do Brindo, suxerindo novos episódios, que a dicir verdade fican no aire porque son poucas as cousas totalmente resoltas cando ún pecha o libro após da súa lectura e son moitas as ganas de coñecer que máis acontece na vida destes personaxes. Din que a épica é a Literatura menos desenvolvida, no senso de que nela sempre adoitan acontecer as mesmas cousas, os personaxes son demasiado arquetípicos e a trama déixa-se nas mans dun deux ex machina, nomeadamente a máxia. Pois ben, para contradicir isto no caso que nos ocupa, esa máxia semella non existir até ben avanzado o libro (na páxina 85 máis ou menos acontece a primeira cousa realmente fantástica: unha curuxa que fala); de feito, mesmo podería chegar a se botar en falla algo máis de fantasía nunha novela fantástica coma é esta. Os persoaxes certamente responden a un concepto clasicamente jüngeniano, pero no seu ambiente épico non hai moitas outras opcións a desenvolver. A trama é máis ca detectivesca, aventureira, na que interesan as cousas que van acontecendo e a presentación dos outros persoaxes que van atopando espallados ao longo dunha viaxe polo mapa da rexión (un mapa, que por certo, bóta-se de menos ás veces, para saber por ónde andan os nosos protagonistas). As descripcións durante o libro son tan ricas que rozan o naturalismo, ao modo dun cadro paisaxista ou máis ben dun bodegón; se cadra algo terá que ver que seica o seu autor utilizase a toponímia do Seoane do Caurel (Lugo) para nomear os lugares polos que descorre a aventura de Selmo e os seus. Para o leitor menos avezado, non embargantes, resultará un pouco estraña a identificación entre unhas terras míticas e unha paisaxe rural galega, impedindo asemade, se cadra, a necesária ambientación tan imprescindible na literatura do xénero. Pero como experimento, como mínimo hai que dicir que pagaba a pena tenta-lo. O maior mérito de O brindo de ouro debería ser animar aos autores galegos a explorar un eido da literatura que coma en todas as línguas romances ficou subdesenvolvido na xénese dos tempos: a épica. Adentrar-se nela sen medo aos estereotipos e converte-la nunha ideia viva, moderna e pleamente actualizada é o mérito indiscutibel de Xesús Manuel Marcos, o seu autor. Comentário de Fran Morell |